05:38 Domingo, 26 de Marzo de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-03-2017

Talvez a teoría máis recorrente, aínda que cientificamente a menos verosímil, é aquela que fai corresponder aos pobos celtas a honra de seren os creadores da gaita

Algunhas reflexións sobre a orixe da gaita galega: da Mesopotamia até á Fisterra galaica

Valorar (16)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



A Asociación Veciñal Agra do Orzán é un dos colectivos máis dinámicos na cidade da Coruña e, se se me permitir o alargamento, un dos máis vizosos en todo o país no referente ao número de actividades que ofrece ás mulleres e homes que moran na comarca ártabra: aulas de encaixe, sesións de pilates, aulas de acordeón (piano e diatónico), aulas de gaita e percusión, grupo de recitado e declamación de poemas, aulas de canto tradicional e de taberna, aulas de guitarra, aulas de lingua portuguesa, aulas de teatro e de xadrez (en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda), conferencias públicas sobre temas de actualidade ou sobre cultura galega, lanzamentos de libros etc. Precisamente, entre os múltiplos eventos que a dita asociación organiza cada ano, o asinante deste artigo foi convidado hai un tempo a proferir unha palestra sobre a orixe, a evolución e os tipos de gaita na Galiza. E, como produto dese encontro, xurdiron as presentes palabras, que son apenas unha versión posta agora por escrito de un dos temas abrollados naquel acto, cal é a aínda hoxe incerta orixe do noso instrumento nacional por excelencia.

Ao longo da historia, a literatura especializada galega e internacional ten recollido diversas propostas para sinalar o nacemento destes aerófonos con depósito de ar, como ben se pode observar ao consultar tanto os traballos clásicos como os máis recentes (W. H. Grattan Flood, The Story of the Bagpipe, 1911; Anthony Baines, Bagpipes, 1960 e 1979; Xaime Estévez Vila, A gaita no eido da música, 1987; Óscar Losada, Alento de gaita, 2000; Hugh Cheape, The Book of the Bagpipe, 2000; Bagpipes: A National Collection of a National Treasure, 2011; etc.). No momento en que rediximos estas liñas, aínda non hai un concerto asumido sobre en que parte do mundo xurdiu por primeira vez unha canaveira conectada a un fol ou depósito dotado dun tubo para introducir o necesario ar nese odre. Sen ningunha vontade de comentarmos todas as hipóteses manexadas ao respecto, imos referenciar aquí algunhas das máis clásicas, nin todas igualmente subscritas ou coñecidas.

Talvez a teoría máis recorrente, aínda que cientificamente a menos verosímil, é aquela que fai corresponder aos pobos celtas a honra de seren os creadores da gaita, tal e como defendían V. Cobas Pazos (Esbozo de un estudio de la gaita gallega, 1955) ou Faustino Santalices; esta hipótese, aparecida cando menos xa no século XIX, apóiase, en primeiro lugar, na grande proxección cultural e social que a gaita, nas súas diferentes modalidades, posúe na actualidade nas nacións consideradas célticas (Bretaña, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales, Galiza etc.) e nas súas áreas de influencia; e, en segundo lugar, alicérzase tamén no descoñecemento doutras tradicións gaitísticas á marxe dese presumíbel mundo celta, como as existentes na Bélxica, Bulgaria, Chequia, Franza, Macedonia, Suecia etc. O problema que presenta tal explicación para poder ser asumida, no entanto, parte da falta do respectivo apoio documental, xa que que no mundo antigo os cronistas romanos e gregos non fixeron ningunha referencia a que nos territorios habitados teoricamente por pobos célticos se empregase este instrumento: o xeógrafo e historiador heleno Estrabón (ca. 64 a.d.n.-24 d.n.e.), por exemplo, cando describe con certo grao de pormenor os costumes dos habitantes no NO da península ibérica, nada sinala relativamene á gaita e si, en troca, a un tipo de trompas ou trompetas que eran utilizadas neses territorios, conforme figura no traballo de Antonio Balboa Salgado Gallaecia nas fontes clásicas (2011). Outro problema para asumirmos a teoría da proveniencia celta é que, na liña do xa aflorado máis arriba, instrumentos que se poden considerar morfolóxica e tipoloxicamente como gaitas ou cornamusas apareceron historicamente desde a rexión da Costa da Morte, na Galiza, até ás estepas de Asia central, e desde os países escandinávicos, atravesando a Italia e a Sicilia, até ao norte de África, rexións, algunhas delas, totalmente alleas a calquera influencia da cultura indoeuropea céltica.

Máis unha explicación sobre a orixe da gaita é aquela que a atribúe aos pobos que habitaban a Mesopotamia, uns séculos antes da nosa era. Aparecida en comunidades de pastores e a partir destes territorios, sería espallada polo mundo occidental e oriental grazas á proxección e relevancia política do mundo clásico; o autor grego Aristófanes (444-385 a.n.e.), poñamos por caso, xa recolle varios datos referidos ao instrumento. Mais sería a expansión do Imperio Romano a que posibelmente favoreceu o seu suceso e non hai motivo para pensarmos que nas tropas romanas, formadas por militares de moitas partes do mundo conquistado por Roma, fose un instrumento descoñecido; existen algunhas referencias a como o emperador Nero (37-68 d.n.e.) sabía tanxer a tibia utricularis, isto é, unha frauta ou canaveira dotada dun odre, de nos guiarmos polo testemuños do cronista grego Dión Crisóstomo (40-120 d.n.e.) e do poeta Suetonio (70-126 d.n.e). Certo é que esta teoría é ben suxestiva e dotada de certa lóxica, mais presenta, a noso ver, algunhas lacunas, a saber: as causas de que o instrumento arraizase nunhas rexións do imperio e noutras non, os motivos de que conseguise sobrevivir (ou até aparecer) en territorios actualmente non románicos ou afastados completamente de calquera vestixio de influencia latina etc.

No tránsito do mundo antigo aos albores da Idade Media teñen lugar nunha grande parte da Europa as invasións xermánicas. A vella provincia romana da Gallaecia virará, coa chegada dos suevos nos primordios do século V, o reino da Galiza, o primeiro reino altomedieval, o regnum suevorum, nado en territorio até había pouco tempo pertencente ao Imperio Romano de occidente. A respecto desas colonizacións e vindas de pobos xermánicos, non falta quen diga que a responsabilidade na expansión (e talvez no nacemento) da gaita sexa posibelmente debida a tales nacións, sobre todo a termos en conta que a voz xermánica gaits significaba ‘cabra’, segundo o lexicógrafo Joan Coromines (Diccionario etimológico castellano e hispánico, 1991-1997), en clara alusión ao material de que se facían tradicionalmente os foles até non hai moito tempo; pensemos, nese sentido, nos nomes que a gaita posúe nalgunhas rexións da Provenza e do centro da Franza, tales como cabrette, chevrette etc., nos cales se pode ver con certa transparencia a palabra ‘cabra’. Novamente, achámonos perante unha explicación facilmente secundábel con certa sorte de matizacións e, de feito, é unha das máis asumidas, sobre todo no que di respecto á etimoloxía da palabra ‘gaita’; mais tamén non dá conta con clareza de como a cornamusa puido chegar a rexións ben distantes da influencia xermánica, nas cales continúa actualmente a gozar dunha notábel vitalidade na música tradicional.

Se callar, a hipótese máis facilmente plausíbel é pensarmos nunha xeración relativamente espontánea en pobos en que unha importante parte da súa economía dependía do pastoreo de cabras e ovellas, animais con cuxas peles se elaborou secularmente o depósito de ar, segundo foi sinalado no parágrafo anterior: na Galiza recóllese esa técnica de fabricación no vello cantar que di De pau de buxo se fan / roncón, soprete e punteiro; / o fol faise decontado / coa pelica dun carneiro. Así pois, non vira difícil imaxinarmos en Mesopotamia, no norte do continente africano ou en determinadas zonas da Europa, comunidades de pastores nas cales, un bo día, algúns dos seus membros cavilaron, para non teren de soprar continuamente a súa canaveira, en lle acrecentaren un odre de forma a gardar o ar e un tubo para insuflar este. Tal opción é a que defende un dos máximos historiadores das gaitas escocesas e irlandesas, como é Hugh Cheape (Bagpipes: A National Collection of a National Treasure, 2011), cuxa interpretación, a noso ver, parece ser a máis verosímil e a que menos contradicións levanta ao harmonizar diferentes atestacións de gaitas en terras totalmente alleas ás influencias da cultura celta, romana ou xermánica. Canto á datación deste tipo de aerófonos, barállase en ocasións o século X antes da nosa era, aínda que non deixa de ser unha suposición sen base testemuñal.

Mais, teorías sobre a súa orixe á parte, do que non cabe dúbida hoxe en día é que as peregrinacións xacobeas contribuíron enormemente para a difusión da gaita na Europa medieval. Os camiños que ían dar á Fisterra galega posibilitaron que diferentes tipos de cornamusas, levadas polas persoas que as tanxían, confluísen nas terras onde se puña definitivamente o sol cada día, traendo consigo tamén as melodías máis idiosincráticas daqueles instrumentos. E tampouco hai moitas hesitacións na actualidade para afirmarmos con orgullo que o reino galego foi, durante a época medieval, un dos centros gaiteirís máis relevantes de todo o continente. Proba disto son, a carón dunha nómima certamente alta de reproducións de diversos instrumentos da época (antepasados dos óboes, cítolas, frautas de pico e travesas, laúdes, rabeis, organistra, tambores etc.), as interesantes representacións de variadas tipoloxías de gaitas que aparecen nas miniaturas das Cantigas de Santa María, da responsabilidade de Afonso X (século XIII); igualmente, outra proba da enorme presenza que tiña a gaita xa na sociedade galega medieval é a constituída  polas abundantes representacións do instrumento que se poden documentar aínda hoxe en moitas igrexas do antigo reino. Precisamente, quizais a primeira mostra dunha gaita na Galiza sexa a do coñecido como “Capitel de Melide”, datado por algúns estudiosos no século XI e presentemente conservado no Museo de Pontevedra, co que estariamos con certeza perante unha data temperá, sorprendentemente anterior en varios séculos para outras datacións de cornamusas máis famosas ou máis icónicas.

En síntese, moito embora non exista actualmente unha explicación sobre a orixe da cornamsua que suscite a unanimidade entre especialistas, o que si se pode ponderar é o seu nacemento en antigas comunidades de pastores, a termos en conta o material con que se elaboraba o fol. E tamén se pode salientar a importancia do reino galego da Idade Media, verdadeiro foco de universalidade e de cosmopolitismo cultural tamén na música, onde viñeron persoas de diferentes partes do mundo coñecido na altura (Centroeuropa, Illas Británicas, Provenza etc.), as cales, por motivos económicos, laborais ou relixiosos, coadxuvarían, co vagaroso pasar do tempo, no fortalecemento de unha das tradicións gaitísticas actualmente máis importantes do mundo, con artesáns, intérpretes e formacións de recoñecida sona internacional.  

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



1 2 seguinte

[20-03-2017 18:01] Alberte Sanmartín comentou:

Segundo Hugh Cheap, citado no artigo, a gaita exportou-se da Galiza a Bretanha e às Ilhas Británicas, nas transaçons comerciais que se davam no corredoiro Atlántico.

[16-03-2017 23:28] Luar Oir comentou:

A gaita turca que di Loli Oliveira pode chamarse TULUM, que é moi semellante á grega TSAMBOUNA e a magrebí ZUKRA/MEZOUEZ, que teñen un punteiro en forma de pipa e non teñen roncón.

[16-03-2017 20:26] Sinho comentou:

Ouviram falar dos povos celtas dos Galatas que chegaram ate a Turquia?
"No século III a.C., houve uma grande migração de gauleses para oriente, percorrendo toda a Grécia e chegando até a Ásia Menor onde, após grandes..." Da wiki

Daquela, afirmacaos coma esta "culturas, algunhas ben afastadas xeográfica e antropoloxicamente."
semelham pouco cientificas...

[16-03-2017 10:15] áfrica romeán comentou:

Moi atinado artigo. Ponderado. Ben escrito. A verdade é que o elemento celta como omniexplicativo para toda a nosa realidade é un absurdo anticientífico. Con el algúns tratan de xeito case mítico de "explicar" (non é exactamente iso cando falamos de miradas precientíficas) cousas xa moi claras e superadas, tanto lingüisticas como culturais. É algo incrible. Non se mide ben as consecuencias de todo tipo que pode ter isto, para empezar o feito de que é máis celta Soria ca nós...

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal