02:52 Xoves, 30 de Marzo de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-01-2017

A cidade de Santa Cruz de la Sierra, é a perfecta plasmación dunha estratificación social

Unha reliquia do colonialismo español

Valorar (14)

FRANCISCO GRAÑA



“Foi o rei de España don Felipe IV, quen outorgou en Madrid o 7 de Novembro de 1676 á cidadanía de Santa Cruz de la Sierra o titulo de: Moi nobre e moi leal, así como o seu escudo de armas. Este deseño heráldico de armas que foi recibido en Santa Cruz polo gobernador don Cristobal de Sandoval y Rojas, Cabaleiro da orde de Santiago e consanguíneo principal do Duque de Lerma, probablemente en febreiro de 1638, é o máis antigo dos nosos símbolos patrios...” Despois da guerra de independencia, xa conformada a República, o Goberno Central intentou asignar un novo escudo a cidade, sendo rexeitado pola sociedade cruceña... ”O 12 de Xaneiro de 1985 o IV Congreso Civico da Cruceñidade reunido en Reboré aprobou a Resolución de adoptar o escudo cruceño”(con castelo e león)”como símbolo departamental.

O noso fermoso departamento cumprirá 206 anos de vida independente este 24 de Setembro...”

Así se expresaba a prensa de Santa Cruz de la Sierra o día xoves  de Setembro do 2016.

Realmente o movemento cívico cruceño non pretende a separación política de Santa Cruz de Bolivia. A minoría elitista que domina e goberna hoxe esta rexión cruceña aspira a influír decisivamente nos destinos de toda Bolívia como Estado Plurinacional no seu favor, e combater aos sectores indíxenas e obreiro antiimperialistas, reforzando a súa relación cos intereses do Imperio Global estadounidense. É unha minoría enriquecida co espolio das maiorías e dos recursos naturais de Bolivia que busca manter o seu poder e riqueza contando cunha base sólida de apoio popular, usando todos os condicionamentos posibles e aproveitando as contradicións sociais, étnicas e culturais do pais. Está composta maioritariamente por individuos crioulos de etnia branca, descendentes dos españois que aínda exercen o dominio sobre a gran maioría orixinaria. Porén, promove unha relación de amizade cos restos do que foi a etnia maioritaria na rexión cruceña, os guaranís, para lexitimar o seu poder en Santa Cruz xa que foron no pasado rivais  das outras dúas etnias principais como os aimará e os quechua, que manteñen  a súa vitalidade sendo maioría   en A Paz, Cochabamba, Petare, Oruro, Potosi... A elite cruceña, os “cambas”, utiliza e manipula estas diferencias no seu interese promovendo a lingua e cultura guaranís, mais nunca a súa emancipación, xa que foron practicamente exterminados co seu cruce “a brava”, mantendo os seus restos nun estado de miseria absoluta. Os guaranís esténdense para alén de Santa Cruz, por Paraguai, norte de Arxentina e Sur do Brasil, formando a nación guaraní. As cataratas de Iguazú son o seu santuario para eles; foron colonizados e  domados polos xesuítas españois, que ademais de liberalos da aniquilación, converteron-los nunha xente submisa co poder dominante. Co seu auto-odio de colonizados, forman a base social ideal para soportar réximes  ditatoriais, coma o do nazi Stroessner de Paraguai no pasado. Nesta ampla zona atopamos a segunda maior reserva de auga doce do planeta, e xa o actual presidente dereitista arxentino Macri, cedeu aos estadounidenses unha base militar sobre esta reserva, coa escusa de combater o narcotráfico. Dadas as circunstancias, Santa Cruz é clave para xogar un papel de apoio decisivo ao Imperio Global estadounidense.

A elite cruceña herdeira do colonialismo español, está moi vinculada ás multinacionais mantendo inversións millonarias, como colaboradores e rentistas dos centros económicos globais ao través dos seus bancos privados que operan en Bolivia, principalmente en Santa Cruz. Son grandes terratenentes e posúen as Finanzas e a Banca, Centros de Sanidade, Ensino, Comercios, Ocio, Prensa, Radio e TV... en colaboración coa Igrexa Católica Vaticana, administradora da Universidade Católica que é a encargada de formar unha clase media para o servizo persoal desta oligarquía. Non existe transporte público, todo é privado e controlado pola elite a través das mafias de sicarios. A riqueza acumulada por esta minoría é inmensa e necesita da centralización e cobertura que lle proporciona o Imperio USA. unha gran parte da poboación de Santa Cruz de la Sierra, exerce coma criados persoais dos membros da elite cruceña. Cada cruceño camba  necesita de 10 a 20 serventes, entre directos e indirectos, (vixiantes, coidadores de fillos, limpeza, domésticos...) amais dos empregados privados e públicos municipais. Os cambas considéranse benfeitores desta masa de serventes aos que lle dan de comer, exercendo o terror arbitrario máis degradante con eles....controlándolles ata o seu voto nas eleccións. Os máis preparados son os seus lacaios, administradores, profesionais, capataces... a clase media servil.

A cidade de Santa Cruz de la Sierra, é a perfecta plasmación dunha estratificación social. A súa urbanización reflexa os resultados petrificados dunha loita de clases sempre gañada pola burguesía cruceña. A urbe estruturase en aneis: primeiro do 1 ao 3; despois do 4 ao 9... Os ricos viven no 1.2., os pobres e marxinados a partires do 5... Pero á elite non lle chega, pois moitas veces aparecen mesturadas as urbanizacións ricas coas pobres. Por iso, fai algún tempo o Alcalde elitista desprazou moita xente, aproveitando o desbordamento do rio, aos aneis do 5 en adiante, enchéndoos de favelas de teia, madeira, cartón e calaminas; chámanlles “zonas roxas” pola súa inseguridade. Aínda así, un bo número de  marxinais  vive no centro nunha “zona roxa”. Nestas zonas se atopan os mercados populares, onde emerxe a economía somerxida; pequenas unidades produtivas, autónomos, comercios, empresas... paralela á da oligarquía multinacional, pero con múltiples canles que permiten o control por parte da elite cruceña. Na poboación traballadora o individualismo está moi arraigado. Este feito percíbese nos mercados populares, onde a delincuencia e o sicariato é unha actividade normal e produtiva. Tamén no cooperativismo, coma nos últimos acontecementos protagonizados por cooperativistas mineiros, cando uns mil organizados por catro familias  pretenderon capitalizar ao seu nome as minas cedidas polo Estado en usufruto, e reducir a outros 200.000 mineiros reais, e non concesionarios, á condición de só asalariados sen sindicación. É unha mostra do individualismo nun sector que apoia o Goberno do MAS (Movemento ao Socialismo), pero tamén influenciado dende o exterior, ao través dos sicarios da oligarquía pro-imperialista. O Imperio USA inflúe poderosamente nas elites, pero tamén nas masas marxinais bolivianas.

Hoxe as maiorías pobres están moi lonxe de comezar unha loita social liberadora que articule e  organice esa gran masa cara a constitución dunha clase social disposta a disputarlle o poder á minoría colonialista capitalista. A elite cultiva o apoio social desta masa miserable... As tensións sociais  son derivadas cara as “zonas roxas” da delincuencia marxinal.

As desigualdades entre a minoría multimillonaria e a gran maioría social pobre é tremenda. A reducida “clase media” forma parte do séquito persoal da elite, son os seus lacaios perfectos  sen mediacións que oculten esta relación coma ocorre en Occidente. Non é de estrañar  que o Che Guevara, no seu tempo, escollera esta terra boliviana para facer unha Revolución, coma única vía necesaria para rematar coa inxusta opresión dos débiles. Mais, non chegou coa necesidade de facela, faltou a vontade dos oprimidos para levala a cabo. Hoxe é a política posibilista a que prima en Bolivia da man do Goberno de Evo Morales, para desenvolver o pais e modernizar as forzas armadas en colaboración cos mesmos militares que asasinaron ao Che. Os voceiros da elite que o mandaron matar, hoxe escandalízanse con  esta alianza. Parece que ao Che Guevara lle saíron novos amigos entre os seus verdugos. Cousas da política.

Fronte ás reliquias do vello colonialismo axudado incondicionalmente polo Imperialismo, os sectores indíxenas e obreiros antiimperialistas bolivianos, perseguen a soberanía e a transformación democrática do pais, e apoian participando co Goberno do Estado Plurinacional de Bolivia liderado por Evo Morales. Este  Goberno impulsou a institucionalización do Estado Plurinacional dende a independencia das distintas nacións. O Goberno antiimperialista promove a Unión que fai a Forza, e non a forza  para a unión, pois non se aprecia ningunha corrente “bolivianista” que defenda a unión á forza. Como Estado Comunitario proporciona recursos ás diversas nacións e culturas, para reforzar as súas institucións soberanas, comunidades, economías, culturas, linguas... e a protección da Pachamama (Nai Terra)... Hoxe o Goberno Plurinacional de Bolivia controla gran parte dos recursos estratéxicos do País (mineria, enerxía...) con 22 macro-empresas estatais en distintos sectores e promove un “mercado interno”, pero carece de comunicacións e infraestruturas sociais (vivendas para a maioría, sanidade e ensino públicos...). Non ten comunicación marítima, pois a rexión de Arica poboada por aymaras bolivianos foi ocupada militarmente  por Chile. Cos ingresos obtidos cos seus recursos máis os fiscais, en proceso de establecemento, o Estado  Plurinacional acomete a construción de infraestruturas para satisfacer as necesidades do pobo; tren metropolitano en Cochabamba, vivendas sociais,escolas, regadíos... pero o proxecto estrela constitúeo sen dúbida, o futuro ferrocarril bi-oceánico, que comeza nun porto de Brasil e remata noutro porto do Perú, atravesando Bolivia  e comunicando por este medio, Santa Cruz, Cochabamba, Oruro, Potosí... A Paz, todas as cidades importantes do pais, financiado por China con tecnoloxía rusa, e a axuda dos BRICS.

A elite boliviana, comezando pola cruceña, rexeita e é contraria a todas estas obras e proxectos (por defectos técnicos, escurantismo, desbarato, corrupción...) e exprésao ao través de todos os medios  de comunicación que son todos da súa propiedade, hasta tal punto que ante o proxecto de escolarización masiva, argumentan que é mellor ter os nenos na rúa a que sexan maleducados polo Estado boliviano sen a supervisión da Conferencia Episcopal. Xa chega con ter un Presidente sen  título académico, un mal exemplo para tódolos nenos. Son conscientes de que coas súas realizacións perderán cotas de poder moi importantes. Agora controlan por terra todas as comunicacións, nas cidades e no rural e disputan o espazo aéreo co Goberno. Obxectivamente estas infraestruturas en mans do Estado son contrarias aos intereses desta oligarquía e do Imperio estadounidense. A elite camba cruceña herdeira do colonialismo español quere manter o seu poder  e o seu diñeiro a toda costa coa protección dos EEUU.

En Bolivia, especialmente na rexión cruceña existe unha sociedade semi-feudal que convive con automóbiles de luxo, Toyotas nipones, modernas tecnoloxías (informática, celulares... grandes superficies comerciais con  artigos exclusivos para consumo da elite, alternando con dispensarios de comida lixo, con moita Coca-Cola a prezos accesibles para consumo das masas) pero que ate de agora non teñen unha  rede pública de ferrocarril, agás tramos mineiros propios dunha colonia, nun territorio de máis de  un millón de quilómetros e 11 millóns de habitantes.

 -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.                                               

[03-02-2017 12:31] OLGA GARCIA comentou:

vexo moi acertado o artigo xa que non hay como coñecer latinoamerica para darse conta que aliberacion deses pobos e imposibel mentras a relixión cristian neste caso camiñe da man do sistema capitalista. Ao final Sistema capitalista + relixion= opresión e atraso permanente

[31-01-2017 13:29] Apampado comentou:

Se para descubrir o capitalismo, o papado e a simbiose entre eles, necesitamos (10 tomos-5000 páxinas), entendo a longa permanencia destes tenebrosos poderes. Grazas pola aclaración

[30-01-2017 14:57] Moinante comentou:

Fai-me graça essa estranheza sobre o que significa o cristianismo e o catolicismo em particular na história. Alguém qualificou ao papado como a organizaçom criminal com maior éxito na história. Existe e existiu sempre um nemigo permanente dos povos latino-americanos e latinos, o cristianismo, o papado.
Recomendo ler este livros:

Historia criminal del cristianismo de Karlheinz Deschner (10 tomos – 5000 páginas ) Ediciones Martínez Roca. Agora pertence a Planeta, e esta editora bloqueia a sua publicaçom.
Opus Diaboli do mesmo autor. Editorial Yalde, podes-la baixar em Pdf de graça.
La puta de Babilonia de Fernando Vallejo. Edt. Planeta-México
etc...

Resulta cómico que agora alguém se estranhe da simbiose entre o capitalismo (terrorismo económico) e o catolicismo (terrorismo ideológico). Em fim...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal