10:53 Xoves, 29 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-04-2017

Basilio non tiña lixos na lingua cando se dirixía nos seus grandes mitins ás multitudes labregas

Lembrando Basilio Álvarez, propugnador da redención galega

Valorar (17)

MANUEL CABADA CASTRO


Basilio Álvarez


Falta aínda algo máis dun cuarto de século para que se cumpra o primeiro centenario da morte no exilio (tras o golpe de Estado de 1936) do grande “axitador” de Galiza. Como para entón non teño previsto contarme entre os felices mortais, quero adiantarme algo a tal celebración, pensando que si poderiamos polo menos rememorar agora o centenario, máis ou menos, daquela prodixiosa segunda década do século pasado, cando un baril mozo ourensán de trinta e algúns anos máis comezou a dirixir as súas poderosas e magnificamente artelladas proclamas a milleiros de labregos que o escoitaban ó aire libre con comunal entrega e abraio. Porque, aínda que Basilio Álvarez non militou propiamente no galeguismo (faltaban daquela aínda algúns anos para que no ano 1916 se constituísen as “Irmandades da Fala”) senón no agrarismo, foi sen dúbida un apaixonado removedor de conciencias, a través dos medios de que dispuña, a prol da redención e reconstrución de Galiza. Como xornalista, director do xornal “El Debate” madrileño ou fundador, despois, do ourensán “La Zarpa”, como deputado, avogado, etc., estivo el sempre na trincheira da defensa de Galiza e das súas xentes, de maneira especial das máis desfavorecidas. Loitou unha e outra vez a prol da redención dos foros, da liberación das miserias da xente empobrecida e en pugna dialéctica e directa contra caciques e politicastros abdicantes das súas obrigas. Non me atrevería a dicir que nos tempos que corren podemos xa prescindir tranquilamente das súas denuncias e dos seus ben fundamentados asertos e propostas. Son fondas sementes as que el sementou, das que poden agromar aínda plantas e froitos vizosos no noso tempo, caracterizado entre outras cousas –como é ben sabido- pola sempre viva corrupción e pola grave problemática do mundo rural.

Pois ben, Basilio non tiña lixos na lingua cando se dirixía nos seus grandes mitins ás multitudes labregas. El mesmo dicía de si mesmo: “Son unha cousa, unha soa cousa: sinceridade” (20. Utilizo a edición de J. A. Durán de 1976 da súa obra Abriendo el surco, 1913, traducindo o texto castelán ó galego e indicando só a páxina). Sostiña el que era tamén sincero cando se trataba de fustrigar o caciquismo. Así, por exemplo, no mitin que dá na Estrada en outono de 1912 ante arredor de 20.000 labregos clamará: “Atópome no feudo onde o caciquismo galego amosa as fauces dun home representativo: o marqués de Riestra. Aquí hai que berrar máis reciamente ca en parte algunha, porque na Estrada, labregos, se instalara o home que ten agarrotada a media Galiza. Non berrar onde ten a barraca o home canón equivalería a sentir a covardía dos rapaces ante os ruxidos do leopardo. E iso sería indigno de min, que son forte, porque son enormemente sincero” (62). Para Basilio a diferenza entre caciques e labregos é ben nidia: “Os nosos ósos endurecéronse a forza de se temperaren na desgraza. Somos vertebrados. Os nosos inimigos, non. Os caciques, os negreiros, os ladróns e os señores non teñen máis ca tecido adiposo” (97-98). E fronte ó abuso e á violencia, a actitude non pode ser senón activa e belixerante: “Toda opresión brutal sinala ós oprimidos a ruta da violencia, porque as revolucións só estalan cando hai no ambiente plétora de tiranía” (48). “As revolucións son coma as caldeiras. Só estalan cando a presión rebenta as paredes” (54). Neste contexto de abusos e tiranía, Basilio asume que a súa función é a de actuar como modesto iniciador e axitador da pendente e necesaria revolución. O 6 de marzo de 1913, no mitin organizado por “Solidaridad Pontevedresa”, que tivo lugar na Habana ante 5.000 persoas, expresarase deste modo: “A  miña pobre personalidade non é máis ca un insignificante instrumento axitador, e se algunha vez me acerco á dinamita é só porque a terra me fixo ser barreno [...] para que outros homes máis fortes e máis grandes [...] construades!” (107).

É neste contexto cando Basilio falará nos seus mitins públicos e conferencias de 1912 e 1913 sobre a necesaria rebelión en Galiza. Na vila do Carballiño clamará o 8 de setembro de 1912: “Para nós, non obstante ter pasado por Fomento varios políticos galegos, existen ferrocarrís que parecen tartarugas, cun material que é refugallo de España e cunhas galeras para apiñar os nosos paisanos, os pobres segadores, coma se fosen xentes doutras razas. Eu mesmo escoitei no Ateneo e no Congreso como se lle negaba a Galiza o seu pasado histórico e a súa personalidade rexional [...] Quixeron desterrar a nosa raza e, cando cansados, despois de levar catro séculos baixo terra, intenta mostrar as súas fendas, as enormes crebas do volcán, érguense en España para empeorar a cousa políticos de Madrid, que para oprobio noso son oriúndos de Galiza, dicindo que aquí non hai problema algún, que vivimos en pleno festín [...] Para nós, a maiores do problema de despensa e escola [...], temos o problema da redención. Somos escravos dunhas xentes que nos arrebataron a nosa linguaxe doce e agarimosa, os nosos costumes [...]. Xunguíronnos ó carro do centralismo, formando un conxunto heteroxéneo de provincias, como grotesca parodia dunha Francia tan aborrecida como servilmente imitada, e paseáronnos despois aínda, como eterna cincenta, coas cadeas da burla para que o resto dos españois vise algo representativo da ruindade, da sucidade e da estulticia no nome do pobre galego” (43-44).

Por todo iso reivindicará no ano seguinte (6 de marzo de 1913) na Habana ante un público de arredor de 5.000 emigrantes galegos unha política que denomina “substantiva, que afirme, que reconstrúa o vello perdido soar, que hai catro séculos está soterrado” (105). Reconstrución, redención ou liberación de Galiza son lemas, pois, centrais no pensamento do líder agrario ourensán. Neste senso, unha boa parte das súas intervencións públicas remataban así: “Viva Galicia redimida!” (45, 51, 65, 74, 81, 90, 108).

Basilio era sobre todo un home de acción, potenciado naturalmente por unha aguda intelixencia e unha probada capacidade de convicción discursiva. De aí que, tomando explicitamente como exemplo, e ó tempo como contraste coa política galega, a rebeldía dos políticos cataláns, se dirixa no mitin de Ribadavia do 1 de setembro de 1912 ós seus oíntes deste xeito: “Nós, en troques, non quixemos ter unha soa vez un xesto rudo, nin temos pechado os puños nin erguido os ollos cara a Madrid con rabia. Nós estivemos xunguidos ó carro dunha mansedume secular, e os que creron que esa humildade era un signo de morte avanzaron furiosos a profanar un sepulcro onde a nosa vida durmía. E pasearon como un trofeo os nosos despoxos. E burláronse cinicamente da nosa resignación. Hoxe soou a hora do desquite. Chegou hoxe o momento de plantar sobre esta política feminina o selo de nosa brava masculinidade” (38). Tal era a mensaxe de Basilio ós seus afervoados oíntes ribadavienses. A lira ten que lle dar paso, pois, á acción práctica e directa. “Fico aterrado –confesa o 5 de marzo de 1913- cando advirto que en catro séculos de escurecemento non houbo máis claro consolador ca os gritos dos nosos vates” (100). Precísase, polo tanto, alén de laios e lamentos, unha decidida “vontade”. En diversas ocasións referirase a isto nas súas afervoadas alocucións dos anos 1912  e 1913. “Ai dos esmirrados da vontade! Ai dos tuberculosos da alma!” (19). Para acadar efectos tanxíbeis e reais, fai falla, pois, vontade. Esta é a “incógnita” mesma da “loita na vida moderna” (64). “Queriamos ser vontade” (22), indicará tamén aludindo ás orixes e ó programa da súa actividade política en estreita relación, entre outros, con persoeiros como Alfredo Vicenti, Manuel Portela Valladares ou Enrique Peinador. Foi así como xurdiu “Acción Gallega”, que xa na primeira palabra fai referencia ó demandado exercicio da vontade, tal como el se expresará tamén no devandito mitin de Ribadavia: “Somos acción, queremos ser aixada que afonde sobre o voso sopor” (39). Mes e medio despois, no mitin da Estrada aclarará o significado das tres palabras da súa “Liga Acción Gallega”, dicindo en relación coa segunda das tres: “Acción. Que cese todo lirismo, que enmudezan as linguas, que deixen de xemer os bardos. A actuar, a moverse, a andar...!” (63).

Cómpre en calquera caso non esquecer que nas súas actuacións públicas exerceu sempre Basilio Álvarez coma o crego que era. A pesar das diversas censuras e críticas que por parte do estamento xerárquico non puido menos de recibir. Como tal actuaría tanto en Madrid como tamén despois, cando volve, no que el chama “o seu segundo asalto ós opresores”, a Galiza. “Necesitaba só unha cousa –comenta en 1913-. Ser cura rural. Era a única maneira de restar oficiosidade a esta pregunta: A que vén ese cura de Madrid? Eu precisaba un púlpito agreste, eu tiña necesidade de volver revivir as dores campesiñas, eu non estaría en carácter se non fose cura de aldea. E fíxenme abade de Beiro” (26-27). Desde esta pequena parroquia ourensá partirá cara ós seus mitins agrarios, nunha actitude persoal e social que o converte nun verdadeiro e case ignoto pioneiro da que só medio século despois empezaría a darse a coñecer como “teoloxía da liberación”. Velaquí o que el proclama nos mitins que dá sucesivamente no mes de setembro de 1912 en Ribadavia, no Val Miñor ou Vilagarcía: “O noso labor é agora enteiramente negativo. Só queremos destruír, mais non temades, pois pronto substantivaremos o noso apostolado creando a política da afirmación. Non vos asuste nin vos estrañe ver unha sotana case rebelde. Atoparedes esta rebeldía na Biblia e na obra inmensa dos Santos Padres” (39). “Ó facer o que fago, asómome á obra gloriosa dos santos Padres, que por seren insignes e por seren grandes fuxiron sempre de claudicacións servís. Canto fixen e vos poida dicir non é máis ca un tenue resplandor do que eu contemplo abraiado no Evanxeo” (50-51). “Eu non podo predicar que os meus compatriotas aguanten as cadeas cando o noso Señor Xesucristo veu rompelas” (53). Palabras estas últimas que oíron, por certo, neste seu mitin de Vilagarcía tanto Ramón Cabanillas como Alfonso R. Castelao, destacados persoeiros alí presentes. Esta visión “teolóxica” do seu compromiso activo e efectivo con Galiza existía xa en realidade anos antes nel, concretamente cando empezara a dirixir “El Debate” en Madrid, segundo el mesmo indica en 1937 na súa obra España en crisol (reedición de J. A. Durán, 120-121) ó comentar Basilio Álvarez aquí que o que pretendía realizar neste xornal era “poñer en circulación o que o cristianismo ten estancado, que é precisamente o mellor”...

 -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal