05:37 Domingo, 26 de Marzo de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-03-2017

A “tourificación” forzosa da Galiza xa vén de moi vello

Pagar a barbarie

Valorar (30)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



O portavoz do goberno español anunciou unha rebaixa de once pontos no IVA das touradas, do 21%, logo, ao 10%. O presente artigo podería rematar aquí, só co convite a quen isto ler a que anote nun papel todos os bens e servizos que seguimos a pagar con aquel altísimo imposto, libros incluídos, e tire as consecuencias pertinentes. De modo e maneira que seguiremos a pagar a barbarie e a españolización a través dela, porque a terminoloxía oficial continúa a nomeala como “fiesta” e a considerala un emblema irrenunciábel da españolía. "¡Lástema de bois!” exclama o paisano de Castelao (“Filosofía labrega”) naquela estampa en que o noso compatriota olla un cartaz anunciador dunha corrida de touros. “Se as touradas são arte, o canibalismo é gastronomia”, rezaba aquela vella faixa ou pancarta que vimos nunha manifestación en Lisboa, hai tantos anos...

Entramentras, o goberno español e a Xunta promulgan leis protectoras de animais (recentemente, a prohibición de lles cortar o rabo aos cans), mantendo a excepción do grande símbolo español, que se conceptúa e se impón como intocábel. A “tourificación” forzosa da Galiza xa vén de moi vello. No derradeiro cuartel do século XIX, Lamas Carvajal xa se alporiza na súa poesía pola pretensión do concello de Santiago de Compostela de proxectar a construción dunha praza de touros cuxo importe ascendía a case 33.000 pesetas da época, unha enormidade. Na cidade da Coruña, como desaparecera a que funcionara durante tempo, houbo que habilitar o Coliseo para cumprir o designio españolizador do alcalde Francisco Vázquez, na máis acabada alianza de servizo ao colonizador e de tributo do colonizado. Por contra, un dos pecados máis zafrañados ao Parlamento e ao goberno catalán é precisamente ter lexislado e executado a prohibición das touradas.

Que é o que, en troca, temos de aturar aquí? Un anteproxecto de lei da Xunta que visa lexislar sobre a protección e benestar dos animais de compañía. Avisados estamos de que nengún dos preceitos da futura norma será de aplicación aos animais que sexan obxecto de regulación específica, touradas incluídas. A reverencia e a cobardía xuntística face á monarquía española (e non me refiro só á forma de goberno herdada do rexime anterior, senón á elefantiásica españolización de todo o sistema) é tal que se ve capaz de predicar o máximo nível de protección e benestar dos animais, porque recoñece que son seres vivos dotados de sensibilidade e, por iso, cómpre atender ás debidas condicións hixiénico-sanitarias da súa vida e transporte, vixilar espectáculos circenses e prohibir radicalmente calquer forma de maltrato.

Pense quen isto ler que grau de cinismo se pode ter para ousar defender unha normativa desta natureza e, ao tempo, salvagardar como intocábel a maior mostra de tortura, salvaxada e barbarie que cabe imaxinar. Onde os teóricos e flamantes pensadores que escreban sobre como se pode chamar a esta apoteose da morte e do negocio “arte”? Ulos, os historiadores que denuncien a imposición brutal que supón a exportación desde a metrópole á colonia do que nela non existiu, unha especie de marcaxe a fogo da propriedade do amo, como se fósemos greas submetidas á vontade e ao poder do “mayoral”? Libreiras, editoras, escritores e escritores, actrices e actores, comerciantes... e un longo etcétera, non podería unir as súas voces nunha clamorosa protesta contra tal operación?

É só, sendo obvia e flagrante, unha cuestión de sensibilidade animalista? É o exemplo perfeito, a imaxe máis expresionista posíbel, da feroz imposición dun Estado capaz de nos saquear con total impunidade, en canto nos obriga agora e por enésima vez a pagarmos a barbarie que o distingue. Como, a pesar de ter sido planeada e perpetrada a morte do idioma e a laminación da nosa cultura (ou a súa residualización), tal obxectivo non foi conseguido, cómpre fabricar, subvencionar, amparar e divulgar o mortífero espectáculo. E a Xunta? “Palabra de Dios, te alabamos, Señor”. Até cando o imos consentir?

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[20-03-2017 15:57] Luísa comentou:

Cando leo os seus escritos síntome orgullosa de ser galega.
Un día podería falar da trindade: touradas, semana santa, camiño do santiago matamouros.Sería sublime, para levitar!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal