21:36 Luns, 21 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-03-2017

Estase desmantelando o rural galego, en silencio, sen ruído nas redes nin en ningún outro sitio

O rural galego non é trending topic

Valorar (16)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Despois da desfeita que supuxo quedar sen luz na casa durante tres día por mor do temporal de principios de febreiro, do que xa dei conta no artigo “Carta aberta a Gas Natural Fenosa”, chegou o momento de facer reconto de danos para o seguro e para a reclamación á empresa subministradora de electricidade. Un dos técnicos que pasou pola casa durante eses días tiña claro que a prioridade do subministro tíñana os polígonos industriais e as cidades, é dicir, que os que vivíamos “na aldea” podíamos agardar, porque total pouco había que perder.

Non sei se esta persoa opinaba segundo o seu entendemento ou se tiña datos concretos de que as empresas subministradoras de electricidade, efectivamente, estaban dando prioridade aos grandes núcleos de poboación. Non o sei. Mais o que si está claro é que foi o rural o gran damnificado polos cortes de subministro eléctrico durante aquel primeiro fin de semana do mes de febreiro deste ano. Non hai máis que repasar as crónicas da prensa para ver que ningún gran núcleo de poboación, ningunha cidade galega, tivo que pasar até tres días sen luz por mor da desfeita causada polo temporal na rede eléctrica. Con todo, medio millón de persoas víronse afectadas polos cortes de subministro eléctrico segundo “La Voz de Galicia”, unha cifra escandalosa propia dun país do terceiro mundo, pero que sen embargo non suscitou unha onda de indignación social que saltara aos medios de comunicación e ás redes sociais. Nada. E non é que os que vivimos no rural non esteamos indignados, é que o rural non é importante, como moi ben explicou o técnico do que falei anteriormente.

Pero non é só que a calidade da rede de subministro eléctrico do rural sexa mala, como quedou constatado no mes de febreiro. Hai uns días o alcalde da Estrada anunciaba a próxima instalación da fibra óptica no noso concello da man de Movistar ou R, segundo quen ofrecera mellores condicións económicas. Esta rede non só abriría as portas a contidos dixitais que até o de agora non podíamos desfrutar na Estrada, senón tamén permitiría que empresas e particulares se puideran beneficiar do gran caudal de datos que permite a fibra óptica moi superior á ADSL. Mais non pensedes que a fibra óptica se vai instalar en todo o concello, ao contrario, a prioridade vai ser a vila e o polígono industrial de Toedo, -igualiño que o que pasou cos cortes eléctricos-, incrementándose a fenda dixital que hai entre os veciños e veciñas que viven no rural a respecto dos que viven na vila. Isto non é un feito illado, o que pasa na Estrada pode extrapolarse a todo o rural galego onde a única fibra que podemos desfrutar é a das verduras que produce o noso país.

Con todo, a mala calidade do subministro eléctrico ou do acceso a internet no rural, a ausencia de saneamento, desmantelamento dos servizos sanitarios e bancarios... reflicten ás claras que o rural galego non importa ao goberno do PP da Xunta de Galiza. A súa inexistente política agraria e gandeira está levando á desertización do rural galego, ao envellecemento e a convertelo nunha grande eucalipteira da que ENCE será a única beneficiaria.

A ninguén lle importa o rural; a ninguén sorprende, por exemplo, que se prohiba plantar patacas en amplas zonas de Galiza por mor dunha peste que por arte de maxia apareceu no noso país, infestando boa parte da nosa produción, co prexuízo económico que está a causar a non poucos agricultores que vivían deste cultivo.

Estase desmantelando o rural galego, en silencio, sen ruído nas redes nin en ningún outro sitio. O rural galego non é trending topic.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[29-03-2017 15:05] Pedro Joaquim Peão comentou:

tés máis razón ca un santo e a prova delo é que non che fixeron nin un triste comentario, tal é o grao de sometemento deste triste povo. Eu som de Pontevedra. Pontevedra é uma pequena cidade cuxa arteria vital é o río Lérez. Sem o Lérez, Pontevedra nom existiría. A conca do Lérez vese hai tempo seriamente ameazada polos plans enerxéticos da Celulosa. Para sermos concretos; uma macrocentral eléctrica de biomasa vai ser instalada nesta área pero a ninguém parece importar. Pontevedra pasará de ser a "boa vila que dá de beber a quem pasa" a ser a vila que morreu de sede". Polo dagora espálhase polo rural que o futuro do mesmo está na biomasa...e tododiós di : amén. Todocristo achanta. Todoquisque baixa a orelha e tambén os pantalóns. E iso é o que hai, meu. Saudinha.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Manifestación do Día da Patria Galega de 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal