11:58 Luns, 23 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2017

Pacto, consenso: tantas veces, palabras-testo, palabras-tampa, palabras-trampa

O valor máxico das palabras

Valorar (23)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Refráns, frases feitas, lugares comúns... teñen sempre unha base de realidade, cristalizan un saber ou perseguen unha finalidade didáctica ou do tipo que for. Asemade, as supersticións  -ou que hoxe consideramos tais-  posúen igualmente unha base racionalmente explicábel, por moito que a súa utilización-manipulación diste de o ser. Considerar un mal verter o sal ou romper un espello ten a ver co alto prezo e o alto valor de ambos: un, a “neveira” durante miles de anos, o conservante imprescindíbel do alimento (non por casualidade o “salario” é o seu derivado); o outro, un obxecto de luxo, durante séculos ao alcance de moi poucos. Tratábase, pois, de  -creando a asociación negativa-  inducir o cuidado necesario, a través do temor: conxurar unha perda indesexada atrapando o individuo ou utente no medo e na culpa.

No pensamento esquemático e monocorde que se nos quer impor, as supersticións serían cousa do pasado, e as crenzas, en xeral, cousa individual e intransferíbel. Coido que, a despeito desta idea, nunca tantas falsas crenzas se nos inoculan a través da aparataxe político-mediática dominante e nunca reinaron con total impunidade supersticións puras e duras. Na política internacional; no tratamento do “problema” catalán; xa non digamos cando a información versa sobre a Galiza e a súa “peculiaridade”. Non é doado, pois, elaborar un pensamento proprio (a branca fror dun pensamento orixinal, que dicía Castelao) a partir de datos reais e documentábeis, do empírico ou sociolóxico verificábel; moito máis, cando o centro da cuestión é a mesma Galiza en calquer das súas faces. Ben se comprende, nesta atmosfera, o doado que é “plantar” unha idea e o seu termo correspondente, esparexela, facer que ince por toda a parte e evitar, como non, que se formule pergunta nengunha sobre a súa orixe, función e finalidade. As liñas que seguen farán paraxe en dous destes termos, “pacto” e “consenso”, aplicados ambos a realidades non menores.

O feminicidio que non cesa provoca a repetición da necesidade dun pacto de Estado sobre a materia, pacto que, pretensamente (taumaturxicamente?) resolvería tal lacra e tal sucesión de atentados contra a vida das mulleres. Cal o contido do tal “pacto”? Cal a súa finalidade? Consistirá, talvez, en acordar, por parte dos partidos españois maioritarios leis e normativas para, así, o tema deixar de ter relevo político? Alguén, na condición e situación de persoa corda, pode pensar que tamaño problema se pode resolver cun pacto de Estado? Tratarase, se cadra, de dotar con máis e máis eficaces meios e recursos os xulgados ad hoc? De aumentar dotacións policiais, psicolóxicas; medidas de protección para as vítimas e as súas crianzas? Todo isto supoño que estaremos de acordo en que non “resolve” o problema; mellorará a súa terapia, mais seguiremos moi lonxe de “resolver” algo fondamente ancorado no funcionamento social e económico e que lle é vital manter ao capitalismo, pola súa funcionalidade esencial: matriz de todas as discriminacións posíbeis. Consistirá, quizabes, o tal pacto en crear unha outra “Audiencia Nacional” que entender en crimes desta natureza? En suspender toda actividade política cada vez que se produce un atentado-morte dunha muller polo feito de o ser? En promover asociacións de varóns firmemente comprometidos coa condena dos seus pares no que toca ao exercicio da violencia contra as mulleres? Acaso algunha vez sentimos falar de pacto de Estado para vixilar, controlar e prohibir a utilización de mulleres para os empregos ou subempregos pior pagos, ou sen seguranza social ou sen protección da maternidade? Un pacto para garantir a igualdade salarial? Un pacto para a denuncia radical e permanente de todas as formas e modalidades de machismo rampante, represión (si, represión) que vai moito máis aló do sempiterno mantra da “educación en valores” (pois non vai ser en vicios, digo eu, porque sería a contra-educación;  por outra banda, en que valores?)? Un pacto que erradique todas as páxinas de venda directa de corpos e imaxes femininas nos meios de comunicación? Un pacto para promover valentemente a INDEPENDENCIA feminina, o descrédito de todas as formas de cousificación e prostitución? Señores, en fin, de que falan cando falan de “pacto”?

O segundo termo que citei é adoito utilizado para a cuestión lingüística e foi obxecto de comentarios e valoracións dunha servidora en máis dunha ocasión e publicación. Trataríase de voltar ao “consenso” que seica existiu (?) arredor do galego, da lingua galega. Invéntanse expresións positivas como a “pax fraguiana” como se os dezaseis anos de presidencia do sr. Fraga Iribarne da Xunta fosen oasis mirífico para o uso do galego. De novo, como no exemplo anterior, o tal consenso persegue acalar: denuncias; reclamacións de cumprimento de mínimos legais; combate activo das millenta formas de proscrición-expulsión da lingua galega do ámbito público e laboral; movimentación social especificamente centrada no exercicio dos dereitos que nos asisten como galego-falantes, como galego-practicantes. Cais as bases do tal consenso? Para beneficiar que e para beneficiar quen? Con que contido? Por fóra da cativa (e inaplicada) lexislación actual ou dentro dela? Ao servizo dun bilingüismo clamorosamente desequilibrado e redutor do galego? Para seguir a subministrar máis aínda elementos estupefacientes en nome da “liberdade” lingüística?

Pacto, consenso: tantas veces, palabras-testo, palabras-tampa, palabras-trampa. Urxamos o seu esclarecemento, a súa desvendaxe, e decidamos nós, desde nós mesmas, desde nós mesmos, que e en que termos nos convén pactar e consensuar, se é que nos conviñer, claro está...


 -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal