20:43 Domingo, 26 de Febreiro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-02-2017

Rio de Onor: a idealización do campesiño e a descuberta da aldea

Andando a raia na morte de Mario Soares

Valorar (3)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



Rio de Onor é un nome clásico na Antropoloxía portuguesa, tamén na idealización da vida campesiña ao servizo do Estado Novo. Como antropólogo era un lugar a coñecer e visitar, un lugar referente na antropoloxía. Hai uns anos, andando polas terras de Sanabria achegueime até este lugar transfronteirizo. Entramos por Ríohonor de Castilla, así está no sinal da estrada, pero os locais portugueses tamén chaman a este lugar baixo a xurisdición española, Rio Onor da Cima. A colega Paula Godinho, quen estudou o proceso de demarcación da fronteira (Tratado de Límites, 1864), di que na documentación que manexou do Ministerio de Asuntos Exteriores de España non aparece a denominación Riohonor de Castilla, e que na documentación portuguesa sempre aparece Rio de Onor.

En Rio de Onor atopei xente con ganas de falar, entre eles un home que fora pedáneo da aldea baixo administración española e que agora, xa entrado en anos, pasaba máis do tempo en Madrid, onde vivía un fillo. Este home faloume da vida na aldea e contoume a anécdota de cando Mario Soares, sendo presidente da República, visitou Rio de Onor e non foi a Riohonor. O pedáneo, como máxima autoridade local e representante da administración española, achegouse a saudalo e a invitalo a visitar a outra metade da aldea. Mais o Presidente desculpouse dicindo: “não posso, estou em visita oficial”, ao que a súa muller inmediatamente contesta: “mas eu sim posso”. Entón, ela pegou un brinco para saltar unha liña imaxinaria e dicir: “ala, ja estou na Espanha”, e, de inmediato, un segundo brinco para volver no instante a Portugal. Esta era a realidade das aldeias fronteirizas: liñas imaxinarias que cruzaban vidas.

Rio de Onor, aldeia arraiana

Rio de Onor está situada no limite fronteirizo que separa a comarca da Sanabria e o Nordeste Transmontano. A aldea portuguesa está dentro do Parque Natural de Montesinho e está considerada como unha «aldeia preservada». Realmente, a aldea vese máis coidade e con mellor gusto no lado portugués.

Rio de Onor tamén se emprega para denominar o río que a atravesa, que igualmente se coñece polo de Contensa e, na súa beira esquerda, organízase unha rúa bordeada por casas ben conservadas. Estas teñen a vivenda no primeiro andar, ao que se accede por unha escaleira exterior. As escaleiras comezan en pedra e rematan nun balcón con varanda de madeira. As casas conservan aínda as cortes do gando e todas teñen portas con variedade de caravillas. O teito de moitas destas casas é aínda de lousa. Ao remate da rúa está a igrexa e o pequeno cemiterio. As pequenas leiras están cultivadas.

A rúa segue por unha ponte moderna que comunica coa outra banda do río e coa estrada principal. Outra ponte, máis antiga, está ao comezo da rúa e, unha terceira, algo máis río arriba e nos leva xa directamente á parte española. Entre esta ponte e a que semella medieval, tamén se pode cruzar o río pasando sobre unha represa.

As casas da barriada da banda dereita están tamén ben coidadas, teñen flores e xardíns que chegan até a beira do río. Mais semella que son casas máis modernas.

Rio de Onor é, no falar local, Ruidenore. Esta fala é para uns un falar arraiano ou un dialecto rionorês e, como non, para os españois, unha variante do sanabrés e tería que ver coa repoboación medieval.

No terreo da antropoloxía, Rio de Onor aparece como un referente grazas ao traballo pioneiro de Jorge Días, quen a converteu nun referente do comunitarismo. Pero non foi Jorge Dias o único a estudar esta aldea, nin a antropoloxía o único saber en interesarse por este lugar, pois tamén están os estudos lingüísticos e os de etnobotánica, entre outros.

Os usos ideolóxicos do comunitarismo agrario

Dias, formárase  en Berlin a finais da década de 1930. De feito empeza o seu traballo de campo no ano 1940, ao pouco de chegar de Alemaña e nun lugar tamén clásico e referencial da antropoloxía portuguesa: Vilarinho da Furna. Anos despois fai o traballo de campo en Rio de Onor. A súa monografía Rio de Onor. Comunitarismo agro-pastoril, que vai publicar no ano 1953, é un clásico na antropoloxía portuguesa. Jorge Dias tamén pasou un curso como lector en Santiago de Compostela, máis non temos constancia de que a súa presenza no noso país valera para contactar cos etnógrafos galegos, daquela organizados no Seminario de Estudos Galegos.

Para este antropólogo, afecto ao salazarismo, a aldea de Rio de Onor era unha illa rodeada de terreos comunais onde os habitantes do lugar traballaban en común esas terras ou coidaban o gando, terreos que pertencían á comunidade e que lles permitían unha vital autosuficiencia. Os rionorenses tamén compartían os fornos comunitarios ou había a “vezeira dos porcos”, do boi, de tocar o sino, etc. Todos debían traballar e participar nos traballos comunitarios. Para este antropólogo este comunitarismo era un testemuño do arcaísmo e rudeza do pobo portugués, algo como o traballo que fai unha familia complexa e extensa.

Para Dias estas comunidades pequenas permitían o estudo directo por un só observador, idea que sería paradigmática na antropoloxía. O traballo de Dias é contemporáneo do que fai o inglés Pitt-Rivers (1954) en Andalucia, pero o deste último estaba escrito en inglés e vai ser un clásico na antropoloxía a nivel mundial.

Empezando por estudar estas pequenas comunidades era como un primeiro paso para un estudo sistemático para entender a cultura portuguesa, e non só iso, pois os portugueses terían levado este comunitarismo, e o concepto de familia patriarcal ampla que o sustentaba, nun proceso de difusión cultural aos territorios de ultramar, algo así como un espírito de fraternidade que incorporaba aos colonizados á cultura da metrópole. Polo tanto, o comunitarismo das aldeias do norte serviría tamén para entender a relación dos portugueses cos pobos por eles colonizados. Pouco despois de publicar a súa obra sobre Rio de Onor, Dias vai marchar a Mozambique. Dun “outro” exótico dentro do seu propio país ao “outro” exótico nas colonias. Agora o traballo do antropólogo serve tamén para suavizar a violencia da expansión colonial.

A antropoloxía serviu aquí para mostrar unha imaxe harmoniosa do mundo rural que o salazarismo usou, mitificando as virtudes da ruralidade, para dar unha imaxe pacífica e harmoniosa do país, un país traballador, tranquilo e feliz. E o centro deste carácter nacional estaba nas aldeas comunitarias do norte.

Despois do 25 de Abril

Na década de 1980, é dicir, corenta anos despois da estadía de Jorge Dias, a aldeia recibe a outro antropólogo. Este non estaba formado na Alemaña dominada pola ideoloxía nazi, senón nas universidades europeas, previo paso pola África do Sur, pois era fillo de portugueses que vivían no Mozambique colonial. Joaquim Pais de Brito vai publicar unha monografía sobre esta localidade, Retrato de Aldeia com Espelho. Ensaio sobre Rio de Onor (1996). Non é habitual na antropoloxía revisitar un lugar estudado anteriormente con certa intensidade, así que tras o traballo de Pais de Brito está a sombra do de Jorge Dias, por iso houbo quen cualificou o traballo de Pais de Brito como “un acto de coragem”. As diferenzas entre ambas obras son moitas, non só debido aos intereses distintos que ten cada antropólogo, as metodoloxías aplicadas ou aos momentos históricos que viven, senón tamén a que a vida na aldea ten cambiado. Hai aspectos que desapareceron, outros mudaron e uns poucos perviven porque, no esencial, a xente marchou e os que quedan son só os vellos e, agora, “as rodas”, son algo residual. Este despoboamento non significa que o  crego veña só unha vez ao mes a dicirlles misa, que Rio de Onor xa non apareza como unha  freguesía, ou que o autobús que ía a Braganza que pasaba todos os días agora haxa que chamalo, significa perda de vitalidade comunitaria.

Para Pais de Brito non hai no traballo en roda aspectos de primitivismo ou de excelencia da nacionalidade, tan só xestión de recursos e actividades que entretecen as relacións diarias, o cotián dos veciños, marcando alianzas e oposicións.

Este antropólogo conta algunhas cousas que podemos relacionar coas políticas franquistas aplicadas no noso país. Por exemplo, en Rio de Onor había a roda das cabras, pero a política forestal do salazarismo acabou coas cabras. Algo semellante pasou nos montes galegos. Rof Codina publicara no ano 1928 un artigo sobra as cabras do monte Pindo e a súa importancia. Pero chegou o franquismo e a súa política forestal e acabou coas cabras, como antes acabara cos refuxiados no monte. Hoxe nada queda daquelas cabras do Pindo, pero as cabras volveron co 25 de Abril aos montes de Rio de Onor. Como curiosidade, Pais de Brito nun artigo sobre as rodas neste lugar mostra un cadro coas estatísticas do gando desde 1950 a 1984, e que el di que podería titularse: “O 25 de Abril e as cabras”, porque as cabras desaparecen no ano 1958 e volven aparecer na gráfica no ano 1974.

O cambio político que trae o 25 de Abril é tamén un “desocultamento” ou unha nova descuberta do país, e dentro do novo contexto de redefinición do portugués os intelectuais van á “redescoberta da aldeia”. Nesta nova redescuberta volven estar os antropólogos, algúns con traballos previos en Galiza, como é o caso de Brian O´Neill. Non obstante esta nova descuberta trae tamén unha suposta diferenciación entre o norte e o sur do país, especialmente na capacidade mobilizadora, mostrando o norte como menos revolucionario e ver nesta postura os males e atrasos do país. Pero agora xa non se ve ao campesiñado como un grupo por natureza pasivo ante as formas de poder, pois os campesiños portugueses, coma os galegos, tamén desenvolveron diferentes formas de resistencia. 

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal