13:27 Sabado, 29 de Abril de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-04-2017

A Consellería, unha vez máis, por ausencia de planificación e sen contar coas empresas dedicadas á produción deste tipo de plantas, emprendeu unha acción irrealizábel

Un millón de castiñeiros

Valorar (17)

EDUARDO ÁLVAREZ



Había unha vez un presidente da Xunta que, en precampaña electoral, anunciou o día 2 de xuño do ano pasado, despois da celebración dun consello de goberno, que ía subvencionar una plantación histórica de árbores autóctonas para diversificar a economía no rural: un millón de castiñeiros, sobre todo, en Ourense e Lugo, pero tamén en partes de A Coruña e Pontevedra. Estamos convencidos de que esta é unha decisión estratéxica, apostilou daquela o Presidente. Axencias de noticias e medios de comunicación reproduciron a nova aos catro cabos do mundo. Para isto, dixeron tamén irreflexivamente os mesmos medios que a Xunta destinaría dous millóns e medio de euros para que os galegos interesados puidesen plantar semellante cantidade de árbores enxertadas desta especie destinadas a dar froito. Cando lin a noticia tiven a curiosidade de facer unha doada división: 2.500.000 euros : 1.000.000 castiñeiros = 2,5 euros para cada unidade. Consultei logo cun técnico forestal coñecido meu sobre o que custa plantar un castiñeiro de froito e informoume de que entre a planta enxertada coas debidas certificacións fitosanitarias, a preparación do solo, o aburatamento, a fertilización, os titores e mais os protectores contra a fauna salvaxe, a plantación de cada castiñeiro acada os 23 euros. Algo non concordaba nas contas cos datos que ofreceu ese día o Presidente na súa comparecencia: ou ben se enganou no número de castiñeiros dese programa forestal ou ben na cantidade orzamentada.

Poucos días despois, o 27 dese mesmo mes de xuño, tiven ocasión de ler no DOG a publicación da orde pola que se convocaron as axudas para este tipo de plantacións cunha referencia críptica aos castiñeiros baixo a designación de fomento dos sistemas agroforestais e a súa preservación.  Vou ao artigo 21 desa norma e comprobo que o orzamento destinado a esta actividade ascende a 2.640.427 de euros. Tamén comprobo que da totalidade dos gastos, subvenciónase un máximo do 80 %. Isto é, dos 23 euros que custa plantar cada castiñeiro, a axuda pública achega como máximo 18 euros. Dividindo 2.640.427 € entre 18 €, pódese subvencionar exactamente a plantación de 146.690 castiñeiros. Non está mal de todo, pensei eu daquela. Se se consegue plantar nun ano esa cantidade e se ese plan se vai mantendo en anualidades sucesivas, algúns dos propietarios de terras que actualmente están inzándoas de eucaliptos pasaranse ao castiñeiro ao que pronto poderán tirarlle rendemento coa comercialización das castañas.

Mais, no mes de febreiro pasado, o gabinete de prensa da Consellería de Medio Rural, pouco despois da notificación da resolución por carta aos interesados, e non por medio da súa publicación no DOG como obriga a propia lei de transparencia, recoñece que non se trata de un millón senón de 50.000 os castiñeiros que se subvencionan. É dicir, o cinco por cento do anunciado inicialmente polo Presidente da Xunta. Afírmase tamén oficiosamente que, por incumprimento dos requisitos técnicos e por falta de acreditación da titularidade das parcelas, tan só se concederon 140 das 400 solicitudes presentadas.

Mais, da faraónica actuación forestal anunciada polo Presidente sete meses antes como plantación histórica de un millón de árbores autóctonas, reducida logo a 50.000, as cifras sofren outra redución cando, chegada á hora de realizar os traballos, desas 140 axudas concedidas, os beneficiarios se encontraron cun grave problema imposible de remediar a esta altura: moitos deles, tanto particulares como comunidades de montes, non poden realizar a plantación porque os viveiros existentes non teñen exemplares suficientes de castiñeiro híbrido enxertado que reúna as características que se esixen na orde da convocatoria. A Consellería, unha vez máis, por ausencia de planificación e sen contar coas empresas dedicadas á produción deste tipo de  plantas, emprendeu unha acción irrealizábel. ¿Como se pode improvisar de tal maneira cos orzamentos públicos? ¿Por que non se programou coa suficiente antelación para evitar a perda destes recursos procedentes do Fondo  Europeo  Agrícola  de  Desenvolvemento  Rural?

A coordinación entre a Consellería e os viveiros foi inexistente e estes encóntrase agora sen poderen dar saída ás plantas por falta de seguimento e certificación das mesmas. Sei dalgúns que tiñan reservas de miles castiñeiros por parte de comunidades de montes que foron anuladas porque aos beneficiarios non se lles garante que poidan cobrar a axuda do 80%. Tamén sei de particulares aos que lles acontece o mesmo e non saben que facer: se plantar expoñéndose a ter que correr coa totalidade dos gastos ou non plantar para evitar o risco que supón a inseguridade de quedárense sen a axuda. Co mesmo problema se encontraron os empresarios que realizan traballos forestais ao teren investido tempo e medios na elaboración dos proxectos técnicos esixíbeis nas solicitudes de axuda para plantacións superiores a dez hectáreas e que xa programaran os traballos para executaren esas actuacións que logo tiveron que suspender, nuns casos, ou exporse á súa realización sen teren a seguridade de que, chegado o momento, poidan cobrar a subvención por non cumpriren os requisitos esixidos.

¿Quen vai indemnizar os prexudicados por esta falta de planificación da Consellería? ¿Que van facer con aqueles beneficiarios de axudas que realizaron os traballos de roza, aburatamento e compra de materiais necesarios para a plantación coa esperanza de recibir esa subvención polo importe do 80% do orzamento e que agora perden eses cartos e non plantan ou ben realizan as plantacións satisfacendo eles mesmos a totalidade dos gastos?

Sr. Presidente da Xunta, por favor, déixese de enganar con falsas promesas de actuacións irrealizábeis e dedíquese a planificar con rigor unha eficaz política forestal na que prime a recuperación dos nosos bosques autóctonos e non a subordinación á industria da pasta de celulosa.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[05-04-2017 12:14] Sinho comentou:

Disse que em Campanho a firma "Abril" quer ponher oliveiras. Mudam eucaliptos por oliveiras...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal