12:00 Luns, 23 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-03-2017

O silencio mata: calar é ser cómplice

A hipersexualización tamén é violencia

Valorar (56)

ROBERT NEAL BAXTER



Antes de todo, quero deixar moi claro que non pretendo falar en nome de ninguén, nen moito menos usurpar a voz das mulleres, xa que, ao acreditar no principio de autoorganización, por seren as que padecen a opresión patriarcal son as proprias mulleres as únicas que deben definir a loita para a súa libertación. Ora ben, como comunista e como aliado feminista que me sinto, non podo deixar de aproveitar os espazos de que dispoño para denunciar as inxustizas sociais e a explotación xeradas polo capitalismo e o cisheteropatriarcado que o alicerza. É máis, acho que se trata dun deber à luz das 23 mulleres asasinadas no Estado español só nos dous primeiros meses deste ano, que se suman às 105 de 2016, às 112 de 2015... O silencio mata: calar é ser cómplice.

Mais, para alén dos feminicidios que chegan a saír nos xornais –para deseguida deixar paso ao fútebol– a violencia en contra das mulleres é un cúmulo de elementos insidiosos que a pasividade social enterra ou fai pasar por normais ou inconsecuentes, desde os ‘micro’ machismos, o acoso laboral ou o foso remuneratorio até a apoloxía da violación, pasando pola misoxinía institucional, sen falar das abducións, mutilacións, degolas e outras violacións con que nos ceban e desensibilizan día tras día as series televisivas no horario de máxima audiencia, descrito como pornografía criminalística.

A publicidade tamén é notoria pola súa perpetuación de estereótipos e padróns de comportamento patriarcais, enaltecendo todo tipo de violencia contra as mulleres, incluída a glorificación do estupro, o secuestro, a tortura, a humillación e mesmo o feminicidio para vender roupa, zapatos, perfume... como se fose non só algo normal e aceitábel, mais lexítimo e mesmo loábel, como parte intrínseca da cultura que sanciona a violación.

As mulleres deixan de ser persoas. Non son máis que corpos ao servizo do mercado: úteros andantes, obxectos de entretemento, bens de consumo.

Un aspecto moi preocupante da obxectivación do corpo da muller ao servizo da excitación dos homes é a crescente vaga de hipersexualización infantil, bebendo do mito da Lolita, aquela nena de 12 anos que supostamente seduce o seu padrasto de media idade que a viola repetidamente. E non se trata só dunha ficción literaria, con noivas de até 8 anos que morren desgarradas tras seren casadas con varóns adultos.

Non é unha cuestión de censurar puritanamente a sexualidade das mulleres adolescentes, nen de coartar a autonomía ou a emancipación sexuais, pois a hipersexualización e a pornografización do corpo da muller non son sinónimos de liberdade ou libertación sexual. Trátase, moi polo contrario, de denunciar a fantasía masculina que consiste en ser o primeiro en ‘deflorar’ unha muller (curiosamente os homes non son deflorados...), marcándoa como pertenza súa, antes, moitas veces, de a tirar como un pano suxo unha vez esgotada a fantasía da conquista: xa é unha calquera. Non debería sorpreender, pois, que existan homes depredadores que cren que teñen o direito de venderen e compraren a virxindade dunha menor.

Às veces interveñen as institucións, asumindo a súa responsabilidade de velaren pola dignidade das persoas. Así, tras o escándalo que desataron as poses salaces dunha nena de 10 anos na revista Vogue, o Parlamento francés prohibiu a participación de nenas menores de 13 anos nos concursos das ‘mini-miss’, un concurso de ‘beleza’ canónica que xa é abondo repugnante e degradante para as adultas... Entretanto, na televisión española non dubidan en aplaudir a ‘chulería’ dun grupo de meniñas de entre 6 e 8 anos denominado Shameless que bailan ao ritmo de I’m so hot. Igual hai tíos que se excitan... Para min non é ningunha ‘monada’ ver crianzas imitando os movementos sexy estereotipados da música pop. Suscítame, máis ben, a mesma repulsa que é o disfarce da enfermeira sexy para nenas de 1 a 14 anos ou os bikinis recheos para meniñas de 7 anos. Non é de estrañar, logo, que se escravicen, vendan e prostitúan menores.

Non estamos a falar do direito das mulleres a se expresaren ou se vestiren como queiran sen seren acusadas de provocar ou incitar os homes: Non é a minisaia, non é o pantalón; na mente do machista está a provocación! Estamos a falar, polo contrario, da aprendizaxe precoz de padróns de comportamentos submisos e autodestrutivos impostos pola sociedade heteropatriarcal.

A hipersexualización está lonxe de ser un inocente xogo inocuo, un divertimento sen consecuencias. Tratase de que asuman e interioricen normas de xénero heteropatriarcais que lles son impostas desde moi novas, fomentando a obsesión coa aparencia física e o corpo como obxecto de exhibición, onde o único que conta é ser observadas con admiración, procurando sempre compracer os homes. As consecuencias a medio e longo prazo son moi graves e moi variadas, pois, ao mirrar a autoestima, as vítimas tórnanse máis vulnerábeis e propensas à ansiedade, à depresión ou aos trastornos alimentares.

O patriarcado non descansa na súa procura de novas formas para apreixar as mulleres, e canto máis novas mellor para se arraigaren o máis profundamente posíbel os valores e padróns machistas. As gaiolas, por moi douradas ou divertidas que parezan, gaiolas fican. Así, para rematar, fecho coas palabras de Mª Jesús Girona Magraner, Presidenta da FMJ: “Desde hai uns meses estamos sendo invitadas a unha nova escravitude, a hipersexualidade das nenas. Ao parecer non está a ser suficiente todo o dano que o patriarcado fixo e está a facer coas mulleres en forma de precariedade laboral, violencia de xénero, trastornos alimentares, brecha salarial, nova lei da Interrupción Voluntaria da Gravidez e dos direitos sexuais e reprodutivos, entre outras; agora tamén toca às nenas”.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[02-04-2017 11:23] Gioconda comentou:

Está claro que queda moito camiño por diante para acadar a igualdade real. Só hai que ver os exhabruptos de "xente" como Feinmann, claramente un deses privilexiados a quen lle proe que se pretenda rematar cos privilexios.

[01-04-2017 15:18] Xosé Manuel Sánchez Rei comentou:

Como sempre, gostei inmenso do artigo do profesor Neal Baxter: os meus parabéns polo atinado da proposta e polo acerto na dirección das setas.
Tamén gostei moito de intuír, por algún comentario que inspirou, que hai outras modalidades de seres vertebrados, á marxe do ser humano, que igualmente teñen a capacidade de faceren uso da linguaxe articulada; e isto é de veras importante, porque sempre se dixo que a tal linguaxe era exclusiva das mulleres e homes, mais nunca doutras especies relativamente próximas en termos xenéticos.

[29-03-2017 12:06] O Kai comentou:

Véxome na obriga de comentar, despois de ter lido o artigo e sobre todo despois de ler o comentario feito ao mesmo polo usuario Feinmann.

O patriarcado é un sistema de opresión hacia as mulleres e de privilexios para os homes, sen dúbida ningunha, a grande maioría de cuestións que explicita este comentario, algunhas delas totalmente falsas, son efecto directo do patriarcado e do capital, institucións coodependentes e desgrazadamente en boa sintonía dende a aparición do sistema fabril, aínda que presente dende as primeiras mostras da división sexual do traballo.
O grande problema é que non é unha cuestión entre individuos concretos, os homes forman parte do chamado sector produtivo, o cal é explotado polo capital para producir e afondar os seus beneficios e a sua usurpación de plusvalía, mentres que as mulleres están destinadas ao sector reprodutivo, o cal é o sostén de toda a sociedade capitalista, xa que fai que o sector produtivo só se teña que preocupar na tarefa da produción, ao estar as súas necesidades cubertas polas mulleres. Isto fai que o sistema non poida permitir a igualdade real entre homes e mulleres, xa que o sistema de explotación capitalista non podería sobrevivir.
Entrando no concreto, claro que os homes temos privilexios no sistema patriarcal: accedemos de xeito mais fácil aos postos de traballo, accedemos tamén dun xeito mais fácil a postos directivos, págasenos mais polo noso traballo (aínda que sexa exactamente o mesmo que o dunha muller), temos a capacidade de elexir o que queremos facer dende pequenos (carecemos dunha presión social e familiar á que si son sometidas as mulleres), as características físicas e mentais que supostamente temos os homes e non mulleres son consideradas virtudes e un longo etc. Indo ainda ao mais concreto e cotiá, un home non ten que ter medo por sair pola noita da súa casa, un home non ten que aguantar que lle digan cousas pola rúa nin que se lle trate con condescendencia por razóns de simplemente pertencer a un xénero.
En definitiva, estar tan cegas e decir que o sistema patriarcal non existe ou que non é un sistema de opresión cara as mulleres, que as relega a un mero acompañamento do home, e que é un sistema de privilexio cara o sector produtivo capitalista, e para o home como individuo e clectivo, non é estar cegas, é non querer ver nin atallar un problema que nos afecta a todas, como mulleres, como aliadas do feminismo e como anticapitalistas.

Desculpade polo tocho, espero ter sido medianamente coherente. Bo artigo, coma sempre, Neal!

[29-03-2017 00:31] Feinmann comentou:

Veamos las tremendas ventajas que proporciona el patriarcado a los hombres:
- La esperanza de vida de los hombres es 6 años menor que la de las mujeres.
- El 95% de las muertes en accidente laboral son hombres.
- La probabilidad de suicidio de los hombres es el triple que entre las mujeres.
- Solo el 7,6% de las viudedades son cobradas por hombres.
- El 99% de las víctimas en guerras son hombres.
- El 75% de las víctimas de homicidio son hombres.
- El 85% de los homeless son hombres.
- Los hombres solo consiguen la custodia compartida en el 20% de los divorcios
- Los trabajos más duros, sacrificados y desagradables son realizados por hombres.
- Si el hombre pega a la mujer, es un maltratador, pero si le pega ella a él, él es poco hombre.
- Si el hombre llora no es un hombre, si no llora, es insensible.
- En Alepo dejaban salir a mujeres y niños, a los hombres no, se le impide, para masacrarlos.
- Veo un reportaje de la matanza de Sbrenica. La periodista empatiza con el sufrimiento de las madres y viudas, olvida a los muertos, en su mayoría hombres.
- Hay teléfono de ayuda a las mujeres víctimas de violencia de género, para los hombres no.
- Los hombres reciben sentencias superiores a las mujeres, a igualdad de delito.

El patriarcado como sistema de privilegios, ¡es una mierda!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal