23:24 Martes, 17 de Maio de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-06-2010

Son xa Grecia, Portugal, Estado español, Italia, Irlanda, Letonia, Gran Bretaña, Francia, Rumanía... e outros sumaranse en breve

O FMI ordena, a Comisión Europea apunta, os gobernos disparan e o “estado do benestar” morre

Valorar (17)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Escudo do Fondo Monetario Internacional (FMI)


Hai uns meses no conxunto de Europa víase a situación de Grecia como unha simple anomalía debido ao xeito peculiar de funcionar dos gregos; é máis, as informacións sobre os problemas económicos e financeiros da república helena viñan acompañados case sempre de outras referidas ás supostas causas deses problemas: vivir por enriba das posibilidades, un exceso de funcionariado, unha estrutura do mercado laboral anquilosada, unha xornada laboral moi por debaixo da media europea, uns salarios e unhas xubilacións que non se correspondían co esforzo nin coa produtividade; e en todo este tempo sempre foi difícil dar con informacións que deixando de lado a anécdota aportaran outra visión e sobre todo ofreceran datos concretos comparativos da realidade laboral da Grecia coa do conxunto de Europa. Os problemas do pobo grego soaban demasiado lonxe, pois aínda sendo parte da Unión Europa estaban nunha esquina e non eran moitos.   

Pouco despois empezouse a falar dos problemas da economía portuguesa onde o goberno anunciaba duras medidas que conlevaban un recorte de dereitos sociais; e por tanto xa  non eran só os gregos os problemáticos, eran dous os estados europeos enfermos e empezouse a falar de que non tardaría en caer algún outro. Así foi, e un día o xefe de goberno do estado español informou de que o mesmo Barack Obama o chamara por teléfono amosándolle a súa grande preocupación pola situación da  economía española e urxíndoo a actuar de inmediato.

Conforme pasan as semanas ímonos decatando de que os problemas non os teñen  só os alcumados despectivamente como PIIGS, e observamos como  outros e variados estados europeos saltan ao terreo de xogo, un terreo que ten moitas semellanzas con aquel circo romano no que botaban aos esrlavos ás feras famentas. O espectáculo aos especuladores e magnates das finanzas só lles produce subidas e baixadas de adrenalina pero para as clases populares é moito máis, pois suponlles a entrada nunha diabólica ruleta rusa trucada; unha ruleta rusa na que dos oito orificios cos que conta o tambor do revólver sete levan un cartucho mortal e só un permite sobrevivir.

Hoxe celébranse manifestacións en 50 cidades gregas, un país que leva cinco folgas xerais no que vai de ano e onde hai uns días decidiron eliminar dous tercios dos seus concellos; o sábado foi Lisboa a que acolleu a 300.000 persoas que respostaron ao chamamento á mobilización contra o PEC feito pola CGTP; tres días antes as mobilizacións déronse en Francia contra o aumento da idade de xubilación e en defensa do sistema de pensións; e onte Rumanía viviu unha folga xeral precedida nas pasadas semanas por protestas na rúa contra a rebaixa dos salarios do funcionariado nun 25% e das pensións de xubilación e dos subsidios de paro nun 15%.

Pero a cousa non vai rematar aí, pois Gran Bretaña e Italia puxeron xa enriba da mesa as súas propostas para "atallar" a crise, unhas propostas moi semellantes ás que están a aplicar os estados veciños. O novo goberno británico de coalición vén de anunciar medidas que buscan baixar o seu déficit público en 7.260 millóns de euros, sendo este de 181.000 millóns, o máis abultado da UE , conxelación do emprego público, rebaixas importantes nos orzamentos destinados a educación, traballo e pensións son algunhas das medidas. E o amigo Berlusconi quere conxelar os salarios do sector público por tres anos e recortar gastos en ensino, sanidade e mantemento de infraestruturas viarias.

A excusa coa que nos veñen é a necesidade de atallar as negativas consecuencias que para as economías europeas ten a crise económica, pero o obxectivo real de todas estas medidas non é outro que a eliminación de dereitos e do que aínda resta do chamado estado do benestar. Un estado do benestar que se estendeu nos países capitalistas de Europa sobre todo a partir dos anos cincuenta do século pasado, non sendo esa extensión froito dunha casualidade senón da necesidade do capitalismo de buscar mecanismos que alonxaran á clase traballadora e ao conxunto das clases populares da idea de que era posíbel construír sociedades distintas, unha idea naquel tempo interiorizada entre os sectores máis avanzados dunhas clases populares europeas moi influenciadas aínda polos froitos da revolución soviética e polo papel determinante da URSS na derrota do nazi-fascismo; unha derrota da que veñen de cumprirse os 65 anos e que nunha Europa tan dada a conmemorar ao grande outras datas históricas pasou sen que apenas nos lembraramos.

Hoxe o papel que tivo a URSS como elemento decisivo na derrota do nazismo e como contrapeso ao imperialismo nortamericano e a realidade daquelas sociedades que buscaban a construción do socialismo en Europa, con todos os seus erros e coa súa dexeneración pero tamén cos seus moitos aspectos positivos, están agachados e as novas xeracións descoñecen esas experiencias históricas. Son toneladas de supostos sesudos estudos académicos e milleiros de horas de documentais de propaganda que nos venden o capitalismo como único sistema posíbel.

Pero é innegábel que a existencia nos países da Europa occidental dun maior ou menor estado do benestar e as actuacións para mellorar as condicións de vida e de traballo das clases traballadoras non foron unha cesión gratuíta; pola contra foron unha concesión do sistema a anos de intensa loita da esquerda e ao mesmo tempo deron saída a dúas necesidades acuciantes do propio capitalismo; a primeira a de darlles ás clases populares uns mínimos suficientes que lles permitiran confiar en que dentro do sistema capitalista era posíbel mellorar e os alonxaran de veleidades revolucionarias; a segunda a necesidade de crear un mercado interno no que colocar un novo tipo de produtos industriais de consumo e de servizos; para iso houberon de mudar a categoría da maioría da poboación e os europeos e europeas deixaron de ser  "cidadáns" pasando a ser "consumidores".

A crise chegou como unha oportunidade inmellorábel para eliminar eses michelíns que para algúns supoñen os dereitos laborais e os servizos públicos e sociais e para non avanzar no recoñecemento dos dereitos dos pobos; pero de non terse producido esta crise buscarían outra escusa pois a redución de dereitos está no ADN do modelo de construción europea que sofrimos, e os que apostamos por outra Europa levamos moito tempo decíndoo.

                               

[03-06-2010 11:12] Alberte comentou:

Estou básicamente dacordo contigo,pero engadiría que as democracias están a afundir o seu prestixio debido a altas cotas de corrupción que se están a acadar con estructuras infladas de enchufados, empresas e fundacións públicas onde colocar a amigotes que reciben grandes sumas de fondos públicos,políticos que polos seus pribilexios parecen a nova aristocracia feudal...etc. Isto é como un circulo vicioso onde o desprestixio da clase política e a súa desconexión co pobo fai que éste pase de todo, cousa aprobeitada polo capital para facer o que lle veña en gana, estamos a ver que xa manda máis o capital que os gobernos democráticos. O pobo rendeuse,os únicos que poden frear esto son a clase política (desprestixiada), ou o pobo mediante a revolución. ¿Por qué a esquerda verdadeira non é capaz de transmitir a mensaxe que nos da Duarte? ¿Por qué con esta crise a esquerda verdadeira non se sacude o San Bieito da ruina da ex URSS e pon en todo o alto os valores marxistas?¿Por qué a esquerda non é capaz de rachar coa propaganda anticomunista?

[01-06-2010 18:36] A Bouza de Coia, Vigo. comentou:

De momento daríame cun canto nos dentes que estas reflexións oportunas e correctas de Duarte, foran asimiladas polas capas populares...; máis ainda terá que pasar algunha auga pola ponte... non? Contribuiamos colectivamente a que se agudicen as contradicións. Moita organización!

[01-06-2010 00:57] Gandeiro comentou:

Nestes días nos que o imperialismo-capitalismo síntese máis forte e xa perdeu calquera vergoña ou precaución, reafírmome na miña idea: "Cando o glorioso Exercito Vermello apuntaba as súas armas de destrución masiva aos centros do capitalismo mundial, isto non pasaba".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña