11:51 Xoves, 23 de Novembro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-01-2017

Se non logramos crear ilusión para comprometer a outras moitas persoas co nacionalismo galego, non teremos dado un só paso adiante

A capacidade de ilusionar

MANUEL LÓPEZ FOXO



Se non hai ilusión por cambiar as cousas, por conquistar outros horizontes, por gañar un pulso a prol da xustiza social, da igualdade ou do país, se nos falta esa ilusión a cada un e cada unha de nós, nin avanzaremos como sociedade nin se moverá o río da nosa historia. A ilusión está na base de calquera transformación, de calquera compromiso cívico, de calquera loita política ou social. Por iso, nestes tempos de cansanzo político, de abandono de ideais, de derrotas e frustracións continuas, e tamén, como non, de decepcións persoais que nos deixan animicamente desfeitos, é fundamental que recuperemos a ilusión. É preferíbel unha persoa que nos convide con ilusión a comprometernos coa construción dunha Galiza diferente que unha ducia de militantes que só sexan capaces de transmitir desesperanza e amargura fronte á situación política do noso país, porque unha persoa que ten capacidade para nos contaxiar a súa ilusión desde o entusiasmo e desde a esperanza é sempre un motor que move os nosos corazóns, que nos gaña para o compromiso, que mesmo nos implica na batalla máis dura e máis difícil. Desde o territorio do pesimismo ou do desalento non se constrúe un País novo. E o nacionalismo galego actual está moi necesitado dun coro de voces que acompañe a Ana Pontón nesa nova maneira de dicir o discurso nacionalista, con amabilidade, sen agredir verbalmente a ninguén, cun sorriso e coa ilusión que dá a confianza no noso propio país.

Podemos actualizar e darlle as voltas que queiramos aos textos teóricos, ás cuestións organizativas e ás ferramentas de traballo que se precisan para actuarmos na sociedade actual. Se non logramos crear ilusión para comprometer a outras moitas persoas co nacionalismo galego, non teremos dado un só paso adiante, porque non seremos quen de crear futuro, de saír das trincheiras, de camiñar cara adiante, de facer circular as nosas ideas na xente máis moza, en todas esas novas xeracións que xa non teñen a Galiza como referencia, como ideario político, nin sequera como preocupación intelectual, aquela  curiosidade e aquela ansia de coñecemento que tiñamos outras e outros nos anos sesenta ou setenta, cando unha simple presentación dun libro galego, un recital ou unha conferencia era un acto de loita pola liberdade e de reafirmación da nosa identidade colectiva, e todas e todos regresabamos para a casa emocionados por descubrir algo novo, por sabermos algo máis da nosa historia política, da economía galega, da nosa lingua ou da nosa literatura. Viviamos todo ese descubrimento intelectual con auténtico gozo. Algúns incluso naquel tempo da Transición, na nosa mocidade, tivemos a sorte de escoitar, co corazón limpo, cos ollos ben abertos, persoeiros como Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro ou Domingo García-Sabell, ou ao Celso Emilio Ferreiro que militaba no PSG,  ao Méndez Ferrín da UPG-Liña Proletaria ou a un militante do PCG tan combativo co nacionalismo como Xesús Alonso Montero. Eu só teño que dicir que tamén eles me axudaron a descubrir o país, igual que don Ricardo Carvalho Calero, Manuel María, Xosé Manuel Beiras, María Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez. E hoxe non teño eu tan claro que unha persoa que milite no nacionalismo tivese o desexo de ir escoitar unha conferencia de Álvaro Cunqueiro se iso for posíbel. Non digamos xa a Ramón Piñeiro ou a García-Sabell. Eu desde logo nunca tiven eses prexuízos mentais, porque nunca pensei que por asistir a un acto de persoas doutros pensamentos e doutras militancias políticas se ía debilitar a firmeza das miñas ideas.

Non son eu quen para dicirlle a ninguén a que actos ten que ir ou en que actos debe participar, mais creo que as persoas que militamos no nacionalismo non deberiamos dubidar en cruzar as fronteiras do noso territorio ideolóxico para escoitar con respecto outras visións sobre Galiza e sobre o mundo, para expor as nosas opinións ou para confrontar con cordialidade intelectual as nosas ideas con outras. Neste momento máis que a arenga para persoas convencidas, para os de sempre, o que de verdade necesitamos é que a nosa visión poida ser escoitada noutros foros nos que hai outra xente que habitualmente non asiste aos nosos actos. É aí, entre esa outra xente, onde temos posibilidades de agrandar a nosa base social, de achegar á idea de Galiza a outras persoas que talvez aínda non tiveron a oportunidade de descubrir o seu propio país e de ver os problemas desde unha óptica galega. Temos que deixar de facer actos de doutrina política para nós mesmos e nós mesmas e darlle máis importancia a impulsar ou apoiar encontros e debates con outros sectores sociais. Iso tamén é estar na sociedade. Con esa sociedade é coa que temos que traballar. Non hai outra. E sempre, sempre, procurando convencer e ilusionar. Non renunciemos nunca á paixón de crear conciencia de país fóra da organización na que militamos e desde a confianza no noso ideario nacionalista.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[22-01-2017 11:03] a. x. del caño varela comentou:

Estimado sr.Lopez Foxo, tan galego é Feijoo como Beiras ou como Ana Pontón, por suposto! pero o centro da tua crítica non penso que recaiga no nacionalismo, Non só eu, senón moitos coñocidos meus non duvidan en acudir e escoitar actos, eventos etc... de outras forzas até as mais lonxanas ao pensamento nacional...Penso que é ao revés xeralmente! ë o pensamento unificador que non quere nin ouvir nin os nosos argumentos nin as nosas inquendanzas....Malamente pode haber acordos cando unha das partes nin escoita ni contesta, ignora
a outra parte pretendendo con iso non existir na realidade, realidade na que estamos todos claro!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal