03:21 Xoves, 25 de Maio de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-01-2017

O historiador, sempre, máis no caso dos países que non teñen Estado propio, debe intentar moverse, con honestidade, rigor, e sen medos nin prevencións ou clixés e censuras e deformacións

O final do camiño

Valorar (68)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Acepto como inevitábel que todo discurso histórico ten un compoñente ideolóxico ou filosófico. Non pode ser doutra maneira cando se trata de reconstruír, analizar e interpretar  os  feitos tanto do pasado, como do presente.  As propias fontes documentais, aínda sendo da mesma época que a historia que se quere reconstruír, non poden escapar a este condicionante, que vai implícito en toda visión,  ollada, ou perspectiva humana. Agora ben, o que xa non resulta aceptábel é, con plena conciencia e intención, adaptar o pasado ás conveniencias ou obxectivos que, no presente, teñen os grupos e a ideoloxía dominantes ou os Estados e os seus aparatos propagandísticos. E isto por dúas razóns substanciais. A primeira porque, obrando así, defórmanse ou ignóranse  mesmo os feitos, os sucesos, a realidade, incluídos os protagonistas da historia, sexan individuos ou pobos, para facelos funcionais ao esquema ideolóxico  e ao deseño político dominantes, interpretándoos e valorándoos conforme a estes. A segunda porque  a historia se converte  nunha forma simplista e maniquea de avalar o statu quo actual, como se xa estiver prefigurado, definido e anunciado no pasado, case como se xa sempre tiver existido.

Estaremos de acordo en que semellante punto de partida non pode ser asumido se o que queremos é aproximarnos a unha visión que dea conta, algo veraz, do que ten acontecido, de cal era a realidade política, cultural, social, económica ou relixiosa nun determinado lugar, nun momento xa pasado. O historiador, sempre, máis no caso dos países que non teñen Estado propio, debe intentar  moverse, con honestidade, rigor, e sen medos nin prevencións ou clixés e censuras e deformacións, por moi enraizadas que estiveren, para descubrir a historia que non nos contan, a realidade que nos agochan, algo dunha grande transcendencia para a toma de conciencia sobre a propia realidade. Non en balde, por iso mesmo, hai tanto empeño en agochala, ignorala, deformala e mesmo roubala sen maiores miramentos, en especial nas nacións dominadas, ignoradas ou colonizadas. É imposíbel que un pobo teña conciencia de si mesmo, dos seus dereitos, se é privado de conciencia ou memoria histórica. A dimensión do oculto, deformado ou roubado no caso da historia de Galiza é de tal calibre, que só se pode explicar como unha necesidade imperiosa do Estado español e os seus aparatos ou institucións culturais e ideolóxicos para fundamentar unha determinada idea de España. Digámolo de maneira conflitiva e clara: a historia de España que nos contan aséntase na eliminación e no furto da historia de Galiza. O discurso histórico oficial, dominante en España, sobre a etapa histórica que vai da romanización ao século XV, cando menos, esixe a ocultación da historia real de Galiza. A historia real de Galiza non é compatíbel  coa historia oficial de España. O que non acontece coa historia de Catalunya.

De termos en conta o devandito, poderemos comprender as limitacións, terxiversacións, ocultacións e intencións da serie televisiva O final do camiño, emitida conxuntamente pola TVG e a TVE, a xulgar polo que levamos visto. Hai uns cantos elementos ideolóxicos, interpretativos da historia, que vertebran o discurso narrativo da serie. Teñamos en conta que estamos no século XI. Pois ben, a idea que se intenta transmitir é que España, como realidade política, sempre existiu, ou tivo sempre vocación de existencia política, vinculada á idea de reconquista e á relixión católica.  É por iso que máis que o reino de Galiza (aludido de esguello, e formando unha tríade con León e Castela), oficialmente anulado, o centro simbólico e material é unha   Compostela en progresivo auxe, pensada como reclamo de peregrinos de toda Europa, a Xerusalén de Occidente, á vez que fonte de financiamento das conquistas militares de Afonso VI, detalle veraz e realista que non se compadece co trato displicente que o monarca dá ao bispo Páez nin coa caracterización dos señores galegos, entre acovardados, fuscos e cheos de resentimento. Naturalmente non sabemos que outros poderes estaban soportando materialmente a despótica insolencia do rei Afonso VI. Moito menos cal era a súa lingua de oralidade coloquial. Sabemos si que o seu enlace fiábel na Galiza era un suposto señor de Andrade -sintomático nome no futuro- , inexistente na realidade histórica do século XI, disposto a morrer por defender a fidelidade a un monarca que, malia aos seus defectos morais, representaba a idea de unidade dos reinos, de construción de España.

A outra idea que se quere deslizar, de forma sinuosa, é que a unidade é un valor que debe ser preservado, fronte a calquera intento de separación. As veleidades separatistas do bispo Páez, contrariado pola actitude altiva e as esixencias monetarias de Afonso VI, pretende proclamar rei de Galiza a un abúlico e derrotado García, encarcerado  no castelo de Luna. Ah!!! Mais felizmente o exército popular compostelá, ao servizo do bispo, ten un guapo xefe de Catoira ao fronte, que se decata, decepcionado,  da manobra  do seu protector inicial, e non o seguirá en semellante contubernio, porque leva á guerra e ao conflito, apostando pola causa do rei.

Non resulta difícil de adiviñar por onde vai transitar a serie. La Voz de Galicia, empresa beneficiaria do contrato para realizala, publicaba o domingo, día 22 de xaneiro, un suposto mapa da península no ano 1100, ilustrando  a base histórica en que se fundamentaba. Neste mapa de Toledo para arriba eran reinos cristiáns sen especificar máis, con tres cidades indicadas, Compostela, León e Toledo. Porén, sinálase, no espazo oriental do que denomina reinos cristiáns, a existencia de Navarra, Aragón e os condados cataláns (sic). Para o reino de Galiza non existir, recórrese ao subterfuxio de colocar tres cidades representativas, como se as tres estiveran no mesmo espazo político e cultural, unha unidade presentida, a España preexistente.

A chamada Historia Compostelá, unha fonte coetánea sobre o século XI-XII, a máis importante das escasas existentes na península, non deixa lugar a dúbidas de que Compostela, coa capacidade para acuñar moeda,  é inseparábel do reino de Galiza, que a súa riqueza provén do conxunto das terras que dependen do seu señorío, que o rei Afonso VI asentaba o seu poder e a súa capacidade expansiva  na nobreza eclesiástica e civil  galega, que o denominado camiño era un itinerario mercantil, comercial. Que as súas fillas, Urraca e Tareixa, cos seus maridos, Raimundo e Henrique de Borgoña, respectivamente, centraron na Galiza a súa vida. E que  e os seus netos, Afonso Raimúndez e Afonso Henríquez, foron educados, na Galiza lucense, e na bracarense, respectivamente, chegando un a ser coroado rei de Galiza na catedral de Santiago (a primeira descrición dunha coroación real nos reinos cristiáns está na Historia Compostelá), e outro rei de Portugal. A verdade é que a Historia Compostelá non ten conciencia da existencia  dun poder político igual ou superior ao de Galiza en Castela ou León.

Claro está que hai algo anómalo, que presta á serie un certo valor positivo, que debería facer cavilar aos nosos gobernantes autonómicos, especialmente, a non ser que a hipocrisía e o cinismo teñan xa corroído o seu cerebro até límites sen remedio. Tamén debía levar a reaccionar   aos encargados da educación, en especial os profesores de historia de todos os chanzos educativos, a non ser que a intoxicación sexa tan fonda que os teña aparvado até o delirio. E os galegos e galegas, en xeral,   algo debíamos preguntarnos tamén. É normal, lóxico, hixiénico, natural e soportábel vivir nunha sociedade na que a inmensa maioría da súa xente alfabetizada, con estudos, mesmo superiores, descoñece personaxes, sucesos, situacións, conflitos, isto é, unha historia, a do seu país, a que explica a existencia dun portentoso patrimonio histórico-artístico, a comeza pola catedral de Santiago?  Pode todo isto, sen grave quebranto para a nosa saúde pública,  seguir  excluído do ensino regrado? Non é unha anomalía ver agora algo, naturalmente terxiversado e con intención españolísima, nunha serie televisiva, sen que haxa o contraste dunha formación básica, polo menos? Non é unha vergoña e unha desgraza termos unha escola que é máis retrógrada e contraria á nosa realidade que os seriais televisivos? Non sería necesario iniciar outro camiño?


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

1 2 3 seguinte

[05-03-2017 21:51] Xoán Bautista Mariño comentou:

Hai Paco! Coincido contigo nese centralismo que nos dan ata polo aire e nesa outra insistencia da Gran Historia de Hespaña. O ano pasado ía pola ponte de Catoira cedo e oinlle dicir a Mariano que España tiña 500 anos de antigüidade ou algo así...houben de ter un accidente!!

[28-01-2017 14:25] Lucas comentou:

Home, hai que ter en conta que falamos dunha serie de ficción.
Dende a miña ignorancia, valorar aquí aquel documental da TVG "Historias de Galicia"

[27-01-2017 18:20] Manolo do Val comentou:

Mesmo desde os medios madrileños fálase das eivas do guión. Sen dúbida, a especialidade do guionista é a ficción....
http://www.publico.es/culturas/final-del-camino-tropieza-y.html

[27-01-2017 10:18] Loli comentou:

Con satisfazon suscrevo artigo e comentarios diante destas terxiverxacions, e ver q tenhen resposta de persoas con conhecemento q non calan. Decateime q non era real esa interpretazon da historia, pois algo do Reino de Galiza deron os meus fillos na escola, hai xa catorce anos, non sei si se segue dando. Igoal e' algo forte pero diría q isto e' un xencidio cultural q parece unha estratexia pra acabar coa histora e lingoa galegas.

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal