20:43 Domingo, 26 de Febreiro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-02-2017

O chamado e por algúns defendido “bilingüismo” non resulta ser máis ca unha trapela que só pode ter éxito entre conscientes ou inconscientes imperialistas ou con simplemente desinformados

Sermos unilingües

Valorar (18)

MANUEL CABADA CASTRO



Frei Martiño Sarmiento foi un dos máis clarividentes e radicais defensores do uso unilingüe do galego. Como gran erudito e temperán coñecedor dos avatares polos que pasara a nosa lingua, sabía ben que no desenvolvemento histórico e social da mesma influíran decisivamente instancias foráneas que a levaron á unha situación minorada, subordinada e sometida. Contra a opinión dos que non querían ver nin aceptar o evidente e sostiñan polo tanto que tal situación se debía a un simple proceso “natural”, mantivo con razón teimosamente o frade bieito que non é o “tempo” (o “natural”) o que acaba coas linguas, senón que son os “homes” violentos (“bárbaros e conquistadores”) os que as destrúen ou aniquilan. Son estes os culpábeis “por quereren introducir a súa lingua, aniquilando as dos países que conquistan”. Non existe en consecuencia “cultura” algunha (en canto modo xeral de ser e de se comportar dun determinado grupo humano) que libremente se autoimpoña a si mesma outra lingua ademais da súa propia. En tal sentido, o “bilingüismo” como manifestación espontánea dunha cultura carece totalmente de sentido. De aquí que Sarmiento formule no caso que nos concirne a seguinte e concreta proposta: “En materia de linguas, se ha fixar unha soa, que se estude e saiba con perfección e con toda a extensión posíbel. Esa, nin ha ser lingua morta, nin lingua viva non española, nin lingua viva española de provincia diferente, nin de lingua dominante. Ha ser, precisamente, a lingua viva vulgar e que se fala na provincia en que cada un nace, v. g. o castelán, a castelá; o galego, a galega; o asturiano, a asturiana e leonesa; o catalán, a catalá; o aragonés, a aragonesa”.

Isto está escrito por Sarmiento hai agora arredor de dos séculos e medio, mais continúa a ter viva actualidade nos debates lingüístico-antropolóxicos do noso tempo. Cando F. Rodríguez indica por exemplo que o castelán cumpre en territorio galego “unha función glotofáxica” (no senso de “devoradora de linguas” que lle dá L.-J. Calvet a esta expresión) está de feito en concordancia con Sarmiento, que sostiña –como sabemos- que son os homes colonizadores e conquistadores os que destrúen as linguas e non supostos procesos “naturais” que ocorren no seo das mesmas. Algo que vén referendar claramente o propio Rodríguez cando escribe: “Se algún pobo deixa a súa lingua, é porque sofre un proceso de asimilación que non é querido nin progresista, senón un aspecto máis dos alleamentos que está a padecer o home nunha historia de violencia e de falta de liberdade. Se hai asimilación, é porque hai imperialismo”. De modo que, a teor do que indica pola súa parte tamén X. R. Freixeiro, “o racismo e o imperialismo lingüístico” continúan aínda hoxe, a estaren presentes en Galicia desde a antiga e continuada “imposición do castelán”. Así se explica tamén para el a feble “conciencia lingüística” existente no país galego, que “non responde a unha libre decisión da cidadanía galega”, senón que é máis ben “consecuencia dun longo e traumático proceso histórico de colonización política, económica e cultural que deixou pegadas na mentalidade individual e colectiva aínda agora difíciles de borrarmos”.

Desde estes presupostos, é doado decatarse de que o chamado e por algúns defendido “bilingüismo” non resulta ser máis ca unha trapela que só pode ter éxito entre conscientes ou inconscientes imperialistas ou con simplemente desinformados. Con razón comentará en este contexto F. Rodríguez: “Como asevera toda a sociolingüística rigorosa, as solucións que admitan a posibilidade real, nun contexto social determinado, do bilingüismo están exaltando racionalmente o asimilacionismo, posto que semellante bilingüismo non é máis que un tránsito asimilativo [...] A cooficialidade posibilita que a asimilación dos falantes discriminados se faga con maior naturalidade e espontaneidade, coma se se tratase dunha escolleita libre [...] Só facendo desaparecer a lingua que funciona como asimilacionista e dominante do contexto social poderemos lograr a normalización total da nosa”. Este tipo de proposta “unilingüista” pode naturalmente soar a “imposición”, cando en realidade non sería máis cá volta á normalidade lingüística que lle foi arrebatada a todo un país. Por iso indicará Rodríguez no mesmo contexto: “Abraia que acabe por non verse que a imposición foi antes doutros, e é agora doutros; resulta diáfano que a realidade lingüística do país non mudou; segue unha represión virulenta sobre o noso idioma, por múltiplos mecanismos [...] A hostilidade e agresividade parten do Estado colonial, do Goberno, da mecánica social, económica e política na que estamos inmersos, non dos que estamos pola normalización do idioma. Non se poden converter os agresores en agredidos nin os executores en vítimas”.

A proposta “unilingüista” é, pois, en realidade un intento de superar definitivamente a diglosia instalada nos galegofalantes, que leva a estes desde séculos a unha autocomprensión deficitaria de si mesmos e da súa lingua ante a presenza dominante do castelán, co que a lingua galega se relaciona de modo subordinado e dependente. A modo de exemplo, pode resultar clarificador o que lle ocorreu ó propio Frei Martiño Sarmiento cando era un rapaz. O xa adulto bieito lamentará non poucas veces o traumático que lles resultaba ós alumnos galegos seren recriminados ou castigados cando ás veces deixaban pegadas orais da súa propia lingua na súa obrigada aprendizaxe escolar na lingua de Castela no colexio xesuítico de Pontevedra. En 1770, dous anos antes da súa morte, recordaba aínda Sarmiento: “Antes era delito el que un estudiante gallego soltase una voz gallega”. Quizais tivese el daquela aínda na mente o que lle ocorrera de rapaz. En efecto, nun escrito que redacta cando xa pasaba dos sesenta anos lembra o seguinte: “Acuérdome que andando aún en saítas, y estando en la escuela, porque el lego jesuita maestro de leer me hizo una pesada burla, le llamé a voces fillo dumha puta, sin saber el significado de fillo, de umha ni de puta. Dije aquello por haberlo oído a los que se irritaban, y para irritarme yo”.

Dado, porén, que o recente discurso político a prol do denominado “bilingüismo” semella ter seducido algunhas mentes, cómpre referirse aínda ó mesmo, en continuidade co xa dito. Pois ben, tal discurso sobre as supostas bondades do bilingüismo é en realidade un retorno a un modo de pensar que fora xa criticado e desenmascarado a mediados dos anos 40 do século pasado por Moisés da Presa, cando escribía: “Dicir que hai pobos bilingües, neste caso o galego, é un barbarismo froito da ignorancia duns e da mala fe doutros que só agacha con esta actitude unha intención: o querer xustificar a deserción do campo nacional ao campo inimigo [...] Un pobo, como unidade cultural orixinal, ten como medio natural de expresión o seu propio idioma, único verbo co cal pode manifestar os seus máis íntimos estados de alma. Pretender polo tanto que hai pobos bilingües vén a ser o mesmo que se dixéramos que hai pobos con dúas mentalidades e polo tanto con dúas culturas”.

A mencionada proposta “unilingüista” de F. Rodríguez baséase por iso, en definitiva, na mesma consideración. Así o sostiña el en relación cun Manifesto de talante bilingüista dos anos 70. “Parece evidente —comentaba Rodríguez ó respecto— que todo individuo, como toda sociedade, ten que ter unha soia lingua de instalación se se quer tirar proveito do sistema lingüístico a un nivel emotivo, e aínda racional, o que non impide a aprendizaxe funcional, relacional, doutro idioma ou de varios”.

En canto á suposta existencia dun bilingüismo en Galicia, engadirá Rodríguez que tal bilingüismo, no seu senso estrito, nin existe en Galicia nin en ningures, dado que caracterizar como “bilingüe” a Galicia “presupón –tal como el mesmo comenta- unha situación de equilibrio, de estabilidade, de igualdade, que está moi lonxe de se dar en Galiza como, polo demais, non coido que haxa sociedade algunha na que exista bilingüismo real: unha das dúas linguas sempre leva as de perder; é imposíbel unha igualdade real”.

Por certo, neste rexeitamento do mencionado bilingüismo xa insistira nidiamente tamén R. Carballo Calero ó cualificala hai xa varias décadas coma unha especie  de “bigamia lingüística”, que leva consigo “a desorde moral, a liorta doméstica e a degradación, a expulsión ou a conxelación dun dos elementos do binomio”.

O “unilingüismo” (ou “monolingüismo”) que aquí se propugna, fronte ó mencionado bilingüismo, non ten, porén, nada que ver –aínda que non poucos queiran confundir ou mesturar fraudulentamente as cousas- co lexítimo e loábel desexo de aprender e coñecer diversas ou incluso múltiples linguas nunha sociedade como a actual que se caracteriza pola súa, forzada ou non, mobilidade. Para iso están, por exemplo, os chamados colexios “plurilingües”, aínda que non sempre se caractericen estes pola valoración primordial e efectiva da lingua propia do país onde están asentados. Pois do que en definitiva se trata é do inalienábel dereito das culturas e pobos concretos a ter, manter e fomentar o coñecemento e uso das súas propias linguas sen que tal dereito se vexa legal ou practicamente obstruído polos intereses e violencias (sutís ou non) doutros pobos ou culturas que inxustamente se inmiscen nelas.

Mais como sobre este punto xa me estendín na miña anterior achega Entender os nacionalismos deste mesmo medio dixital “Terra e Tempo”, limítome xa, finalmente, a remitir o amábel lector a ela.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal