13:19 Sabado, 29 de Abril de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-03-2017

Se non o facemos, todos seremos responsables de espallar a estupidez pagada con fondos públicos e do desprestixio de Galicia

O Consello da Cultura Galega fomenta o esoterismo

Valorar (36)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Nun mesmo día chegáronme varios correos de amigos e colegas no eido da arqueoloxía estrañados todos eles de que se tivese convocado no Consello da Cultura Galega un encontro monográfico para falar do Castro de Baroña e eu non figurase entre os participantes. Un deles, vendo o nome dos que si o farían e os seus comentarios que, previamente, foron recollidos pola prensa, escribiu que, tendo en conta as datas, iso merecía o nome de comparsa, “chirigota”, troula ou esmorga, e laiábase de que se ía facer con financiación pública. Remataba o seu escrito deste xeito: “Ride ou chorade coa risa, pero así vai o país. Non todo é cousa dos ladróns, nin dos fiscais, nin das tarxetas black, nin da prima de Feijóo”.

Despois de ler o que os xornais recollían sobre o acto, a miña primeira intención foi enviar un escrito ao presidente do CCG, protestando por non ter convidado ao investigador que máis anos e esforzos dedicou a escavar, estudar e publicar libros e artigos sobre un xacemento que causou sensación cando o deu a coñecer na Universidade de Cambridge. Xa sei que ser convidado polo departamento de arqueoloxía de Cambridge para falar sobre celtas e Cultura Castrexa é unha nimiedade se o comparamos cunha invitación a falar no Consello da Cultura Galega. Neste caso non interesaba a ciencia, senón o esoterismo e eu diso certifico que non teño nin idea. O chocante é que unha institución que leva no nome as verbas consello, cultura e galega malgaste os nosos fondos públicos en convocar reunións anticientíficas, nas que se confunde a astroloxía coa astronomía. Presumindo que o meu escrito, de ter sido feito, sería arquivado na papeleira máis próxima e ninguén máis sabería del, preferín facelo público, como denuncia, en Terra e Tempo.

Cando se me pediu colaborar mensualmente neste xornal, tardei en aceptar, xa que non sentía a necesidade de me comprometer a enviar un texto todos os días 8 de cada mes e, moito menos, sobre cultura, como se me dixo. Rematei aceptando, pero coa condición de que escribiría sobre política. Durante sete anos e un mes non fallei nin unha soa vez á cita, facendo este artigo o número 85, e tamén aquí, aínda que semelle outra cousa, estou a tratar de política e non só cultural.

O Castro de Baroña é o meu castro. Leva o nome da freguesía na que naceu meu pai. Na miña xuventude, cando o mar era, non libre como defendía Grocio, senón común como proclamaba o dereito romano, farteime de ir a el e á inmediata Punta da Craba aos percebes e aos polbos; no Borrón do Castro, un petón que vela a tiro de pedra do mesmo contra o norte, teño tomado moi ben buraces, e unha milla rumbo oeste, nos baixos de Baia, axudei a matar toneladas de congros, pescadas e fanecas no Lolita Torres, patroneado por Pepe, no Luanda, por Juan e no Neptuno por Moncho e, cando o mar e o vento pegaban con forza, entrementres os palangres ou as betas traballaban, nós iamos na procura do abrigo do castro, por aguión ou polo sur, conforme tirase o vento. Sempre foi un agradable paseo achegarse desde O Son ao castro, sentar a pasmar ou a ler un libro no que chamabamos “sillón do rei”, fronte a Monte Louro e o mar alto, ou subir ao outro curuto, onde hai fochancas escavadas pola chuvia que a imaxinación (e o esoterismo actual) converten en pías para sacrificios cruentos.

Nada do anterior foi o que me levou a escavar este meu castro, xa que a miña licencia era para facelo en Santa Trega. Produciuse un cambio de situación e rematei en Baroña no ano 1980. Aquilo, polo tempo e pola barbarie do motocrós, era unha desfeita de ruínas informes. Dediquei ese ano a consolidar parte do que quedaba de escavacións anteriores. Os cinco seguintes xa puiden escavar e, simultaneamente, seguir consolidando. Os primeiros anos, as competencias pertencían ao Ministerio de Cultura, os últimos (aínda me resisto a empregar a verba derradeiros) xa a arqueoloxía dependía da Xunta de Galicia, e podo asegurar que, o mesmo que pasa cos sabios, os políticos, vistos de preto, deixan moito que desexar. Non puiden realizar máis traballos no xacemento, porque, o mesmo que todos os meus compañeiros, non tiñamos titulación de arqueólogos, o que tecnicamente resultaba difícil, considerando que aínda non se expedía tal título. Non eramos máis que vulgares licenciados e doutores en Historia. Pouco despois, o requisito era que había que profesionalizar estes traballos, polo que, para escavar, precisábase constituír unha empresa. Poño un só exemplo, anterior a esta obrigada profesionalización, do que isto significaría economicamente: a consolidación de 1980 fíxena por menos de 500 000 pesetas, a de 1983, máis ou menos similar, pero feita por contrata desde Madrid, foise aos 4 648 622,70 pesetas, das que o contratista (logo subcontratou, pero isto é outra historia) colleuna por 4 147 065, 70 pesetas; 385 813 foron para o arquitecto e 115 744 para o aparellador. A miña sinatura era imprescindible, mais aqueles arqueólogos nin cobrabamos nin tiñamos dereito a cobrar; traballabamos só pola ciencia e pola nation building, polo “sentimento da Terra”. Podo asegurar que fixen eu todo, desde aportar a planimetría a facer de director de obra plenipotenciario e ata buscarlle canteiros ao contratista, non galego, e a discutir con el día tras día, porque esixía que empregasen pedra miúda para rematar antes e aforrar xornais, con independencia da homoxeneidade dos paramentos E así, sen máis comunicación nin elegancia, un día teño noticia de que outra persoa se vai encargar de facer non sei que en Baroña (a miña opinión sobre o feito alí desde aquela resérvoa para outros foros).

Obviamente, non sendo convidado, non asistín a ese acto no CCG e, lendo o que a prensa poñía entre aspas do que alí se falou, alégrome moito de non telo feito, xa que todo ía encamiñado a querer facer dun asentamento castrexo un santuario. Para iso descobren un camiño entre as pedras que leva á parte alta. Eu coñezo e pateei moreas de veces dous vieiros distintos e opostos e non sei que terá que ver iso con lugares sagrados. É posible que no máis alto, na, para min, terceira plataforma, non haxa moitas edificacións, tendo en conta o que sopran alí os ventos dominantes, mais publiquei que, nunha cata que fixen, aparecían estruturas pétreas e que, posiblemente, alí puidese ter existido unha ocupación máis antiga, o mesmo que noutros moitos xacementos castrexos. Un dos participantes dixo que sabemos moi pouco sobre o Castro de Baroña e outra matizou que segue a ser un misterio en moitos aspectos. Eu pediríalle a un que non pluralizase e á outra que reservase os misterios para a relixión (volvemos ao santuario), xa que en ciencia o que hai son cuestións ou problemas hoxe irresolutos. Non ten senso responder aquí a que se dixese (avalando o de santuario) que case non hai casas no castro, cando, sobre todo na segunda plataforma non colle unha máis e da primeira teriamos moito que comentar.

Dixeron que se descubriu un camiño con rodeiras de carro que baixa ata castro e que aquelas, necesariamente, teñen que ser anteriores á primeira muralla e, por suposto, da Idade do Ferro. Isto é para nota; vexamos: todos coñeciamos e usabamos o camiño que os labradores da freguesía foron abrindo cos seus carros, obviamente ferrados (naquela Idade do Ferro da que se falou non había cantidade suficiente en Galicia para iso), xa que con rodas de madeira non se poderían facer rodeiras nos penedos naturais nin nos lousados que baixan á praia. Desde cando e para que? Antes de espallarse o cultivo do millo e da pataca, chegaba co esterco vexetal e animal, agora precísase apañar argazo e iso non acontece ata os séculos XVIII e XIX. É marabilloso que a lonxitude do eixe dos nosos carros, segundo o criterio exposto, se mantivo intacta desde varios séculos antes de Cristo ata hoxe! Nos treitos nos que o lousado é antrópico, este, coas correspondentes rodeiras, está moito máis baixo, tipo congostra, que as beiras, de xabre. Se a obra fose milenaria, ficaría máis elevado ou cuberto polo propio xabre. Publiquei estas cousas hai tantos anos que dá pereza repetilas. Tamén descubriron que a muralla é monumental, o mesmo que eu dixen, amais de propor a súa escavación, mesmo por métodos ousados, no plano director que elaborei a petición da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, en novembro de 1992, e que me consta que lle foi facilitado aos que agora andan facendo cousas “novidosas” en Baroña. Dicir que a fonte máis próxima está a 1 500 metros, amais de non ser certo, indica dúas cousas: que non coñecen o que eu teño publicado sobre o hábitat do castro e que ignoran o que calquera labrego sabe, que as fontes rompen, secan, mudan de lugar, etc., e dicir que as terras cultivables estaban moi lonxe é ignorar todo sobre o noso actual mundo agrícola de secaño e minifundio.

Non paga a pena seguir refutando descoñecementos nin esoterismos, xa que ata se chegou a dicir que en Baroña hai terra, mar e ceo, elementos da tradición celta. Só falta engadir, como me dixo un dos colegas citados ao primeiro: “en Baroña de día vese o sol e de noite a lúa, se non hai nubes”.

O Consello da Cultura Galega ten dereito a se desprestixiar como mellor lle apeteza, pero os diñeiros son públicos, é dicir, de todos nós, e da súa dilapidación é responsable último o seu presidente co seu equipo de goberno. Algún día haberá que tomar en serio a situación das institucións galegas e reaccionar diante do lobby, inicialmente cultural, posteriormente político, que as foi copando coa complicidade activa ou pasiva de todos, nacionalistas incluídos. Se non o facemos, todos seremos responsables de espallar a estupidez pagada con fondos públicos e do desprestixio de Galicia.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[13-03-2017 13:38] antón de lor comentou:

Estiven fóra do país uns días e sen conexión ao internet. Por iso lédome especialmente deste artigo, da certeira mirada que posúe. Coido que as institucións culturais do país, en vez de estaren ao servizo desta terra, pola cal se explicarían a súa existencia e funcións, non é so que cumpran con todo o contrario, senón que nin un mínimo de galeguismo real se lles nota. Algo penoso. No canto de apostar por nós mesmos, a nosa competencia, o noso saber, os nosos coñecementos (que os temos e cun nivel de solvencia coma calquera), pois aquí parece que queremos ser rariños e chamamos para que nos ilustren a xente foránea, extraña a nós que nos veñen cunhas trolas macanudas, iso si, presentadas de forma superguay e modernas, non vaia ser! Os de afora claro que poden aportar, axudar, complementar, pero sempre e cando sexan serios no que din, formados no que falan. Precisamente o contrario é o que está a pasar: aquí se nos volve a adoctrinar con chorradas a nós, indíxenas ignorantes. ISTO TEN QUE CAMBIAR E XA! Non se pode consentir mirar para outro lado cando se trata de defender a nosa cultura e lingua, a nosa historia e patrimonio.

[11-03-2017 12:01] Lois comentou:

A miña solidaridade contigo, Francisco. Plena. O pior de toda esta historia é que por sabida xa se pasa dela, mágoa a ser algo caciquil in extremis, fornecida por un grupo que desde os tempos de Franco controla todo o aspecto cultural oficial, desde a institución que rexen pasando pola Academia, o Instituto, as editorias... E pensar que todo isto vén de aproveitar aquela vella loita das asociacións culturais que fixeron masa de cultura nacional. E o máis triste, que pasan reximes, gobernos, partidos... e eles seguen no "machito". Teremos que continuar así, pasivos?

[10-03-2017 11:50] Lois comentou:

Así é, Francisco. O malo noso é que acabamos traballando para os cucos. A riqueza daquelas asociacións culturais de onte que fixeron unha especie de revolución cultural, hoxe debilitadas, deron pé a institucións que os cucos de sempre aproveitaron. Un único círculo que o controla todo, academias, institutos, editoriais, institucions... e que fose o rexime que fose ou o goberno autonómico, amarraron sempre ese poder para uns poucos. Solidarízome contigo e chamo a revoltarnos e facer da nosa cultura asoballada algo plural, de todos e todas. Adiante, logo e unha aperta forte.

[10-03-2017 11:12] marta vizoso comentou:

recomendábel a lectura, soio un pouco inxusto por poñer todos, "nacionalistas incluídos" (podía o autor aclarar a que se refire?). De todos xeitos, o profesor Calo dá no allo no cuestión de fondo: o pesebrismo político do entramado cultural institucional (aventuro que aquí se podería poñer desde a Real Academia a outros lobbies, como el os cualifica), con obediencia reverencial e cega ao que supón esta Autonomía "administrativa". Falta de posicionamento e vigor, ausencia de voz firme en defensa do que é este noso país e a súa cultura, pusilanimidade, silencio "intereseiro"... poden ser trazos que definen o papel que xogan estes grupiños... E así nos vai. E este feito pode explicar como o complexo de inferioridade que a cultura debería combatir absolutamente se reflicte en desconsiderar o propio (os nosos investigadores, as nosas referencias) e priorizar o alleo (aínda que sexan tan esotéricos como os citados). Pais colonizado, neocolonizado, recolonizado, postcolonizado, iso si, con emolumentos ...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal