11:58 Luns, 23 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-04-2017

Cada vez que o Bloque fai algo ten que ser castigado, é tradición, e nós sómosche país de tradicións

Hotel Podemos

Valorar (33)

HELENA VILAS VIÑAS



“Estoy obsesinada contigo y el mundo es testigo de mi frenesí...” di unha canción de Chavela Vargas, que estes días me ven á cabeza sen parar dende que foi a última Asemblea Nacional do BNG. Coma sempre, e para non variar choveron críticas, normal, porque cada vez que o Bloque fai algo ten que ser castigado, é tradición, e nós sómosche país de tradicións, desta volta o máis comentado foi acusarnos de submisión, que foi tal cal como un congreso do Partido Comunista Búlgaro. Pode que si. E todo polo simple feito de que a nosa candidata foi relixida co 98´23% de votos. Igual se deberían expor que o mellor non  é disciplina de voto, igual deberían pensar que é, que por fin estamos satisfeitas e encantadas coa nosa actual portavoz, igual deberían pensar que por fin temos unha candidata que si nos representa e que a maioría da militancia estamos comprometidas co proceso que fai un ano decidimos iniciar. Non sei, chamádeme tola, pero non vexo nada de raro que un 98 por cento votara a favor cando se está a intentar rexenerar algo que penduraba dun fío, non sei!! Pero o que máis me sorprende, ou non, (teño sentimentos encontrados) é, que estes xuízos proveñan dalgúns cantos que se foron para “mellorar o seu nacionalismo...” Aínda que non me queda claro o concepto de mellora cando coqueteas con soportes populares do Estado Español... pois ben, no canto de ofuscarse en tirar a casa do veciño, deberían como mínimo deseñar uns planos para construír a súa.

Todo era paz e harmonía, todo era como estar nun paraíso de arco da vella e unicornios rosas, fundaron un hotel, un establecemento no que había cabida a todo tipo de clientes, con unha soa estrela, unha soa, si, pero con tanta luz que hipnotizaba; Hotel Podemos. Abrindo moteliños e pensións por todas as provincias, pero a gran revolución chegou a Galiza coas Mareas. A estancia nesta cadea de hoteis ía ser inesquecible, non voltarías nunca xamais a calquera hostal de mala morte.

Era perfecto, até que os xerentes convocaron unha Asemblea onde se analizarían as ganancias e as perdas, e facer unha valoración total dos beneficios destes anos iniciais. Foi entón cando comezaron os problemas, a tan só 3 anos da inauguración do primeiro negocio (baixo o lema RECUPERAR LA ILUSIÓN) si, e que en 3 anos é necesario recuperar a ilusión... Había quen quería gobernar demais e mandárono o cuarto das caldeiras , a outro déronlle un posto como “botones” e outros simplemente lles deron pequenos postiños para controlar as pequenas sucursais en provincias, iso si, o persoal con cargos importantes poden facer uso das instalacións das suites máis luxosas... O máis destacable do hotel é o menú do día: líderes guía, cúpulas autoelixidas, unhas culleradas de transfuguismo con unhas gotiñas de ambición persoal e saía unha macedonia de siglas digna de estrela Michelín.

Pero, nada na vida se pode soster con demagoxia e cinismo, con comunismo de salón, os navallismos internos cada vez fragmentándose máis, aínda cando intentan unirse, divídense nunha loita incesante de poder individual, enganando aos “clientes” disfrazándose de socialdemócratas transversais defensores do proletariado. Un clan, que mediante a demagoxia e o populismo puro e duro, conseguen vivir opíparamente do sistema que din criticar.

Pois ben, xa estamos fartas de calar, de aturar continuamente consellos destrutivos, estamos fartas de recibir críticas continuas, cando nós somos o que somos e punto, nin enganamos a ninguén, nin nos vai mellor cando aos outros lles vai mal, pero creo que xa chegou abondo tanta execución ao BNG. Nós somos nacionalistas de pés a cabeza e non o ocultamos, non somos a sucursal de ninguén, non nos deixamos levar polos comandantes de Madrid, nin repartimos carnés de galeguidade nin temos pura sangue como nos apintan; temos, tivemos e teremos as portas abertas sempre a todo o mundo con dúas simples condicións lóxicas; que crea firmemente nas potencialidades do noso país e non se avergoñe de ser nacionalista galego, si! Nacionalista galega, basta xa de complexos e acomplexados, basta xa de nacionalismo plagado de ambigüidades, iso é exactamente o que non queremos, rotundamente non! Non nos ocultamos, dicímolo e non morremos.

Porque o único que conseguiron é, que o nacionalismo se desangre entre tanta estafa e inxustiza e falta de valores éticos e sociais. Xa fai tempo que Galiza nosa, agoniza con estes comportamentos, creando discordia, separación, sectarismo e violencia verbal, porque... física...? ben, ese tema daríame para outro artigo... 



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[11-04-2017 14:44] luar oir comentou:

Eles preferían que estivéramos divididos e pelexándonos entre nós como fan eles, porque a democracia pásana pola entreperna. Farían ben gobernar a súa casa e non preocuparse tanto pola dos demais facendo críticas destrutivas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal