18:04 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2017

Sabido é que, coa asimilación definitiva do Reino da Galiza á Coroa de Castela en finais do século XV, dá comezo a regresión social da lingua galega

A toponimia galega no Diccionario nomenclátor de las ciudades, villas, aldeas, caserías, cotos, ventas, castillos, y prioratos de todo el Reyno de Galicia (1810), de José de Villarroel

Valorar (17)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Sabido é que, coa asimilación definitiva do Reino da Galiza á Coroa de Castela en finais do século XV, dá comezo a regresión social da lingua galega, a cal, continuando a ser falada polo pobo de maneira absolutamente maioritaria, porén deixa case de ser vehículo de expresión literaria até ao Rexurdimento oitocentista. A toponimia galega, en tanto que constitúe unha maneira de os homes e as mulleres se apropiaren psicolóxica e cognitivamente da terra e de humanizaren a paisaxe, tamén sofre as consecuencias desas circunstancias históricas, de forma que moitos nomes de lugar principian nos séculos do Galego Medio a seren españolizados, ás veces totalmente e noutras ocasións de modo parcial ou inconcluso. A partir de 1500, por exemplo, existen atestacións de Lamaluenga, Hortiguera e Ortiguera, Orense, Puertomarín etc., que barbarizan os lexítimos Lamalonga, Ortigueira, Ourense, Portomarín etc.

Non son poucos os documentos oficiais da época que verifican como unha grande parte das toponimias galegas aparece hibridizada dun modo totalmente aleatorio: pensemos no Cadastro do marqués de Ensenada (segunda metade do século XVIII), nos libros de censos, nas partidas paroquiais de baptismo etc. Unha desas obras é a redixida polo relixioso José de Villarroel Pérez de Baños, dada a lume en 1810, cuxo extenso título, Diccionario nomenclátor de las ciudades, villas, aldeas, caserías, cotos, ventas, castillos, y prioratos de todo el Reyno de Galicia, con expresión de las provincias á que pertenecen, y caxas de correo por donde se dirige la correspondencia; a que se agrega una descripción geográfica-histórica del mismo Reyno en general, y de todas sus ciudades, y pueblos en particular (doravante DN), xa permite repararmos tanto no tratamento de que foi obxecto a toponimia galega por parte da Administración central como noutras cuestións de carácter histórico e lingüístico que podemos rastrexar no texto. Imos dedicar este contributo, por tanto, a comentarmos algúns dos trazos xerais de DN relativamente aos nomes de lugar galegos, pois, deixando de parte as curiosas traducións ou adaptacións ao español que estes padecen, sobrancean tamén outros aspectos que despertaron o noso interese. Non teñen perda, neste sentido, as ideas que sobre o galego tiña o autor, xa que, facéndose eco do pensamento de que o idioma era unha corrupción do español (idea xa combatida lucidamente no século XVIII polos frades Sarmiento e Feixoo, que dicían que a nosa lingua era a orixe do portugués), asumían esas impresións e recollían a diferenciación no uso do idioma atestábel nas diferentes camadas sociais: a seu ver, a “lengua que habla el vulgo es casi la castellana antigüa del tiempo del Rey D. Alonso, siguiendo el estilo de las partidas, y simbolizando mucho con los Portugueses sus vecinos: los nobles hablan tan bien como en Castilla”. Similar opinión tamén se recollería posteriormente na obra Recuerdos de un viaje por Galicia en 1850, de Francisco de Paula Mellado, autor que non hesitaba en subliñar nas páxinas iniciais do seu traballo que o galego “es el castellano antiguo, mezclado con algunas frases portuguesas y latinas”.

Mais, deixándomos de parte estas conceptualizacións, un primeiro asunto que queremos ponderar é a aparente incongruencia na catalogación das toponimias que se constata por toda a obra que inspira estas palabras. O texto de DN, á marxe daquelas atestacións en que a única forma é a españolizada (Fefiñanes, en lugar de Fefiñáns; Lorenzana, en vez de Lourenzá; Noche, por Nouche; Valledomao, en lugar de Val do Mao etc.) ou daqueloutras en que se recolle a lexítima (Couso, Couzadoiro, Froxán, Pousada etc.), proporciónanos abundantes exemplos do nome autóctone a carón do deturpado, o que, a noso ver, non deixa de ser cando menos sorprendente. Non entramos aquí a matizarmos se se trata sempre da mesma localidade ou se estamos diante de entidades populacionais diferentes que teñen idéntico nome, situación asaz habitual no territorio. De calquera modo, ese tratamento, en aparencia incoherente, é o que se acha, por exemplo, cunha abundantísima documentación nos casos de Bertua e Bértola (cfr. Bértoa), Cabreira e Cabrera, Cavaleiros, Cavalleiros e Cavalleros, Chandreixa e Chandreja, Condines, Condíns e Condís, Figueiroa e Figueroa, Freáns e Freanes, Galegos e Gallegos, Lavandeira e Lavandera, Liáns e Lianes, Montouto e Montoto, Oíns e Oines, Ramirás e Ramiranes, Vilariño e Villarino (e até Villariño), Vilavella e Villavieja, Vilouta e Villouta, etc.

Un outro aspecto digno de comentario é o feito de podermos constatar como nos nomes de lugar compilados en DN se verifican algúns dos fenómenos de variación dialectal máis recorrentes no galego contemporáneo, tan comentados nos manuais especializados. Estamos a nos referir ás terminacións -án(s) ~ -ao(s)/-au(s) (Chao de Castro, Chau de Arcas; Faramontaos, Faramontaus, Faromentaos; etc.) ou -án ~ -á (Dormeán, Dormeá; etc.), as diferentes posibilidades para a flexión de plural das palabras acabadas en -n (Feáns, Feás; etc.), a palatalización de l- inicial propia das zonas máis orientais da actual provincia de Lugo (Lladairo, Llencias, Llousas etc.), a forma centro-oriental pacio (Pacios de Alais, Pacios de Espasantes, Pacios de Quiroga, Pacios de Veiga etc.) etc. En ocasións, a tentativa de conversión ao español dalgún destes topónimos produce resultados certamente ridículos: tal é o caso do lugar de Montaos (< Montanos), localizado polo autor na provincia de Santiago, que se transforma en Montados, ou o exemplo de Cumbrados en vez de Cumbraos (< Coimbrãos < Conimbriganos); hai que dicir que este tipo de equivalencias translativas, aínda que puntual, quizais non fose tan esporádico, pois nun dos exemplares do Boletín Eclesiástico del Arzobispado de Santiago de Compostela de 1894, que chegou a nós grazas a unha xenerosa cesión familiar, pode lerse na capa, escrito á man, San Julián de Cumbrados.

Aliás, a continuarmos con cuestións dialectais, convén sinalarmos que nas páxinas de DN aparecen diversos nomes rexistrados co fenómeno da gueada e da gheada. Para esta última, tratándose dunha fenomenoloxía fonética xurdida nos séculos do Galego Medio, e moito embora haxa diversas tentativas de explicación, a teoría da orixe no español parece ser a máis fiábel, conforme teñen sinalado Pensado Tomé & Pensado Ruíz (Gueada y geada gallegas, 1983) ou Freixeiro Mato (Gramática da Lingua Galega. Vol. I. Fonética e Fonoloxía, 2006). Exemplos de gueada son os detectados para a “Villa de Guinzo, en la Provincia de Orense” e mesmo as hipercorreccións de Curagueira (← CurajeiraCuruxeira), Frigue (←FrijeFrixe), Ganza (← JanzaXanza), Guances (← JuancesXoances), Guende (← JendeXende) etc. Como mostras de gheada poden servir os casos de Berdiojas (por Berdiogas), Cortejada (en lugar de Cortegada), Jaibor (por Gaibor), Joyanes (en vez de Goiáns), Joyriz (por Goiriz), Nogeyra (a carón de Nogueira), Rejosende (en lugar de Regosende) etc.

Por súa vez, sendo certo que as variantes toponímicas con seseo están presentes en DN xunto ás equivalentes locais que non presentan esta singularidade diatópica (cfr. Gomarís e Gomariz, Lebosán e Lebozán, Leres e Lérez, Reirís e Reiriz, Romarís e Romariz etc.), o colector, no referente aos nomes de lugar, deixou libre a entrada a hipercorreccións equivalentes ás ben coñecidas de Sas > Zas ou See > Cee (cfr. os étimos < salas, sede), ambas nas partes máis occidentais da actual provincia da Coruña; neste caso, ao se tratar de topónimos localizados en áreas seseantes, os funcionarios de turno pensarían que as formas “válidas” eran as que non presentaban seseo, de forma que as decidiron “arranxar”. Pois idéntica ou similar práctica é a que se detecta no texto de José de Villarroel con Zarandón, en lugar de Sarandón(s), localidade pertencente á rexión de Compostela; ou con Astureces, da Terra de Lemos, que ocorre a carón de Astureses, en Ourense; ou mesmo con Iñaz, en vez de Iñás, nas Mariñas coruñesas; ou inclusive con Zauz, forma reducida de Esauz, nome dun regueiro de Vilariño de Conso; ou con Zonán por Sonán; ou con Zerramo en lugar de Serramo, na zona de Vimianzo; e até con Zergude e Zestayo, pertecentes á antiga provincia de Santiago, por Sergude e Sestaio; etc.

Outra cuestión que vale a pena salientarmos ten a pronuncia popular como protagonista. As vogais átonas do galego caracterízanse, a respecto das tónicas, por unha maior inestabilidade tímbrica, o que as leva frecuentemente a seren modificadas asimilándose aos sons veciños ou até se afastando deles por disimilación. Este trazo, que se produce na lingua corrente en casos como andoriña / anduriña, pedir / pidir, semana / somana, veciño / viciño etc. e que conta con frecuentes documentacións literarias xa desde o século XIX, ten tamén as súas repercursións nos topónimos e no modo con que son comunmente coñecidas as realidades orográficas a que dan nome. Por este motivo, en tanto que reflexos da lingua oral popular da época, imos achar no texto de DN formas con oscilación tímbrica, como Barreiro e Berreiro, Berdocido e Berducido, Carnoedo e Carnuedo, Carboeiro e Carbueiro, Goeriz e Goiriz, Gostey e Gustey, Lavazengos e Levazengos, Lebosende e Lobosende, Lemiñon e Limiñón, Madorra e Medorra, Mercurín e Mercorín, San Andrés de Teobre e San Martín de Tiobre etc., ao paso que igualmente imos constatar mostras como Buduedo, Curistanco, Curtiñán etc. Por súa vez, a inestabilidade tímbrica antes sinalada afecta tamén algúns ditongos decrecentes átonos, e é así que aparecen casos de Boyturón e Bouturón, Laureda e Loureda, Lausada e Lousada, Lausadela e Lousadelo etc. A este respecto, nós aínda lembramos como nos bairros coruñeses de Cances e da Fontenova até non hai moito tempo eran detectadas entre xente idosa pronuncias alternantes como Auteiro e Outeiro (que dá nome a unha das principais arterias da cidade), Laureda e Loureda (fermoso e fértil val e tamén freguesía do veciño Concello de Arteixo), Nosteán e Nostián (topónimo dunha pequena aldea do Val de Bens), Berroa e Borroa (lugar limítrofe co anterior etc.).

Recibiron igualmente a nosa atención en DN a caprichosas interpretacións a respecto da segmentación formal dos topónimos, produto posibelmente do descoñecemento do idioma do país. Varios son os casos en que se verifica tal práctica, ás veces orientada por unha presumíbel mais inexistente equivalencia no español. Temos así, por exemplo, a documentación das formas Alage (cfr. A Laxe),  Apedra (cfr. A Pedra), As-Incrucilladas, Castro de la Aza (cfr. Castro de Laza), Dafoz, Dapedra, Don-Albay (cfr. Donalbai), Laínsua (cfr. A Insua), La Lin (cfr. Lalín),  La Mamá (cfr. Lamamá, de lama + ), Lama-Darcos (cfr. Lama de Arcos), Laval (cfr. A Val), Santa Alla (cfr. Santalla), Valde-Ferreira (cfr. Val de Ferreira), Valde-Ferreiros (cfr. Val de Ferreiros) etc. É preciso subliñarmos que, infelizmente, non correspondeu en exclusiva a José de Villarroel o mérito de reproducir por escrito os nomes de lugar dun modo máis que cuestionábel do punto de vista da súa segmentación: mesmo no século XXI, segundo temos sinalado xa nalgunha ocasión, hai constancia de barbarizacións similares, como La Goa (cfr. A Lagoa, lugar pertencente ao municipio de Arteixo), ou La Machán (cfr. Lamachán, nome dun terreo de brañas hoxe soterrado baixo o polígono industrial coruñés da Agrela-Bens, tamén transformado por algúns en La Grela-Bens…).

Outras informacións que nos achega DN abandonan parcialmente a toponimia para nos daren conta dunha diferente administración territorial da Galiza. En 1833, o ministro español Francisco Javier de Burgos y del Olmo acomete a división do Estado a través da organización provincial, o que fixo que, de facto, desaparecese de vez o Reino da Galiza como unidade histórico-territorial e que, despois de varias hesitacións, acabase por se conformar nas actuais catro consabidas demarcacións. Isto tivo como consecuencias, en primeiro lugar, a supresión das antigas sete entidades provinciais, que agora fican encorsetadas nun modelo tetraesquemático; en segundo lugar, o desmembramento económico-organizativo da maioría desas rexións, as máis delas, á excepción da Coruña e de Betanzos, vinculadas a sés catedralicias (Mondoñedo, Lugo, Santiago, Ourense e Tui); e en terceiro lugar, a perda cuantitativa de territorialidade, xa que determinadas zonas dos limites orientais do país pasan agora a dependeren das novas formulacións administrativas. Precisamente, o texto de José de Villarroel recolle como a localidade de “Villanueva de Oscos” nos primordios do século XIX estaba aínda integrada na antiga provincia de Lugo, no “Reyno”, á diferenza do que hoxe acontece, que se acha a facer parte de Oviedo.

Deixamos as nosas reflexións por aquí, sabedores de que outras moitas cuestións de carácter toponímico, lingüístico e cultural que aparecen na obra de José de Villarroel tamén poderían ser comentadas. Subliñamos, iso si, que o Diccionario fornece exemplos de hibridacións e de españolizacións practicadas secularmente cos nomes de lugar galegos, ao paso que tamén permite constatarmos fenómenos dialectais e populares que chegaron, os máis deles, aos nosos días. Hai que salientar, xa para concluírmos, que moitos dos nomes que rexistra Villarroel pasaron a outros traballos similares, como é o caso do Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (1846-1850), de Pascual Madoz, onde se poden detectar algunhas das formas sinaladas no DN. Mais iso quizais o deixemos para outra ocasión.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña