23:06 Mércores, 23 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-06-2017

Usos turísticos ou socias

Que facer cos faros?

Valorar (5)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ


Punta Nariga


Ante a polémica por converter algúns faros en hoteis hai que reclamar un uso social destas construcións e responsabilidade ante un patrimonio en desuso e, en casos, no abandono.

No ano 2000 publicamos unha guía dos faros da Costa da Morte. Daquela a bibliografía sobre este tema en Galicia era máis ben escasa, como escaso era aínda o interese polo patrimonio marítimo. Uns anos despois insistimos no tema cun documental. Agora hai algo máis de bibliografía, preocupación e interese. Hoxe os faros están de actualidade, ben polo éxito masivo da iniciativa “Camiño dos Faros”, ben pola polémica de que facer con eles ou como cargarlle o morto aos concellos.

Cando empezamos o labor de investigación aínda había torreiros vivindo en tres faros da Costa da Morte. Hoxe, agás Vilán, non hai e os torreiros xa non existen, pois chámanse técnicos de sinais marítimas, unha denominación cando menos máis técnica, pero con menos carga de sentimentos, con menos pouso histórico.

Agora os faros xa non teñen que sinalar o camiño de volta aos mariñeiros, xa non son precisos para sinalar a costa, xa non son esa luz que orienta aos barcos na noite, xa non son a luz da esperanza e da confianza. Xa non son só sinais marítimas. Entón, que facemos con eles?

Cabo Vilán

Os “propietarios” destas construcións son as Autoridades Portuarias. No caso da Costa da Morte case todos pertencen á Autoridade Portuaria da Coruña, agás os de Carnota e Muros, que xa miran cara ao sur e caen dentro das lindes da de Vilagarcía. Son estas entidades as responsables do seu mantemento, como tamén son responsables da perda dun patrimonio importante e que se deu co baleirado da maquinaria cando esta deixou de ser útil e da documentación que gardaban. Entrar no faro de Fisterra é un exemplo dese baleirado sen sentido da historia e do pouco respecto por unha arquitectura que foi necesaria nun pasado e ten que ser útil no presente. Onde vai toda a maquinaria e documentación que se acumulou alí durante máis dun século? Aquí foi onde a Ruth Matilda Anderson lle ofreceron o mellor café da súa vida. Mais sempre hai unha excepción. Encontrámola en Vilán. Aquí un torreiro tivo interese en que esa maquinaria “obsoleta” quedara no lugar no que tiña prestado servizo e, hoxe, podemos ver como foi a evolución do sistema de sinalización marítima e como este foi aplicado na nosa costa.

Se recomenda aos cidadáns, por exemplo aos que aínda temos raíces no rural, que coidemos os hórreos. Pero institucións como a Igrexa ou entidades como a Autoridade Portuaria non coidan o seu patrimonio, que é de todos. Só o fan cando reciben suculentas axudas ou o privatizan. Terían que predicar co exemplo, mais non o fan, non entra nos seus principios.

Pensamos que o patrimonio ten dous valores claros: un, o de identidade(s), algo que nos identifica; outro, ten que ver co desenvolvemento. O patrimonio ten que valer para mellorar a nosa calidade de vida, pero tamén para construír algo en común. Os usos turísticos e sociais son os máis comúns á hora de buscar unha nova utilidade. O turístico os máis fácil de aplicar, tamén o que pode dar unha maior rendibilidade económica, evitar o custe do mantemento e que este non aumente co paso do tempo.

As diversas Autoridades Portuarias queren facer caixa e esquecen que o patrimonio ten outros valores, que tamén son importantes e que non son facilmente cuantificables. Se non son “rendibles” déixanos no esquecemento e no abandono. Velaí o caso do vello faro de Touriñán. Sen embargo Touriñán, forma parte da memoria das xentes do lugar. Por exemplo, os que a comezos da segunda metade do século pasado tiveron que emigrar a América ían ao faro a que un torreiro lles dera unhas leccións básicas de instrución, o mínimo para andar polo mundo. Pero tamén se facían bailes en tempos nos que había poucos espazos para o lecer e os encontros; as mulleres podían irlles vender algo ás familias dos torreiros ou facer de recadeiras, propias.

En Portugal hai algúns faros que se poden visitar. Noutros lados puidemos subir até a lanterna, e non pasou nada, e o faro estaba en funcionamento. Aquí non, está prohibido, agás que teñas recomendación. Mais as recomendacións non son propias dunha sociedade democrática. Simplemente hai que ter vontade de querer mostrar o patrimonio á cidadanía para que esta o coñeza e, a partir do coñecemento, goce del e o respecto. Iso é o que non existe, e por algo será.

O faro tamén é historia de nós, hai un faro petando nas tebras, que diría o poeta do mar. O faro identifica un territorio, é unha referencia visual que se fai emocional. E como os faros están situados en lugares de valor natural e paisaxístico, teñen que ser asociados con conceptos medio ambientais, con valores referentes á natureza e a súa conservación.

Seguramente pode que algún faro se converta nun hotel. A experiencia xa hai tempo que se dá noutras latitudes. Pero ese uso ten que ir acompañado de usos socias e vinculado ao desenvolvemento. Non se trata só de alugalo ao mellor ofertante ou ao primeiro que pasa. O patrimonio ten que ter unha xestión máis responsable e seria.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal