17:59 Xoves, 21 de Setembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-09-2017

É evidente que a maior parte dos negocios teñen que pechar en setembro, e si contrataron a alguén, teñen que despedilo

Unha sociedade de camareiros

Valorar (7)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Finalizado o mes de agosto, e en teoría terminado o veraneo, empézanse a facer as contas e o triunfalismo dos gobernantes é humillante. En Galicia entre xuño e xullo houbo máis de 57.000 contratos na hostalería, dos que 28.500 correspondían a mozos. Son contratos para camareiros, cociñeiros e axudantes. E a pregunta que se impón é: ¿e o resto do ano, que?

No territorio do Estado fanse millóns de contratos, precarios, de aí o seu número, de maneira que os políticos, que se atribúe o que non lles corresponde cando din "creamos tantos miles de puestos de trabajo y vamos a crear de aquí al 2020 tantos millones". Os gobernos non crean nada, viuse na crise actual que o que fan é destruílos coas súas políticas impostas polo neoliberalismo,  son os empresarios, fundamentalmente as chamadas PIMES, os que contratan en función da demanda.

Os gobernos só se deben atribuír aqueles postos de traballo que entran na chamada Oferta Pública de Emprego, nestes momentos ben escasa ou inexistente, os demais créanos os empresarios, e a maior parte o pequeno empresario nuns sectores moi concretos e nuns momentos puntuais do ano, como é o sector da hostalería no verán e o comercio cando chegan as rebaixas ou no Nadal, maioritariamente é prego temporal que ten como resultado pan para hoxe e fame para mañá. Pero sempre haberá quen o xustifique, como os baixos soldos, dicindo que mellor é ter algo que nada.

¿Somos un país de camareiros?

Pero, como todo nesta vida, o verán pasa, os turistas vanse para as súas casas e a hostalería volve ao seu ritmo habitual, cando non bota a pechadura ata a próxima tempada. Estes días liamos que Sanxenxo, a Marbella de Galicia, cunha poboación de 17.500 habitantes, en agosto chega aos 130.000. Para atender a demanda dos 112.500 foráneos, contratáronse 3.300 persoas para a súa hostalería, o que vén ser o 20 % da súa poboación, por iso se impón a pregunta ¿somos un país de camareiros? E aínda así non sería nada especial se detrás desta profesión non se agachase o refuxio de moita xente sen traballo e sen cualificación profesional no sector.

É evidente que a maior parte dos negocios teñen que pechar en setembro, e si contrataron a alguén, teñen que despedilo, por iso setembro será un mal mes para o emprego, entón para facernos felices dirannos dúas cousas, que somos o país da Unión Europea que máis medra e que somos a locomotora de Europa. O grave é que hai moito parvo que o cree.

Pero ademais o sector da hostalería caracterizase por unha gran rotación e temporalidade, onde se da a mesma cousa e a contraria.  Por unha banda hai máis demanda de profesionais ben formados que oferta, pero por outra tamén hai demasiado oferta porque, crese infundadamente, que para camareiro serve calquera, de maneira que se mete a este oficio o que non ten outro traballo, nin ningún tipo de preparación neste sector, o cal dá lugar a un servizo de baixa calidade, á rotación, porque ou ben o empresario bota ao contratado porque non serve, ou se vai o traballador porque descoñece que hai que traballar moito e cobrar pouco.

A hostalería de Galicia atópase co problema de non atopar profesionais cualificados xa que os que saen das escolas de formación que hai aquí, unhas públicas e outras privadas, márchanse aos lugares habituais turísticos, moitas veces sen rematar os estudios, que son o sur e as illas, por dúas razóns, porque creen que gañan máis, tamén traballan máis horas, e porque son novos e hai marcha, e iso tamén lles atrae. O que queda aquí deixa bastante que desexar, tanto en preparación como en responsabilidade á hora de desempeñar do seu cometido. Entón para o resto do ano ¿que é o que hai aquí? As estatísticas din que o 27% dos contratos destes dous meses en Galicia foron para a hostalería, o 4% para o sector da construción e o 11 % para a industria. É dicir, nada, para que o político de quenda bote peito.

Mellorar o servizos  e cambiar as mentalidades


Si aspiramos a un turismo de calidade, que parece que é ao que se debería ir, hai que mellorar moitas cousas, entre elas o servizo. Pero tamén hai que cambiar a mentalidade dos hostaleiros, algúns dos que pensan que aínda están na antiga tasca ou taberna, e o negocio hoxe é algo máis que servir cuncas de viño. A min chámame a atención que en Santiago de Compostela, unha cidade na que o turismo é un dos seus motores económicos, sexa cousa rara pedir un godello ou un albariño, pois en varios establecementos chegáronme a dicir que non tiñan. Eu estou pedindo unha variedade de uva da que se fai viño galego, non estou solicitando unha marca determinada, pois comprendo que ao existir un gran número delas non se poden ter todas. Cando lle mostrei a miña estrañeza a unha camareira dun coñecido establecemento próximo á Rúa do Franco, díxome que llo dixese ao xefe. A miña resposta foi que llo dixese ela de parte dun cliente.

Máis estraño resulta que cando se falou de implantar unha taxa turística nalgunhas das nosas cidades, o presidente da Xunta, que para cubrir o déficit subiu as taxas de todo, nun acto non sei si de buenismo ou electoralista,   negouse a que se cobre, tal vez porque pensan algúns hostaleiros, máis ben taberneiros dos antigos, que si se lle cobra 1 ou 2 euros por noite a un turista vai deixar de vir.

Pois penso que están equivocados porque os que andamos polo mundo pagamos. O que ten interese en ir a un sitio, a taxa xa a inclúe no presuposto da viaxe. Esa recadación habitualmente é destinada á procura dun turismo sostible, ao desenvolvemento e á promoción do turismo, e aquí sería oportuna, ademais de para iso, para dedicala á atención do patrimonio cultural, a cubrir o sobrecusto de determinados servizos derivados da presión turística  e a mellorar os servizos relacionados co sector turístico.

Precisamente é naqueles sitios onde se cobra, onde hai máis afluencia. En Cataluña varía de 0,50 a 2,50 € por persoa e día, en Baleares 1 €, en Roma oscila entre 2 e 3 €, en Venecia entre 5 e 1 €, en Florencia 1 € por estrela do hotel,  e cóbrase ata un máximo de dez días.  Florencia recibe ao ano máis de 60 millóns de turistas. Claro así pódense permitir gastar 20 millóns de euros en montar o novo Museo dell´Opera do Duomo, por poñer un exemplo. Aquí non cobramos nada e temos o noso patrimonio arruinado.  

Nin o das illas Cíes nin o da praia das Catedrais

Aquí temos dous casos que son unha chamada de atención. O escándalo do exceso de venda de billetes para visitar as illas Cíes, excedendo máis de dous mil visitantes por día, e a absurda peregrinación á praia das Catedrais, un aviso para o sector, empezando polas administracións competentes na cuestión turística, desde concellos, deputacións, e Xunta, onde a maior parte das veces a coordinación non existe por política partidaria.

A pesar do triunfalismo das cifras, son unha miseria si as comparamos coas doutros destinos. Galicia aínda está por baixo do que se debería recibir, pero por esta razón aínda estamos a tempo de non cometer os erros que están pagando agora, incluídas as protestas, lugares como Barcelona, Baleares, Sevilla ou Madrid.

O turismo de masas, o de mochila, bocadillo ou menú de 9 €, non interesa porque son máis grandes os danos colectivos que causa, dos que nos prexudicamos todos, que os beneficios privados que produce, e dos que só se benefician uns poucos. Aumento da reciclaxe polo lixo xerado, aumento do consumo de auga cando cada vez é un ben máis escaso, aumento de augas residuais que a maior parte das depuradoras non teñen capacidade para procesar porque se calcularon para a súa poboación, aumento do consumo enerxético, da limpeza da rúas, aumento dos problemas de circulación en vehículos e peonil, contaminación acústica, degradación das contornas paisaxísticas e dos monumentos, etc.

O que interesa é o turismo de calidade, o que deixa diñeiro, o cultural, desenvolvido ao longo do ano, sen rexeitar o clásico de praia que aquí tamén o hai e medrará, porque será demandado por aquelas persoas que escapan da calor e aprezan poder durmir pola noite "con una mantita"

Pero para iso, para que resulte un turismo atractivo tanto para os estantes como para os visitantes, hai que empezar a poñer en valor todos os nosos recursos naturais e culturais, e para iso son necesarios plans sensatos e viables a desenvolver a medio e longo prazo, buscando cada administración o financiamento, ben propio, ou mixto de fondos que poida ofrecer o Goberno central o autonómico ou a Unión Europea.

Xa está todo inventado, o que se precisa é políticos con ideas, e asesores especializados nas múltiples facetas deste sector que lles orienten do que deben facer en cada caso.

 

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal