13:21 Sabado, 29 de Abril de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-02-2017

Cal foi a xestión da Xestora presidida por José María Louzán? Certamente, de pouco tempo dispuxo, xa que no mes de xullo produciríase a sublevación militar

José María Louzán Martínez: Alcalde de Culleredo coa Fronte Popular

Valorar (7)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



O que será o derradeiro alcalde de Culleredo na II República, José María Louzán Martínez, naceu en Iñás (Oleiros) en abril de 1892. Dende moi xove pasou tempos de penuria económica, traballando en labores do campo. Embarcaría tamén nunha ocasión cara Estados Unidos para probar sorte en duros traballos, coma picando en canteiras. E, coma tantos mozos galegos, participou na Guerra de Melilla.

En 1912 casou con Carmen Jaspe Dans (a pesar da oposición da familia dela, de boa posición económica, e que a “desherdaría”). A parella tivo dez fillos, pero só sobrevirían cinco: Carmen (nacida en Iñás), José (nacido na Coruña), Aurora (nacida na Coruña), Pilar (nacida no Burgo) e María (nacida no Burgo).

Instalado na Coruña, José María comezou a prosperar e traballou de carniceiro. Co tempo, chegou a ser propietario de dúas carnicerías: unha no Burgo (Culleredo) e outra no Carballo (Oleiros). Esta relativa bonanza permitiulle construír no Burgo, en 1930, unha vivenda propia, -que xa non se conserva-, moi próxima á igrexa parroquial.

Na época da II República, en 1932, encontrámolo exercendo a presidencia dun club de fútbol, o “Spórting Burgo”. E a finais de decembro de 1935, figura como presidente da Agrupación municipal de "Izquierda Republicana" do Burgo, entidade que neste mesmo mes inaugurara no Burgo o seu local celebrando un acto no Cine “Rialto” (propiedade de Gumersindo Pereira Nouche, de quen temos falado noutra ocasión), no que disertaron Carlos Dafonte Sánchez e o médico José Búa Carou.

Uns meses despois, logo da vitoria da Fronte Popular nas Eleccións xerais de febreiro de 1936, o gobernador civil designa unha nova Comisión xestora municipal en Culleredo, que toma posesión en sesión celebrada o 21-3-1936. Presidida, como alcalde, por José María Louzán (de IR), o resto da Corporación está conformada por militantes, de diversas parroquias, dalgúns dos partidos políticos integrados na FP, especialmente IR ou PCE. Desta última formación sería destacado militante Eladio Freire García, natural de Rutis, 1º tenente de alcalde que, logo da finalización da Guerra Civil, exiliaríase en Francia.

Se xa no día das votacións das Eleccións xerais houbera en Culleredo un morto por disparo de arma de fogo e varias persoas detidas, nos meses seguintes producíronse episodios de conflitividade social, especialmente coa Igrexa: os sucesos máis impactantes foron a queima da igrexa de Almeiras (24 de abril), a incautación da rectoral de Rutis (1 de maio), ou, xa coñecida a sublevación militar fascista, a colocación de  bombas nas igrexas do Burgo (21 de xullo), Sueiro (21 de xullo) e Culleredo (22 de xullo).

Cal foi a xestión da Xestora presidida por José María Louzán? Certamente, de pouco tempo dispuxo, xa que no mes de xullo produciríase a sublevación militar.

Respecto de asuntos que podíamos cualificar de carácter político, ademais de mandar retirar do salón de sesións o retrato de Niceto Alcalá-Zamora (logo da súa destitución como Presidente da República), cesaríase ao alcalde de barrio de Celas, Juan Hermida Zas (que, curiosamente, aparecía uns meses antes como presidente da Agrupación de “Izquierda Republicana” de Celas). Outros temas salientables foron os referidos ao decreto de convocatoria de Eleccións xerais de compromisarios para a elección do Presidente da República e o decreto de convocatoria do plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia No primeiro dos casos, enviaríanse telegramas de felicitación a Santiago Casares Quiroga polo seu nomeamento como Presidente do Consello de Ministros, e a Manuel Azaña, novo Presidente da República, acordándose mercar un retrato deste; ambos os dous dirixentes agradecerán, tamén por telegrama, os parabéns do Concello. Logo do seu pasamento, a Corporación cullerdense únese á homenaxe ao deputado galeguista Antón Vilar Ponte (que era o farmacéutico municipal de Culleredo), contribuíndo con 50 pta. Por último, varios concelleiros irían presentando a súa dimisión.

José María Louzán Martínez

No eido da sanidade, podemos mencionar que, logo do falecemento do farmacéutico titular (o xa citado Antón Vilar Ponte), o seu irmán Ramón informa ao Concello que Antonio Corrado Aler faríase cargo da farmacia, polo que é nomeado novo farmacéutico municipal. Sacáronse igualmente a concurso as prazas de matrona titular e inspector municipal veterinario.  A finais de maio está cuberta a primeira das prazas con Ana Palomares Cózar, á que se lle pide que resida en Culleredo; mais como fixo caso omiso da orde, a Corporación acordou denunciala á Inspección Provincial de Sanidade, por esta razón e porque non atendía as urxencias, xa que a veciñanza descoñecía onde podían avisala. Pediuse, de novo, a derrogación da Lei de Coordinación Sanitaria. Por último, acordouse solicitar á Inspección Provincial de Sanidade que se realizasen vacinacións e revacinacións infantís.

Respecto de actividades de tipo económico ou industrial, o 1º tenente de alcalde, Eladio Freire, pediría que o alcalde se dirixise aos demais Concellos para que incluísen nos orzamentos de 1937 algunha suma a fin de reforzar as cotas que na Coruña viñan asignándose aos obreiros en réxime de retiro, en forma deficiente por non alcanzar as que estaban obrigados a satisfacer os patróns e obreiros, que ademais non eran suficientes para todos os que deberían percibir o retiro. Así mesmo, o Concello acorda colocar edictos públicos queixándose de que os maiores contribuíntes, con mañas, eludían o pagamento dos repartimentos de utilidades, prexudicando aos pequenos contribuíntes, que debían pagar máis; circunstancia que xa se viña producindo dende había anos. No mes de xullo o recadador municipal, Manuel Patiño, presentou as contas do Repartimento Xeral de Utilidades, incluído o que recibiu do seu antecesor Juan Viñuelas. O total ascendía a 56.347 pta., pero había moitos impagados. Neste mes concédeselle autorización a Benito Pose Souto, de Celas, para facer baile ao lado do campo da feira de Peiro, para a promoción desta, perdoándoselle as taxas. Tamén o Concello pensaba dirixirse ás Sociedades de gando do municipio para que expresasen a súa opinión encol da idea de crear unha feira de gando e outros artigos, e lugar acaído para o emprazamento.

Pouco se puido facer noutro asunto sempre reivindicado pola veciñanza, o arranxo e mellora dos camiños municipais: só uns gastos, en ferramentas e merenda, de 651 e 157 pesetas, respectivamente, destinados ao arranxo do camiño de Vilaboa a Castro, que se facía por prestación persoal, traballando nel os obreiros do lugar moitos días, sobre todo os festivos, e que xa estaba bastante avanzado; quedaba pendente o aboamento doutras 154 pta. de merenda [que a primeira Corporación franquista rexeitará facer]. Como xa non se dispuña de recursos, a Corporación decide suspender as obras deste camiño, xa que era un dos se incluía nunha relación que unha comisión municipal iría negociar a Madrid.

Pouco hai que dicir no que se refire ao alumeado público, limitándose o Concello a aboar parte da factura das 27 lámparas que “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” instalara en varios lugares da zona urbana do municipio. Pedíuselle á empresa que instalase unha luz en Fonteculler, na parada do tranvía a Sada, e había igualmente intención de instalar dous puntos de luz máis. Pola súa banda, os veciños de Sueiro reclamaban que se negocie coa empresa a chegada do alumeado público á súa parroquia. Gasto menor foi o pagamento ao electricista Manuel Lafuente do custe do alumeado na Casa do Concello.              

Que a Comisión xestora tiña intencións e proxectos sabémolo por acta do 2-5-1936: ese día acordou que unha comisión municipal viaxase a Madrid a solicitar subvencións para unha serie de obras: abastecemento de augas (fontes, lavadoiros, traídas de auga…) en diversos lugares das parroquias do Burgo, Castelo, Culleredo, Ledoño, Rutis, Almeiras, Sueiro e Veiga; obras públicas (camiños, pontes…) nas parroquias do Burgo, Almeiras,Celas, Culleredo, Rutis, Sésamo, Sueiro; por último, subvencións para construír locais de clase e vivenda para o profesorado das escolas do municipio: Almeiras (Choeira, Alvedro), O Burgo (O Burgo, Acea de Ama), Celas (Celas, Peiro de Arriba), Veiga (Boedo e Peiro de Abaixo), Rutis (dúas en Vilaboa, Conduzo, Castro, Laxe e O Portádego), Castelo, Ledoño, Orro, Culleredo, Sésamo e Sueiro.

Chega a sublevación militar de xullo de 1936. Nun primeiro momento vemos que José María aínda continúa no Burgo, mais tiñamos alguna referencia de que marchara a Arxentina. Grazas á información que nos facilitou un dos seus netos arxentinos, Rodolfo Gabarain, coñecemos as súas peripecias nestes difíciles momentos.

Decidido a fuxir no primeiro barco que estivese no porto listo para saír, fíxoo entrado 1937 nun que partía cara Bos Aires. Ningúns dos seus fillos sabía nada destes preparativos. Ao ano seguinte o seu fillo José (estudante de Bacharelato na Coruña e afiliado ao PSOE) viaxaría dende Vigo, xa que a situación estábase facendo insostible. Mesmo algúns compañeiros de estudos del pasaran noites agochados na horta da casa familiar (que lindaba coa ría), pola que fuxían sen volverse ter noticias deles. A José tívoo agochado o cura do Burgo, Manuel Cobas Carballal, que era, por outra parte, un carlista confeso, nada simpatizante da República.

É curiosa a relación entre Louzán e Cobas. En época republicana, Louzán salvouno de ser seriamente agredido por un grupo de exaltados. Tempo despois, cando un grupo de franquistas batía nas portas da casa de Louzán (xa fuxido en Arxentina) para levar á súa muller, en manifestación, como “trofeo de guerra”, Cobas interpúxose, evitando que vivise ese terrible momento, dispersando a xente do lugar. Segundo a familia, salvou igualmente á empregada que traballaba na casa de José María, á que chegaran a rapar a cabeza. Cobas Carballal chegou mesmo a ter serios problemas coa Falanxe, coa que non simpatizaba. Sabemos que nunha ocasión increpou duramente a unhas falanxistas do Burgo que realizaban unha colecta no adro da igrexa, dicíndolles que aquel non era lugar para esas cousas; ao ser interpelado por unha autoridade da Falanxe local, que lle preguntou se non lle preocupaban as consecuencias das ameazas que proferira, o párroco respostoulle que dispuña dunha pistola para quen quixese ter algo que ver con el. Estes datos non proceden de fontes orais, senón da denuncia que a propia Falanxe presentou no Goberno civil da Coruña.

Non era a mesma a actitude do cura de Almeiras, Juan Santos Ageitos. Testemuñan fillas de Louzán que frecuentaba a familias adiñeiradas de Madrid  que veraneaban en importantes casas do Burgo. Adoitaba coller o tranvía na parada ubicada no Cine “Rialto” do Burgo para ir á Coruña a presenzar os fusilamentos. De regreso, no mesmo bar do cine, sentaba a tomar algo e escoitábaselle unha frase habitual: “Hoy…. tantos corderitos” (referíndose ao número de  fusilados do día). Cremos que este vengativo resentimento era debido a que a súa igrexa fora incendiada no mes de abril.

Co seu home e o seu fillo xa na Arxentina, Carmen Jaspe Dans e as súas catro fillas conseguiron saír dende Lisboa, no vapor “Aurigní”, o 12-7-1939, arribando a Bos Aires o 5 de agosto. Cando chegaron, sacaron unha fotografía no porto, na que Carmen non quixo aparecer, pois chegou, a causa das penalidades vividas, con todo o cabelo branco. Só tiña 40 anos.

Instalado en Bos Aires, non hai constancia de que José María Louzán participase en política nin noutras actividades. Así nolo teñen comunicado os seus familares, que tamén nos indicaron que non simpatizou nin con Perón nin co peronismo, cualificando ao dirixente arxentino como un émulo de Mussolini e do seu estilo político.

Tendo que refacer a súa vida, dedicouse ás súas tarefas profesionais, traballando de carniceiro. Nestes primeiros a familia anos vivían en aluguer, comprimidos os seus sete membros nun espazo, incómodo, de dúas habitacións. A vivenda estaba no barrio de Palermo, na rúa Nicaragua nº 5147. Alí José María alugou unha carnicería; pensaba que exercer o oficio en Bos Aires era moi doado, pois un camión traía a res xa morta e preparada por metades para a venda: no Burgo, el mesmo tiña que sacrificar ao animal.

Todos os anos dicía: “este ano cae Franco e na primavera volvemos”. Mais rematou a II Guerra Mundial, casou o seu fillo José en 1945, logo a súa filla Pilar en 1950 e tivo que aceptar a realidade: debía proxectar o seu futuro en Bos Aires. Venderon a casa do Burgo e así puideron mercar e construír un piso adicional sobre a mesma casa e carnicería. Na parte antiga da vivenda dispuxo algunhas habitacións, que alugaba. En 1950 terminou a restauración da súa nova casa e comercio.

Ademais de José María e a súa familia, residiron tamén Arxentina os seus catro irmáns: Francisca, Francisco, María Luisa e Josefa.

José María e Carmen nunca regresaron a Galicia, nin de visita. A filla maior, Carmen, foi á única que veu moitas veces, parando en Iñás; ela fora a que máis sufrira ter que marchar a Arxentina. Máis tarde virían de visita José (en 1980), María (coñecida como Olga) en 1992, e Pilar e Aurora en 1999.

A consecuencia dunha febre reumática que padecía dende moi nova, agudizáronse os problemas de saúde de Carmen, falecendo en agosto de 1962, -logo de festexaren os seus 50 anos de matrimonio-, aos 72 anos. Pola súa parte, José María seguiría traballando de carniceiro ata 1965, cando, con 74 anos, caeu dunha escaleira, fracturándose a cadeira. Aínda que se recuperou da lesión, decidiu alugar a carnicería a outros galegos que exercían a mesma profesión. Mais non deixou de ser unha persoa activa. A familia lembra que pintou a súa casa, sobre andamios, ata os 90 anos. Dedicaba o tempo a ler e, grazas a uns auriculares que lle mercaron, -xa que padecía xordeira dende había anos-, puido volver ver a televisión. Non tivo ningún problema de saúde física ou mental ata unha semana antes da súa morte, cando tivo que ser internado, debido a problemas de osixenación cerebral por fallos circulatorios, falecendo, durmindo, en marzo de 1989, a punto de cumpir 97 anos, no Hospital Alemán.

O Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na parroquia do Burgo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[04-02-2017 21:30] Loli Olveira comentou:

Unha historia interesante, a Guerra Cicil marcou a lume a vida de milleiros de familias. Pra quen goste este tema temos unha xoia literaria de Manolo Rivas " Os libros arden mal". Un saudo

[04-02-2017 18:28] Rodolfo Hector Gabarain Louzan comentou:

Muchas gracias Carlos por tu excelente nota, tan puntillosa, tan detallada y estudiosa, realmente eres un historiador apasionado y profundo. Como nieto de José María he aprendido mucho con tu nota pues muchas cosas no las sabía. Creo que nadie en mi familia sabía tanto de José María como todo lo que tù has recopilado. Hace años, cuando mis familiares volvían a Culleredo, preguntaban en el Concello y siempre le decían: "no hay ningún dato, todo se quemó en la guerra". Tu nota es la prueba que la historia no muere ni desaparece si hay voluntad. Ni Ray Bradbury pudo hacer desaparecer el pasado quemando todos los libros del mundo en "Farenheit 451" . Luego,hace pocos años, encuentro la placa en la calle de O Burgo con el nombre de mi abuelo y tuve que mirarla varios minutos pues no podía creerlo. Mi cabeza decía: "será otro José M. Louzán..... pero no puede ser... tanta casualidad?...
Me hizo muy feliz , fue un momento inolvidable. EL SECRETO DEJÓ DE SERLO, EL SILENCIO PASÓ A SER HISTORIA RECONOCIDA. Y ahora con tu artículo, es el broche de Oro. Me siento afortunado frente a aquellas generaciones ( abuelos y padres) a las que yo llamé siempre la generación partida ( pues tuvieron que abandonar la primer mitad de sus vidas y comenzar de cero nuevamente a adaptarse en un mundo nuevo. Ello fue un precio altísimo) Muchas Gracias, ustedes son un ejemplo para Sudamérica. Entre 1890 y 1960 Argentina fue Galicia, Fue España , fue Italia y medio mundo mas conviviendo todos juntos. Estoy también agradecido en nombre de ellos a este país , en estas épocas de levantar muros....... recuerdo que el Hotel de Inmigrantes de Buenos Aires tenia 3000 camas y todos los recién llegados tenían 5 días gratis en él , del cual salían con trabajo asegurado, afín con sus labores aprendidas en Europa, Un abrazo para tì y Galicia, una región donde el mundo muestra una hermosura natural y humana casi escandalosa.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal