23:23 Mércores, 23 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-02-2017

Rosa Martínez fundou dúas misas de aniversario sobre os réditos de dous censos, o principal de entrambos 1700 reais

Tres veciños de Santa María de Ourol no século XVIII

Valorar (5)

XOSÉ ISIDRO FERNÁNDEZ VILALBA



Facendo un percorrido polos libros sacramentais de defuntos de Sta. María de Ourol, nos atopamos tres partidas que nos chamaron a atención, a primeira a de Domingo de Luaces, home que morre indo para a  sega en Castela, a de Francisco Cao de Cordido, cura propio da freguesía e Rosa Martínez a cal funda una Obra pía.

DOMINGO LUACES. Estaba casado con Sabela Rodríguez e tiña dous fillos, Thomas e Juan Antonio. O 25 de setembro de 1743 fíxoselle función de enterro a Domingo Luaces veciño que foi desta freguesía, o cal morreu indo á sega na parroquia de Sta. María de Valdera reino de Castela onde se lle deu sepultura, segundo consta da certificación de Don Francisco da Peña cura propio da dita vila, non recibiu sacramento por morrer repentinamente, nin tampouco  fixo, nin tiña feito disposición algunha. Dixéronselle nesta igrexa o día referido cinco misas, unha cantada coa súa vixilia e as mais rezadas ofrendouse pola súa ánima dous ferrados de trigo, un carneiro, catro azumbres de viño e as velas acostumadas. Durante o ano ánselle de dicir 30  misas votivas e 18 de exequias, pagouse catro ducados.

FRANCISCO DE CAO E CORDIDO. Cura propio desta freguesía.

Recibíu sepultura na igrexa parroquial  desta freguesía o día once na sepultura que se atopa inmediata a porta que chaman pequena,  á entrada da igrexa. Fixo testamento  o dous de maio de 1758 ante o escríbano da cidade de Mondoñedo  e veciño de Santa María de Xerdíz, Joseph García Laredo. Nel manda decir dúas misas  de ánima nos Conventos de Sto. Domingo e San Francisco da vila de Viveiro  e o seu cadáver foi amortallado en hábito de San Pablo e San Pedro. O día do seu enterro  se lle dixeron 16 misas, dúas cantadas coas súas vixilias e as catorce restantes  rezadas. Mando de ofrenda por a súa ánima  50 reais de vellón. Mandou se  fixese e celebrase  o cabo de ano pola súa ánima o día que lle parecese os seus cumpridores en cuxo día se ofrendase  por a súa ánima  doce reais de vellón. En cada un dos días das funcións de enterro e honras se dese de esmola os pobres a maiores catro cuartos a cada un  e os menores  dous cuartos. Mandou que pola súa ánima se dixesen 400 misas  votivas e polas ánimas dos seus pais, avós e mais parentes  200 misas, mandou outros 100 pola ánima do seu sobriño, D. Francisco  Cao de Cordido  e Maseda cura propio que foi da freguesía de San Pablo de Riobarba. Iten mandou a cada unha das confrarías  da igrexa de Orol unha libra de cera e o lumbre do Santísimo  Sacramento  6 reais  de vellón por unha vez. Así mesmo  mandou que os seus cumpridores e herdeiros perdoasen todo xénero de persoas  a que lle estivesen debendo cantidades de diñeiro  ou froito catro reais de vellón. Manda  fábrica da dita parroquial  1.000 reais de vellón de esmola  para reparos e mesteres da igrexa. Mandou o seu sobriño  Don Gregorio Cao  de Cordido  no lugar que chaman  de Lucencia  na freguesía  de Sta. María de Viveiro  con todos os grans que nel se atoparan, igualmente  no lugar que nomean  Reboreda, freguesía  de Xerdíz, con dous ferrados de herdade. A morte do seu sobriño estes bens engadiranse o vinculo. Iten legou a María Alonso  solteira filla de Francisco  Gónzalez  defunto veciño de Grandal  a súa criada una parte da casa que tiña en Grandal  freguesía de Xerdíz e 100 reais  de unha vez  e as soldadas. Os demais criados, Xan Méndez e Nicolás de Vestraveda  cincuenta reais de unha vez e as súas soldadas.

Deixou por cumpridores a Don Joseph Martín Cao de Cordido e Maseda e Antonio cao  e Juan Gaso.

ROSA MARTÍNEZ, muller de Domingo García.

Morre o 2 de xullo de 1771. Fixo memoria de testamento o día 25 de xaneiro de 1770 ante os testemuñas Andrés Caetano do Chao, Caetano  Miguez, Narciso López, Thomas Pernas e Xan do Chao. Foi soterrado  en hábito de Santo Domingo, e deu de ofrenda pola súa ánima  dous ferrados  de trigo, un carneiro, seis  azumbres de viño e trece cerillas o acostumado.  Mandou ase mesmo que se gastasen nos pobres  4 anegas de todo grao e catro reais para viño e outros cincuenta en carne ou peixe.

Mandou que se lle dixesen pola súa ánima  e obrigacións  116 misas  e igualmente se han de decir as 18 de exequias  pola esmola acostumada  4 ducados. Manda que polo ano se dixesen 30 misas pola honra e gloria do Señor e cada unha das Dominicas del se lle dixese sobre a súa sepultura un responso cantado, esmola 12 reais. Mandou  o vestido mellor da súa pertenza a María Fernández  muller de Miguel Albo de Bena veciña de San Pantaleón de Cabanas e toda a mais roupa de vestir  a súa filla Rosa Martínez muller de Andrés Rodríguez.

Fundou dúas misas de aniversario sobre os réditos de dous censos, o principal  de entrambos 1700 reais, cuxos réditos pagan anualmente Antonio Cao Alfeyran e Thomas Perera de Camba veciños da citada freguesía Ourol, a súa esmola cada unha tres reais. Han se de decir o día da “Purificación de Ntra. Señora  y el otro el día de la Asumpción”.

Hospedaxe para pobres

Así mesmo manda que por tempo e espazo de 33 anos cumpridos despois da súa morte os seus herdeiros  e en defecto  destes o que vivir  e habitase a casa de morada onde vivíu a devandita defunta  nomeada Rega ou Albizos desta freguesía  de Ourol, teñan obrigación de hospedar e dar pousada cando e cada día que se ofrecese a dous pobres  ou camiñantes para cuxo efecto mando  que á conta dos seus bens téñanse previdas dúas mantas e unha sabana deixando a calquera  dos seus herdeiros  ou que habita dita casa por razón de traballo desta obra pía e caridade un ferrado de herdade  polo espazo do tempo sinalado; este ferrado áchase  sito no precitado lugar de Rega e que comprou durante o seu matrimonio. Deixa por cumpridores  a Domingo García, Antonio García o seu fillo  e ao expresado  Andrés  Rodríguez o seu xenro.

  -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal