23:13 Mércores, 23 de Agosto de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2017

Ao abater o patriarcado, tamén se fai cambalear un dos alicerces do capitalismo que se nutre da división do traballo

A saia de Carolino

Valorar (57)

ROBERT NEAL BAXTER



Anunciar que a miña nova saia vai estar lista dentro de pouco non xeraría moito interese nen constituiría un motivo para escreber un artigo no Terra a Tempo se non fose porque son un home.

A saia é a peza de roupa máis rudimentar e por iso foi utilizada historicamente tanto por homes canto por mulleres, desde o primitivo tanga ou taparrabos até o shenti do Exipto Antigo e o maxtlatl azteca, pasando polo quíton da Grecia Antiga. E, aínda que a súa forma concreta pode variar segundo o xénero, en moitas culturas hoxe tamén segue a ser considerada, sob varias formas, unha prenda unisex, desde o izaar ou ma'awaz do mundo árabe, o lungi ou mundu do subcontinente indiano, o sarong indonesio e srilankés e o pareo polinesio, até o macawiis de Somalia ou o malong das Filipinas, por non falar da fustanela balcánica que levan os evzones gregos...

Agora ben, salvo raras excepcións (kilt, sotaina...), no Occidente contemporáneo, a saia está identificada como unha prenda de uso exclusivamente feminino. E, por extensión, tamén serve historicamente como unha marca ostensíbel dun status social inferior, indicativa da infantilización das mulleres, consideradas seres insensatos –como as crianzas e o gando– propriedade dos seus pais e maridos. Esta relación de poder social revélase claramente no rito de pasaxe coñecido en inglés como breeching (‘encalzonamento’), que consistía en que un rapaz vestise pantalóns por vez primeira ao chegar à maioría de idade ou ‘idade da razón’, unha fronteira que non se permitía cruzar nunca às mulleres, condenadas para sempre a vestiren o estigma da roupa das crianzas. De facto, convén lembrar que usurpar este privilexio masculino estaba considerado até moi recentemente un delito en moitos países, entre eles os U$A, onde no século XIX varias mulleres foron detidas por levaren pantalóns e até finais do século XX perdurou a prohibición de as mulleres vestiren esta peza de roupa no Senado, o que supuxo que unha muller fose encarcerada por este terríbel atentado contra a orde estabelecida ao apresentarse nun tribunal así vestida en 1938.

Non son un friki da moda, mais sempre gostei das saias masculinas de Jean-Paul Gaultier e quixen ter unha similar. Mais aínda así, a presión das expectativas sociais sempre supón un certo receo, así que comecei cun kilt. Con iso non pretendo laiarme como fan algúns de que aos homes nos é ‘prohibido’ (onde?) facer cousas que as mulleres si poden (calcetar, coser... sic.), pois as reaccións foron positivas malia, como máximo, algunha que outra ollada un tanto perplexa e curiosa pola rúa. Na mesma liña, tamén aproveito para anunciar, sen pelos na ingua, que me depilo. Mais, por moito que poidan ficar fóra do tradicional canon masculino, estas ‘transgresións’ non suscitan a reprobación social que xera o non cumprimento dos canons femininos con que, por exemplo, segue a xogar tan desapiadadamente a publicidade.

Así que, en suma, se podería dicir que a historia me ‘lexitima’ para vestir de saia, mais non se trata diso, ou polo menos non unicamente, xa que, ao mesmo tempo, o uso desta peza de roupa desempeña unha outra función que vai moito máis alá. Ten a ver coa elaboración de novas masculinidades baseadas na transgresión das normas de xénero estabelecidas que se denomina gender fuck e implica concibir o xénero como unha performance ou actuación pública, cuestionando e procurando ultrapasar as fronteiras do binomio masculino-feminino, parte integral da expresión social dos padróns cisheteronormativos e pedra angular do patriarcado que divide a humanidade en dous grupos claramente diferenciados e, portanto, con xeitos de ser e actuar, intereses e capacidades tamén inherentemente diferenciados por bioloxía. Os homes e as mulleres son diferentes ‘por natureza’, ideoloxía plasmada no tópico de que “Os homes son de Marte, as mulleres son de Venus”. Obviamente, como grupo social dentro do patriarcado, as mulleres teñen intereses diferentes dos homes por padeceren unha opresión específica, non como consecuencia dun determinismo biolóxico por seren de planetas diferentes, mais debido a unhas condicións estruturais que poden e deben ser cuestionadas e derrubadas. E, ao abater o patriarcado, tamén se fai cambalear un dos alicerces do capitalismo que se nutre da división do traballo.

O desporto non ten xénero, os xoguetes non teñen xénero e a roupa non o ten, nen debería telo. Non por levar unha saia un deixa de ser un home. O que si se pretende é ser home ‘outra-mente’, isto é, un home novo construído conscientemente fóra das normas cisheteropatriarcais e dentro dun paradigma de libertazón individual para alén da variábel de xénero. Como tan ben o expresou Rosalía en Follas Novas, a identidade de xénero non se pode deixar determinar polas normas sociais que se asignen, neste caso, às mulleres, desde o patriarcado:

Daquelas que cantan ás pombas i ás frores,
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de que a terei?

Non son tan inxenuo nen tan crido como para pensar que por eu levar unha saia vaia mudar o mundo e cesar a discriminación e a violencia que pesan sobre as mulleres polo simples facto de o seren. Mais cada grao de area axuda a romper estereótipos que son, no fondo, unha parte moi importante da discriminación que parte da necesidade patriarcal de criar e perpetuar a división por xéneros que sustenta o modelo capitalista. No fin das contas, do mesmo xeito que os micro machismos non son, en verdade, tan micros, o micro activismo tamén ten un papel que desempeñar no combate global contra o sexismo e o patriarcado en que tod@s debemos tomar partido.

Así que animo a todos os que queiran e se atrevan a vestirdes unha saia de cando en cando como protesta manifesta frente ao sistema patriarcal que oprime de maneira moi especial as mulleres.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal