22:40 Luns, 19 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-07-2017

A chamada que recibiu pola mañá puxera fin a un soño que cultivara durante varios anos e que dentro de catro meses se ía realizar

O home que quixo ficar grávido

Valorar (34)

ROBERT NEAL BAXTER



Estaba moi enfadado. De que lle valían a el tantas escusas? Recibiría as indemnizacións correspondentes por incumprimento do contrato. E que? A policía e a Garda Civil estaban alertadas e emitiuse orde de busca e captura, mais deixáronlle entender que era moi improbábel que desen con ela. Xa pasaron varias horas e podía estar moi lonxe.

A chamada que recibiu pola mañá puxera fin a un soño que cultivara durante varios anos e que dentro de catro meses se ía realizar. Por fin estaba grávido! Até agora todo fora indo moi ben. Às veces – xa llo advertiran – había que interromper o proceso ao se detectaren malformacións, mais non había nengún tipo de complicacións e estaba todo en orde. Até hoxe...

Aseguráronlle que nunca antes lles pasara. Faltaría máis! E que aínda estaban tentando esclarecer como puido escapar, levando a crianza del con ela. Seica podía ser obra dun destes grupos extremistas que saían de cando en cando nas noticias. Putas harpías, feminazis liberticidas! Destas que non paraban de ladrar que elas parían e elas decidían ou que tiñan o direito de abortaren, mais negaban às outras mulleres se prestaren solidariamente e de xeito altruísta a cambio dunha compensación económica máis que razoábel.

E que diría a súa familia? Sempre o tomaron por un xan, mais agora que ía ter un fillo de seu, que ía perpetuar a estirpe, gañaría un certo respeito. Adoptar era máis seguro, sobretodo cos novos catálogos por internet, e hoxe era case imposíbel que che encasquetasen un negro ou, pior aínda, un con síndrome de Down. E xa sabía por un seu amigo que os procesos de desadopción e devolución eran moi enleados.

Mais unha adopción levaba máis tempo e el era un home impaciente, afeito a conseguir o que quería pagando un prezo xusto. Ademais, non quería un neno de segunda man. Quería un fillo de seu, ser pai de verdade. Porque ía ser un varón, polo que se vía nas ecografías. Íalle pór Pedro coma el, como mandaba a tradición... Puta zorra a fulana esa que lle roubou o seu fillo! Agora tería que volver desde o principio. Desta vez non repararía en gastos ao escoller outra axencia cun centro de alta seguridade. O papeleo, os trámites, o proceso da inseminación... Vaia faena!

Ao principio ela agradecía non ter que pensar en se ía poder pagar o aluguer ao final do mes e polo menos a comida era regular, a pesar de ser algo insípida debido à dieta saudábel que figuraba no contrato. Custáralle ter que deixar o tabaco (mentiu ao cubrir a ficha para que non a descartasen por pouco saudábel), mais mal non lle ía facer. Mais pouco a pouco o tempo tornábase interminábel. O home que contratou os seus servizos através da axencia era deses clientes ruíns que non gastaban máis da conta en extras de ningún tipo. Así que, encanto a maioría das outras portadoras pasaban o seu tempo en clases intrauterinas de música clásica e inglés ou sesións de sofroloxía, ela ficaba sen nada que facer, pois todo tipo de actividade estaba prohibida agás a natación suave baixo supervisión médica tres veces à semana. Así foi que coñeceu Iria (murmuraron os seus nomes polo baixo) e foi crescendo unha amizade prohibida que a ía permitir fuxir, pois Iria tiña contactos no exterior. No último momento, tivo que deixar Iria no Centro, hospitalizada cunha eclampsia. Tiña medo. Ficaran gravados na súa mente os termos exactos do protocolo: “en caso de risco de morte da portadora, darase prioridade a salvagardar a mercadoría obxecto do contrato”.

Até o terceiro mes podía terminar o contrato. Xa pensara nesa posibilidade. Mais de onde ía sacar o diñeiro para indemnizar o cliente polos gastos e os danos e perdas ocasionados? Sabía por amigas que había homes que pagaban ben por sexo con mulleres grávidas, mais trocar a serventía actual pola escravitude da prostitución non tiña moito sentido.  

E agora se achaba en fuga. En tránsito até un lugar seguro ao pasar a fronteira. Dixéronlle que cambiase de nome, mais ela devecía por recuperar o seu proprio despois destes meses identificada cun número para protexer o anonimato. “Protexer quen?” perguntábase. Por fin xa ía deixar de ser unha fantasma. Chamábase Uxía.

Aínda non sabía o que ía facer. Se ía gardar a criatura que era e non era dela. Ou se ía abortar. Aínda estaba a tempo, mais tería correr o risco de facelo clandestinamente, dada a súa situación tamén foraxida. Fixérao polo diñeiro, como todas, digan o que digan. E agora xa non máis que a roupa que levaba posta e desde logo non ía ter suficiente para alimentar outra boca máis, nen podería conseguir un traballo para ir tirando se gardase a criatura. A Sororidade déralle o nome dunha xinecóloga de confianza no outro lado e o enderezo dun apartamento onde podía quedar até que se recuperase, mais non pensaba quedar máis tempo do necesario recluída noutro centro.  

Isto tíñao moi claro. Non a ían coller e non a ían levar ao Centro. Xa tiña pensado un plan de escape. Se se tiraba pola borda, morrería afogada ou de frío antes de que a puidesen atrapar. Mais para se dar azos pensaba en Iria e prometíalle ao lonxe que se lograba chegar a un acubillo seguro traballaría coa Sororidade para libertar máis mulleres como ela.  

Agachada e soa na escuridade, aínda non sentía a alegría que chegaría despois ao pasar a fronteira e cheirar a liberdade. Mais, polo menos, malia o fedor a carburante e a calor abafante, podía respirar nese corpo de seu recuperado. De novo pertencíase. Era dona dela mesma. E iso non ten un prezo que nengún home poida pagar.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña