09:21 Venres, 30 de Setembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-06-2010

A crise está a servir tamén de pretexto do españolismo recalcitrante para atacar as aspiracións de autogoberno das nacións do Estado

Istoarranxamoloconsoberania.GZ

Valorar (19)

NÉSTOR REGO CANDAMIL



Ao longo da historia, sempre os períodos de crise foron escenarios propicios para a demagoxia populista e reaccionaria, e este non ía ser unha excepción. Comezou orientando un discurso xenófobo face á inmigración e insistindo na necesidade dun goberno forte (léase autoritario) para saírmos da crise, continuou coa desvalorización e desprestixio do público e serve agora aos propósitos re-centralizadores da dereita profundamente españolista que, cada vez máis, se encarna sen reservas no Partido Popular. Se esta corrente aínda é pouco representativa numericamente, tamén non convén infravalorala, pois ten a ver co rearme ideolóxico da dereita máis recalcitrante, coas ofensivas da 'Brunete mediática' contra as linguas nacionais ou o estatuto catalán, , coa saída a campo aberto do españolismo militante mesmo no noso País (Galicia Bilingüe...) e por suposto, co labor de desconstrución nacional da Galiza no que está empeñado o goberno de Feijoo.

Primeiro chegou a receita máxica da confianza: estosololoarreglamosentretodos.org ,  a campaña dos empresarios, nada sutil, que pretende convencernos de que é preciso socializar a responsabilidade da crise e por tanto tamén das súas consecuencias. Quérese dicir, socializar as perdas, mais non os lucros. Óptimo para que os banqueiros poidan seguir a presentar  contas de resultados avultadas e bonus  voluminosos en tanto aos traballadores nos rebaixan os salarios.  Mais, como temos de asumir a nosa parte alícuota, non é cousa de protestar!

No ronsel desta campaña ben habilidosa, está a chegar outra  igual de letal e reaccionaria: estosololoarreglamossinlasautonomias.org. Trátase de aproveitar o caldo de cultivo da crise para lanzar un ataque brutal ás aspiracións de autogoberno das nacións do estado e reforzar o vello discurso, xa retomado abertamente polo PP desde a etapa de goberno de Aznar, da "indisoluble unidad de la patria"."'Chegou a hora de afirmar sen titubeos que o Estado das Autonomías é o inmenso erro que nos está conducindo á ruína, á división dos españois e á desintegración da unidade da patria". Así comeza, sen titubeos.

Sempre en época de tribulacións, en que as persoas precisan de certezas ás que se agarrar,  é máis fácil facer pasar ideas prexuizosas, por moi falsas ou desatinadas que sexan, na medida en que sempre hai sectores -menos formados ou máis predispostos ideoloxicamente- propensos a crelas. Velaí senón a alta porcentaxe de poboación que, segundo as sondaxes,  manifesta a súa satisfacción coa medida de  rebaixa  do salario dos empregados públicos. Unha aquiescencia que asenta nos preconceptos, periodicamente alimentados desde o poder político e económico,  sobre a ineficacia do público e o enorme custo que supón para a cidadanía. Unha conformidade que, aliás, non toma de conta que esta medida supón abrir a espita nunha dinámica xa iniciada que visa  a  perda de dereitos e salarios para o conxunto dos traballadores.

Tamén a campaña españolista se asenta en preconceptos e mentiras que usan, en primeira instancia, a argumentación de índole práctica, mais sen ocultar en absoluto o transfondo ideolóxico. O argumento básico para propor a eliminación das autonomías é o económico, partindo da afirmación de que o estado das autonomías e o seu altísimo e inxustificado custo é 'o problema nuclear da actual crise e a razón fundamental do noso déficit público'. Claro que a seguir, explicítanse as verdadeiras razóns, que teñen a ver coa "perversión" do sistema autonómico que leva "á ruptura da unidade do mercado e, o que é peor, á ruptura do modelo de Estado baseado na indisoluble unidade de España".  O esquema é  ben simplista, pero xustamente por iso pode resultar eficaz nos ambientes ao que vai dirixido. Aliás, ten a dobre virtude de desviar a atención das verdadeiras causas e responsábeis da crise e fornecer novos (falsos) argumentos para orientar a opinión pública contra o nacionalismo.

Porque se a solución fose tan simple como 'enmagrecer' a administración pública, podemos contrapor receitas ben sinxelas que tamén está a defender o BNG como necesarias mais, por suposto, non suficientes: suprimir os ministerios con competencias transferidas ás comunidades autónomas (Sanidade, Educación, Cultura, Vivenda...), eliminar de vez as deputacións provinciais, retirar as tropas de Afganistán e reducir o gasto militar, diminuír a atribución á casa real ou mesmo camiñar cara a un único corpo policial, no noso caso a Policía Galega.

Non nos corresponde a nós, nacionalistas, defender un sistema autonómico no que nunca cremos. Mais si o dereito do noso pobo a se gobernar libremente. E, na realidade é diso do que se trata. Porque é evidente que á dereita (ou á esquerda) españolista non lle preocupa a autonomía de Estremadura ou de Murcia, senón a crecente consciencia nas nacións do Estado da ligazón directa entre autogoberno e benestar, entre nacionalismo e a posibilidade de alternativas reais á crise.

Hai alternativas, claro. O nacionalismo galego está a defendelas baixo a premisa de que unha saída xusta á crise é posíbel. E estamos certos de que moitas delas serían aplicadas con decisión e eficacia polo BNG desde o goberno galego de termos a oportunidade de facelo. Porén,  temos tamén a certeza de que todas as que ultrapasen as competencias actuais da autonomía, mesmo aquelas que poidan encaixar  perfectamente no marco xurídico-político actual,  non serán aceptadas. Simplemente porque onde non encaixan é nas previsións e intereses da ortodoxia neo-liberal, que apunta precisamente na dirección contraria.

Así as cousas, só o pleno autogoberno nos garante a posibilidade verdadeira de  adoptar as medidas que se precisan para mudar radicalmente a situación. Porque, sempre o dixemos, sen soberanía política non pode haber  capacidade real de decisión no ámbito económico. Por iso é necesario seguirmos a traballar para dotármonos como País de máis competencias e para termos o nacionalismo a ocasión de exercelas. Mais, ao tempo, por necesidade e pedagoxía política -como o mellor antídoto contra as veleidades españolistas-, cómpre reafirmar, tamén sen titubeos e sen complexos, que isto só podemos comezar a arranxalo de verdade sen dependencia, sen interferencias e imposicións do Estado. Ou o que é o mesmo: isto só o podemos arranxar con soberanía.

Para podermos promover unha economía produtiva e impulsarmos sectores económicos estratéxicos para crear emprego. Para podermos aproveitar en beneficio propio os nosos recursos naturais e sermos capaces de desenvolver todas as nosa potencialidades produtivas. Para que as empresas que operan en Galiza tributen no noso País en troca de facelo en Madrid. Para podermos normalizar a nosa lingua e desenvolver plenamente a nosa cultura, para convertela non só nun elemento de cohesión social e nacional, mais tamén nun factor de desenvolvemento social e económico. Soberanía, en definitiva, para podermos construír libremente o noso futuro.


[04-06-2010 20:08] Antón Lodeiro comentou:

Pois entón a ver se, sem complexos, nen titubeos, o BNG deixa de xogar coas palabras, deixa de simular, e denuncia abertamente o sistema autonómico como un fraude e demanda a sua superación en clave soberanista ou, por evitar complexos tamén, en clave independentista. Pero esta é a eterna contradición do BNG: ir polo rego que lle marcan e amagar verbalmente pero sen dar...

[04-06-2010 10:36] hadrian comentou:

Lin o outro día un artigo titulado "pensamiento mágico y crisis", que a pesar de estar en castellano resultou bastante interesante. Ten certa relación con este, sobre todo no que se refire á hipersimplificación de mensaxes como vía para pescar no revolto río da crisis.

Enlazoo aquí, http://charlatanes.blogspot.com/2010/06/pensamiento-magico-y-crisis.html

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña