09:32 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-04-2017

Non hai historia máis grande que aquela que nos mostra dun xeito obxectivo os e as súas protagonistas

Tres historias da nosa historia

Valorar (15)

LOIS DIÉGUEZ



Non hai historia máis grande que aquela que nos mostra dun xeito obxectivo os e as súas protagonistas. As cousas, as nacións evolucionan pola obra de xentes que por sentimento ou convicción, por amor, se entregan aos demais. En sentido político é o máis grande, pois ese, esa militante da vida, aprende tamén a ser máis ca eu, nós, e non resulta doado, obviamente; sobre todo neste momento en que a glorificación do eu está levando a perigosos retrocesos da glorificada unidade.

Ese amor colectivo, á fin, tráenos hoxe tres exemplos, tres historias que nos gustan e tamén nos emocionan, e que levan por nome: Francisco Rodríguez Sánchez, María Pilar García Negro e Pancho Pillado Maior. Non son únicas, obviamente, mais son como unha representación deses milleiros de persoas que entregaron o seu tempo á batalla social desde campos diversos como o cultural, o social e o político.

Serán festexados nestes meses de abril e maio por decisión e proposta doutras tantas entidades nas que eles, ela mesma, se involucraron activamente: a Federación de asociacións culturais de Galiza que outorga o Premio Nacional Galiza Cultura a Francisco Rodríguez Sánchez "polos seus 50 anos de servizo á cultura galega"; a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega,  que lle entregará a letra E de Escritora na terra onde naceu a María Pilar García Negro; e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica  da Coruña que o fai con Francisco Pillado Maior ao cal distingue como Republicano de Honra 2017.

Nos tres casos hai un nexo común na súa ampla actividade social, cultural e política: a nación galega. Con tres perfís diferentes en canto á súa personalidade e proceso vital. Lembro aquel libro de Francisco Rodríguez que significou unha revolución nos anos 70, Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza (1976) no que estuda de forma lúcida e profunda a situación conflitiva do noso idioma, o cal axudou a perfeccionar a liña lingüística da loita nacionalista, da que el foi e é piar fundamental. Importante para coñecer a Francisco Rodríguez é o libro de conversas que con el mantén o xornalista Xosé Mexuto, A nación galega existe (2006). E como non, esa outra parte del como ensaísta que nos descobre a verdadeira Rosalía de Castro raptada até os anos oitenta das arañeiras choronas de quen dirixían a Editorial Galaxia e a súa contorna. A lucidez e análise aguda son as características fundamentais da personalidade de Paco Rodríguez.

A María Pilar García Negro foi pioneira na loita feminista que iniciou de moi nova e que levou posteriormente ao parlamento galego como deputada. Tiña unha boa profesora: Maruxa, a súa nai, a cal lembro moitas veces con nostalxia. Na análise e batalla lingüística é tamén un bo exemplo que rubrica con numerosos traballos ben artellados e con moitísimas horas de investigación. Co libro O galego e as leis, (1991) deixou patente a persecución que tamén no aspecto legal sufriu o noso idioma desde sempre. E os estudos sobre Rosalía de Castro e a súa obra, resultan esenciais para comprender a personalidade e magnitude da creación poética de Rosalía. Todo este traballo axudou a mudar preconceitos sementados na sociedade galega sobre ela mesma e o noso país. A María Pilar uniu sempre o traballo de investigación cunha loita teimuda desde as distintas plataformas culturais.

E o meu querido Francisco Pillado, que para min sempre será o Pancho, meticuloso investigador e mesmo recuperador do no noso teatro, axudando a potencialo xa desde os anos 60. Traballo importante é o que fai desde a editorial Laiovento, que leva publicado moitos dos libros fundamentais da nosa literatura. Coa crise do libro (todo está en crise hoxe), moitas das editorias nosas foron morrendo e a cultura galega ficou realmente desamparada. El batalla contra esta desgraza até o imposíbel. Amo os paseos e conversas que con el e Noli damos de cando en vez, conversas que cultivou tamén en libros como o dedicado a Carvalho Calero, unha xoia desde a perspectiva de hoxe. Os seus coñecementos sobre Valle Inclán, esa ampla cultura que mostra, a práctica que como galego amante da nación exercita tamén fan del outro dos nosos importantes piares.

Sinto que o oco dun artigo non sirva para unha maior aproximación a estes e esta protagonista. Pero aquí queda, polo menos, unha lembranza e unha flor necesarias para o xardín cadrado deste inmenso país. E quede tamén a proposta para que os tres sexan membros da Real Academia Galega, institución que así gañaría moito en pluralismo e aportacións ao papel que ha cumprir co noso idioma abourado. É de lóxica e xustiza unir sempre a  historia pasada coa presente, os vellos e vellas coas xeracións mozas que se responsabilizan da nova etapa histórica. Uns dan a sabedoría e a experiencia e os outros a forza e a renovación, condicións as dúas imprescindíbeis para que a Historia marche. O Francisco ou Paco, a María Pilar e o Pancho son, como milleiros máis, o nexo, a ponte, as historias practicamente iniciais  da grande Historia. Parabéns e o noso sincero recoñecemento.

  -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña