11:35 Martes, 24 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-02-2017

Como se pode reducir -ou concentrar- a didáctica dunha lingua como a galega nunha disciplina lingüística de ensino especializado, de, como moito, específico interese filolóxico?

Carta aberta ao profesorado de galego

Valorar (39)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Na miña entrega inmediata anterior, hai un mes, enredei falando do binomio fala / lingua e das consecuencias dunha escolla académica que determinou de forma constante a política oficial na materia e o seguimento dunha pedagoxía a meu ver non só errónea senón contraproducente da materia da lingua galega no ensino regrado e, aínda, no universitario. Mal sabía que, pouco tempo despois, dúas conversas sobre as aulas de “galego” ían confirmar unha alarma xustificada xa por outras probas do caso. A primeira tivo lugar cunha profesora universitaria que referiu as coitas da súa filla, estudante da ESO, para responder adecuadamente á identificación de textos orais de galego segundo a súa procedencia dialectal. A axuda de pai e nai neste labor non daba o froito apetecido, pois o coñecemento preciso era parcial ou limitado. A segunda conversa tivo por comunicante unha podóloga que, antes de exercer esta profisión, estudou Maxisterio. Segundo ela, a materia de literatura galega era atractiva e tiña un alto índice de aptos. Todo o contrario, a de lingua galega. De setenta e tantos matriculados, só cinco ou seis obtiñan o aprobado, que ela conseguiu, opinaba, por ser galegofalante habitual na súa vila de orixe. Nestas aulas de lingua galega, resultaba eliminatoria a proba de detección de variantes dialectais. Paradoxalmente, confesou que onde mellor aprendeu a usar recursos para motivar e encariñar o alumnado co uso da lingua galega fora nas aulas de didáctica do español, que a profesora impartía en galego e con moitas ideas e innovacións para converter, ao cabo, o galego, en lingua de uso normal na escola. Esta miña comunicante empregou  -lémbroo ben-  o verbo “motivar” (a súa ausencia) cando me relatou como un seu sobriño de catro anos, criado en galego na casa, ao voltar da escola, revólvese contra el, ben “abducido” pola exigua presenza deste idioma na escola e pola imposición, como lingua pragmática e xeral, do español. O pai do pequeno, proseguiu, víase obrigado a unha “prédica” diaria para que o seu fillo non reproducise a aversión polo galego.

De modo e maneira que temos a necesaria pedagoxía sobre o galego e para o galego reducida a unha metonimia absurda e perversa: a dialectoloxía, a caracterización de falas, isoglosas e demais taxonomías que, digan o que dixeren, practican unha abstracción irreal: obviar a persistente e invasiva erosión da lingua provocada polo idioma oficial do Estado e, por tanto, a labilidade das fronteiras e a interferencia continua daquel na fala galega actual. Como se pode reducir  -ou concentrar-  a didáctica dunha lingua como a galega nunha disciplina lingüística de ensino especializado, de, como moito, específico interese filolóxico?

Alguén, a serio e con boa vontade, por non falarmos dun mínimo coñecemento da realidade sociolingüística do idioma galego no momento actual, pode acreditar en que este sexa o camiño para encariñar-familiarizar as-os estudantes de ensino primario e secundario (os futuros falantes ou non-falantes) coa práctica oral e escrita da lingua? As profesoras e os profesores que practican este “manual” non se perguntan acaso polo baixísimo número de nenas e nenos, mozas e mozos, que utilizan de forma normal o galego? Non se preocupan por que teñan aumentado os vellos preconceitos sobre el, realimentados por novas supersticións (a globalización) e por máis contundentes aínda mecanismos de españolización? Acaso tencionan imprimir “seriedade” á materia que imparten a base de crear animadversión cara ao seu obxecto? Ignoran que temos ao noso dispor unha magnífica canteira de textos literarios, clásicos e actuais, modernos, atractivos e amenos, para, a través deles, aprender e mellorar a lingua e, de paso, coñecer algo máis de nós, da nosa xeografía, historia, arte, economía, socioloxía, cultura propria?

Estimábeis colegas: Utilicei á mantenta, no título deste artigo, o nome vulgar da materia que impartides (en versión aínda pior: “la clase de gallego”). Permitídeme lembrar que a lingua galega é unha doente crónica, se valer a metáfora clínica. Por sobre unha non-resolución dos seus problemas históricos, se o ensino, de forma predominante, non colabora para unha “terapia” necesaria e, no canto de procurar abrir a ferida e limpala para dar a vida precisa a unha lingua restaurada, mal vamos... As alumnas e alumnos entran na escola cunha “equipaxe” previa: a real marxinación do galego; o seu confinamento en usos coloquiais e diglósicos ou, moito simplesmente, a súa ausencia absoluta do espazo social e público ou a súa ritualización inocua, tolerada e perfeitamente ineficaz para criar novos falantes. Se o ensino, reitero, non contribúe para crear unha conciencia e unha actitude afectiva favorábel á existencia plena da lingua, con toda a perseveranza e con toda a clareza precisas, funcionará como un reforzo  -activo ou pasivo-  do statu quo, do reinado omnímodo do español, que conta, de por parte, cun arsenal ben medrado de mecanismos de absorción e de asimilación.

A vella pedagoxía  -polos vistos, a máis moderna e eficaz-  encarecía a necesidade de a profesora ou o profesor “contaxiar” os alumnos do interese e da paixón pola materia explicada, creando neles a curiosidade e o estímulo por aprendérena e facérena súa. O galego precisa, como o ar que respiramos, dunha didáctica que revele toda a carga de represión e de exclusión, con aparencia de normais e inamovíbeis, que o abafan, e, a partir de aquí, do impulso dunha reposición do uso ou dunha implantación de uso con aspiracións da normalidade que non se discute ao español imposto. En non sendo así, converteremos a lingua non xa en superflua e inútil senón en odiado fardel sobrante e pesado.

Nunca máis sentido acadou aquela sentenza de Ricardo Carvalho Calero publicada nun seu traballo sobre Castelao de 1975: “A lingua é unha cousa demasiado seria para ser confiada exclusivamente aos especialistas”. O que Rosalía de Castro tiña claro en 1863 (é precisa a obra antes de que os “sabios” gramáticos se poñan de acordo), haberá que o lembrar máis de século e medio despois? Seguiremos, rotineiramente, indolentemente, a descreber a vestimenta do suxeito até que este xa non exista ou sexa unha reliquia? Non nos decatamos de que este proceder é auxiliar directo da política galeguicida? En resumo, a metalingua só ten sentido se valer para repoñer a lingua, asentar o seu uso, labor para o que continúa sendo indispensábel vinculala a unha necesidade colectiva como país, á común pertenza a unha nación non recoñecida que aspira lexitimamente a existir como tal. É ben certo, non se me oculta, que unha das maneiras “típicas” de ser galego-a é negalo ou disimulalo de mil maneiras. Toda a estrutura e a superestrutura así o reforzan e alimentan. Revirar esta opresión, desvendar a tendencia destrutiva, non é facer “política” coa lingua. É, sen máis, un requisito pedagóxico elementar: facer que o obxecto do ensino exista como merece, non como un resto inservíbel e totalmente evitábel.

Desculpade, en fin, que leccione sobre o que vós, colegas de profisión, estades a viver todos os días. Ora, se non damos revirado a concepción da lingua galega que a trata como un medicamento de estrita e controlada posoloxía, o noso labor docente virará tan inútil como o obxecto de que trata: ou vitalizamos o paciente ou cronificamos a súa anemia. Eis o dilema.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[18-02-2017 23:21] María comentou:

Magnífico artigo, profesora.

[17-02-2017 10:42] Xan Carlos GB comentou:

Boa apreciación. Por diante o importante sen complexos e traballando sen perder o norte, inmersos na realidade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal