21:43 Luns, 21 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-03-2017

Precisamos máis accións e menos felicitacións

Fartas da banalización das datas de combate

Valorar (13)

MARGARIDA CORRAL SÁNCHEZ



Cada ano que pasa fico máis indignada ante a chegada dun novo 8 de marzo. Amólame a banalización, a teatralización, a comercialización dunha data que debera ser reivindicativa e combativa e non celebrada como un día para parabenizar ás mulleres. Desde que o adxectivo traballadora non acompaña á data do 8 de marzo e quedamos só co Día da Muller, boa parte do discurso transgresor caeu con el. Por iso as feministas de clase non renunciamos ao termo. Porque a orixe da reivindicación segue plenamente vixente e segue a ser necesaria.

Nada teño que festexar. É máis, négome. Farta estou de ver como converten ao 8 de marzo nunha data marcada no calendario ao estilo do comercial Día da Nai. Banalizando unha xornada reivindicativa para desposuíla da súa carga social e histórica. Facendo un chamamento a festexar que somos mulleres, sen cuestionar o que se constrúe arredor dese imaxinario.

Farta de participar en actos institucionais convocados por alcaldes machistas como o de Noia quen ten a ousadía de participar nun acto con motivo do 8 de marzo, desmarcarse do guión, e introducir no seu discurso a modo de brincadeira: “ a muller é capaz de sangrar sen cortarse; a muller é capaz de dar a luz sen corrente, a muller é capaz de tocar as narices sen acercarse”. Que o faga precisamente no marco dese acto amosa o seu desleixo e a súa falta de respecto e compromiso na loita pola igualdade, alén da súa misoxinia.

E si, estou farta, moi, moi farta do circo que se monta arredor desta data, cando recibo no meu correo eleitrónico unha oferta de produtos para celebrar... que son muller! Que é o meu día! Precisamente de quen propaga esquemas que supoñen un sufrimento para as mulleres que non encaixan co seu estereotipo corporal, espallando sexismo con fines comerciais.

O 8 de marzo non é unha data para felicitar nin para agasallar ás mulleres, por moito que o capitalismo pretenda sacar tallada da conmemoración e desvirtuala. Se alguén ten tentacións de felicitarme, aínda que sexa por ignorancia e boa fe, que loite comigo, que censure os machismos diarios, que identifique as discriminacións e as combata, que acurrale e ille ao machista, sexa xefe, sexa empregado, amigo, camarada, compañeiro ou veciño. E que deixe de ser cómplice. Que saia do seu confort.

Estaremos en condicións de felicitarnos cando os salarios sexan acordes co traballo a desempeñar e non ao xénero da persoa, cando as estruturas do poder sexan ocupadas por mulleres e non só por homes, cando non teña que facerlle saber a un xefe que a súa conduta é indesexada, cando a miña pensión non sexa inferior que a dun home porque a miña carreira profesional foi máis curta e precaria por asumir tarefas de coidado,  cando non teñamos que defender a unha traballadora porque a despediron ao saber que ía solicitar unha redución de xornada, cando promocionen a mulleres que veñen de ter unha crianza, cando poida saír de noite soa sen medo a ser violada, cando deixemos de asumir o peso de practicamente toda a economía de coidados,  e cando o número de mulleres asasinadas por mor da violencia machista sexa cero.

Levamos anos denunciando que aquelas mulleres que foron quen de saír da situación de desemprego fixérono en condicións precarias, en ocupacións flexíbeis e informais, con contratos a tempo parcial e/ou temporais, subcontratas ou mesmo empregos que carecen de protección social. Hoxe en día, a consecuencia da crise, atopámonos con que tamén o colectivo masculino está a sufrir estas condicións laborais, feito que se utiliza para pretender convencernos dunha mellora na igualdade entre homes e mulleres que non é real, nin unha conquista social, nin un triunfo das poucas políticas de igualdade existentes, senón o resultado das nefastas consecuencias das reformas laborais e do resto de políticas postas en marcha para saír da crise.

Esta non é a igualdade que queríamos as mulleres. Nós non queríamos igualarnos en precariedade. Cando esixíamos os mesmos salarios ca os homes non pretendíamos obter unha rebaixa nos seus, senón obter os mesmos dereitos que eles a priori conseguiran.

E non imos permitir que maquillen as cifras, que empreguen a diminución das diferenzas para xustificar a posta en marcha das súas políticas reaccionarias e neoliberais. A actual situación da muller no mercado de traballo non só non é boa, senón que é o resultado dos recortes en servizos sociais, sanidade e educación, das nefastas reformas laborais e de pensións, e da redución dos fondos públicos destinados ás políticas de igualdade e prevención e atención ás vítimas e violencia machista. A isto hai que sumarlle a posta en marcha de políticas ultraconservadoras que pretenderon nos anos de crise, devolver o rol de coidadoras e reprodutoras ás mulleres, a costa de recortar as nosas xornadas laborais, o cal está a afectar ás nosas vidas laborais actuais e afectará tamén ás nosas vidas futuras, desposuíndonos do dereito a unhas prestacións dignas.

As cifras son tan demoledoras que arrepían e precisan dunha contundente resposta mobilizadora. Recuperando a nosa combatividade estaremos en condicións de recuperar os nosos dereitos. Debémosllelo ás mulleres socialistas, sindicalistas e sufraxistas que, na segunda metade do século XIX uniron a súa loita, aliándose para obter dereitos laborais e políticos para todas as mulleres, en varios países do mundo.

Debemos lembrar o que aínda non fomos quen de conquistar, das discriminacións que padecemos e do moito que temos por facer. Hai que lembrar a  loita de todas as mulleres que uniron as súas voces e tenderon unha man para que as mulleres de hoxe en día esteamos en mellores condicións que no pasado. Por iso rexeitamos a farsa de celebrar o día da muller, porque nin tan sequera o 8 de marzo somos recoñecidas e visíbeis.

De feito, e pese a que este 8 de marzo as rúas de Galiza foron un clamor de mulleres mozas, de mulleres adultas e de mulleres maiores berrando contra as inxustizas e as discriminacións que sufrimos as mulleres, a meirande parte dos medios escritos fixéronse eco, e moi por riba, tan só dos actos institucionais. Moi poucos deron protagonismo e espazo á loita obreira, a loita feminista, tampouco encheron análises pormenorizados ao respecto desta data, analizando as discriminacións laborais existentes, e as sociais derivadas delas. As portadas foron para eventos deportivos, para a economía, non para as mulleres. Nin tan sequera con motivo dun 8 de marzo temos o noso espazo na sociedade. A pesares de ser o colectivo máis numeroso de persoas da humanidade. E pese a que facía moitos anos que un 8 de marzo non reunía a tantas mulleres en actos espallados polas comarcas deste país. Porque lle pese a quen lle pese, coido que cada vez somos máis as que temos a  necesidade de visualizar que non estamos soas, que non imos ficar caladas, que non somos invisíbeis, por moito que os medios intenten ocultar a nosa forza.

Porque moitas de nós fuximos de celebración do concepto estereotipado da muller, da feminidade, do sacrificio, da tenrura, do sorriso, da delicadeza, da paciencia, da fraxilidade, da beleza ao servizo do home. Nós reivindicamos mulleres rabudas, mulleres combativas, as fortes, as intelixentes, as que fan da súa vida, das súas decisións e do seu corpo o que lles pete, as mulleres libres, as que teñen medo, as que contraditorias, as vellas, as gordas, as feas, e as guapas, as asalariadas, as autónomas, as desempregadas, as pensionistas, as ciganas, as galegas, as inmigrantes, as mulleres trans, as xordas, as que teñen mobilidade reducida, as de coeficiente intelectual por riba ou por baixo da media, as lesbianas, as nais, as voas, as nenas, as mozas,  as mulleres que viven soas, en parella ou en comunidade... reivindicamos as mulleres diferentes, porque na diversidade todas atopámonos e porque todas sufrimos as mesmas desigualdades, polo mero feito de sermos mulleres.

Nós non celebramos os 8 de marzo. Nós conmemoramos. Reivindicamos. Reflexionamos. Lembramos ás mulleres violadas, abusadas, asasinadas, ás represaliadas, ás presas, ás despedidas por ficar embarazadas, ás discriminadas pola súa diversidade funcional, ás que lles prohibiron abortar, ás que o fixeron en condicións precarias, ás acosadas, ás que cobran menos que os seus compañeiros homes, ás invisibilizadas na historia, ás silenciadas...

Lembramos as revoltas das obreiras en moitos países do mundo, as súas folgas, a súa rebelión contra as xornadas abusivas, contra a escravitude dos seus traballos nas fábricas e nos fogares, e denunciamos a quen pretenda apropiarse da orixe desta data e desvirtualizala.

Eu négome a ser parte da banalización do combate feminista, cómplice dunha celebración inexistente. Nós precisamos máis accións e menos felicitacións.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[18-03-2017 18:44] Farta de todos comentou:

E tamén precisamos máis crítica autocrítica. Por exemplo, se Axeitos denuncioa que Rosario Alvarez cobrou 120000 euros da RAG para facer unha gramática que non fixo hai que denuncialo aínda que sexa muller, senón nunca teremos credibilidade e seremos vistas como un lobby corporativo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Manifestación do Día da Patria Galega de 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal