04:22 Luns, 06 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-04-2017

As organizacións e os gobernos progresistas e revolucionarios de América Latina son moi conscientes de que moi posibelmente a nova administración norteamericana afondará na liña agresiva do presidente Obama

Apuntamentos sobre a situación internacional (I)

Valorar (13)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



A chegada de Donald Trump á Casa Branca e as súas implicacións a nivel rexional e mundial, a realidade social e económica nos EEUU, a delicada situación que atravesa o proceso de paz en Colombia, a actuación do imperialismo para socavar os gobernos alternativos de nación existentes en América Latina, as diverxencias que se producen moitas veces entre os gobernos e os movementos sociais exemplificado no caso do Ecuador, a figura de Fidel Castro e o seu papel fundamental como articulador da unidade latinoamericana, o golpe de estado institucional no Brasil, a necesidade  dun instrumento político forte e con vida propia que non se baleire cando se accede ao goberno, os dereitos dos pobos indíxenas, a nova ruta da seda e a alianza Ruso-China, o control das materias primas e das fontes de enerxía, o Brexit e o futuro da Unión Europea, os populismos de dereita e os neofascismos, o jihadismo, o multipolarismo, a soberanía dos pobos, o dereito a decidir e a situación no estado español, a crise económica, a chamada desglobalización mercantil, os límites dos programas sociais e a necesidade de poñer en marcha cambios estruturais tanto a nivel económico como político, a importancia do traballo ideolóxico...

Intervención de Duarte Correa

Todos eses temas foron obxecto de exposición análise e debate a semana pasada no XXI Seminario “Os partidos e a nova sociedade” celebrado na cidade de México, evento que congregou a máis de 450 persoas de 40 países entre intelectuais, académicos, membros de diversos gobernos progresistas, diplomáticos e representantes de 150 organizacións políticas, sociais, sindicais...., entre eles a UPG e a Fundación Moncho Reboiras.

Non é posíbel resumir nun artigo o contido de tres días de intenso traballo, tentaremos ir facéndoo en futuras entregas no Terra e Tempo cando teñamos asimilada e estruturada toda a información recibida.  Pero a simple lectura dos temas tratados dá unha idea da riqueza dun evento no que a fraternidade non impide que se produzan debates as veces moi  duros, debido ás diversas visións existentes sobre unha determinada cuestión.

Para ir empezando, sinalar que a chegada de Donald Trump á Casa Branca como é lóxico ocupou un dos espazos principais, e a maioría dos e das representantes latinoamericanos presentes mostraron a súa preocupación polo que pode ser unha reactualización da famosa doctrina Monroe que a partir de 1823 considerou América latina o patio traseiro de uso exclusivo dos EEUU; pero ao tempo  facían unha lectura do fenómeno Trump moito máis política e menos histérica e caricaturesca do que adoita a verse nunha Europa que non estaría mal que reflexionara e lembrara a cantidade de líderes políticos non moi diferentes ao novo presidente dos EEUU que ocuparon ou ocupan altas responsabilidades, lembremos por só poñer un caso que hai seis anos escasos Silvio Berlusconi aínda era primeiro ministro de Italia e non se diferenciaba moito do norteamericano nas súas opinións e actuacións en multitude de cuestións. A este respecto nalgunha intervención xunto coa dura crítica ás intencións de rematar o muro fronteirizo entre EEUU e México sinalouse que iso non é algo propio e exclusivo da extravagancia do novo presidente norteamericano, lembrándose que hai outros muros físicos dos que apenas se fala como os do Sahara, Palestina ou Ceuta, e existe un muro de desprezo e indiferenza nunha Unión Europea que tenta dar leccións de civilizada ao resto do mundo mentres asiste impasíbel á catástrofe humanitaria de milleiros de persoas, que morren no Mediterráneo tentando buscar un futuro e fuxindo das guerras e da pobreza que non provocaron eles.

As organizacións e os gobernos progresistas e revolucionarios de América Latina son moi conscientes de que moi posibelmente a nova administración norteamericana afondará na liña agresiva do presidente Obama que detrás do seu discurso supostamente pacífico e conciliador agachaba un aumento da inxerencia e das operacións desestabilizadoras. Como actuar fronte a esa realidade foi obxecto de debate, con diversas propostas para recompoñer unha unidade necesaria que partindo da soberanía de cada pobo, da singularidade e do ritmo propio de cada proceso permita establecer unhas liñas comúns de actuación fronte a un inimigo común.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña