16:01 Sabado, 28 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-06-2010

Estamos pois, diante da Porta Faxeira, Porta dos Feixes ou Porta da Leña, que nos exemplifica como o pobo usa o seu idioma dun xeito utilitario

A Porta Faxeira ao servizo da mantenza calorífica da cidade medieval

Valorar (22)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Rúa da Porta Faxeira (Santiago de Compostela)


Interpretar os antigos nomes dunha cidade medieval como Compostela é mergullarse nas fonduras do tempo e traer á tona os xeitos de vida daquelas recuadas idades.  

PORTA DE FAJARIIS,  así reza nos vellos pergamiños o nome dunha das entradas da cidade que levaba directo ao VICUS FAGARIUM,  nome que non podemos menos que relacionar  coa RÚA FAJA do bairro vello de Cangas do Morrazo.

A primeira interpretación á que tivemos acceso fala da Porta de Fagis, onde se entende referida á "fagus", que é o xeito latino de nomear ás "faias". Sería pois, unha porta abondosa desa árbore ou feita desa madeira. Non nos convence esta interpretación pois sería difícil de explicar desde o punto de vista das reguas da gramática histórica; até podería dar en "faieira", pero difícilmente se chegaría á "faxeira" de hoxe.

Encetemos outro camiño!

No noso método de estudo dos topónimos sempre nos dá moi bo resultado o uso da nosa "Portugal Connection".

Reparar na nosa lingua común, na nosa parella historia así como nos  nosos semellantes usos sociais  é sempre fonte de bos indicios para calquera investigación. Nas nosas pasadas andanzas polo Brasil temos escoitado moitas veces a palabra faxineira ao falarmos da señora que fai a limpeza ou mesmo á criada da casa.

Sempre se nos pareceron moito as dúas palabras: a galega faxeira e a portuguesa faxineira, máis... que relación podería haber entre o nome da luminosa porta compostelana e o oficio de servir nunha casa? Aínda nos confundía máis a palabra escoitada nos cuarteis ao nomearse  toque de fagina cando se chamaba á tropa para comer. Tería que haber unha relación entre as tres palabras que designan cousas aparentemente tan diferentes!

Nunha longa viaxe de tren mercamos, para pasarmos o tempo, a revista "Historia y Vida", onde demos de fronte cunha lectura histórica onde se narraba o cerco que os Tercios de Flandes fixeran sobre a  fortaleza da hoxe tan soada cidade de Maastricht. Alí atopamos a chave da relación entre todas esas verbas e de esguello a explicación que aquí presentamos da orixe do nome da célebre porta compostelana.

Describía o cronista español das penalidades sufridas polo exército no citado cerco.

Ao estar a terra do contorno enlamada non había xeito de abrir paso cos carros e demais impedimenta; compría enxugar o terreo para  poder pasar e aí foi onde os zapadores militares comezaron a deitar (segundo a expresión do cronista ), fajina, e posteriormente colocar táboas por onde xa puideron transitar os cabalos, canóns e demais aparellos. Coa palabra fajina describía o cronista militar nin mais nin menos que os feixes de leña que usaban para estrar nos lugares alagados ou nas terras de moita lentura co fin de facelos enxoitos e de poder atravesalos.

Método, por certo, ben semellante ao dos nosos paisanos cando as congrostras e os camiños das aldeas estaban lamacentos, pois  daquela deitaban feixes de toxo e xestas até que se podía pasar por riba ben enxoitos. Aí foi onde se nos acendeu a luz capaz de explicar todo! Estabamos a falar de feixes de leña ou de mato!

A faxineira brasileira era nas súas orixes a muller que tiña por encomenda ter acesa a lareira ou fogón da casa para o que debía carrexar os feixes ou fajariis que deron nome ao seu oficio. A fajina do cuartel era pois, unha referencia á cociña ou lar; tocar á fajina era como chamar ao xantar e á quentura, é dicir, ao fogón aceso.

Agora fica claro como a nosa PORTA FAXEIRA sería o punto da cidade por onde os labregos traían nos seus carros o combustible que mantiña acesas as lareiras compostelás.

Os campeiros pousarían estes feixes de leña no veciño VICUS FAGARIUM ou Rúa dos Feixes, que non dubidamos en ubicar no que hoxe é o aparcamento instalado  entre o Instituto Rosalía Castro e a Comisaría de Policía e que aínda hoxe os nativos composteláns chaman, O Campo da Leña.

Estamos pois, diante da Porta Faxeira, Porta dos Feixes ou Porta da Leña, que nos exemplifica como o pobo usa o seu idioma dun xeito utilitario, para resolver as necesidades máis corriqueiras pero fundamentais da vida, neste caso quentarse e manter acesas as lareiras da cidade medieval.

Na Pontevedra antiga temos a fermosa Praza da Leña cumprindo a mesma agarimosa e fogareira función.


[16-06-2010 21:40] xan comentou:

Non sei se será certo...pero cóntalo tan ben, tan ben, que como non cho hei crer oh!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña