05:29 Luns, 14 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-01-2017

"Correspondencia do galeguismo do exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977)" (2016), nova obra de Xosé Ramón Freixeiro Mato

Onde ferve o amor por Galiza

Valorar (15)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Para a maioría do público lector e para as persoas interesadas na lingua galega, o catedrático de Filoloxía Galega na Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato é coñecido por dar a lume obras hoxe de referencia no panorama da investigación (socio)lingüística feita na Galiza. Estamos a pensar en títulos fundamentais como Lingua Galega: normalidade e conflito (1997, quinta edición en 2002), Gramática da lingua galega (1998-2002, segunda edición dos catro volumes en 2006), Os marcadores discursivos. Conectores contraargumentativos no galego escrito (2005), Lingua de calidade (2009), Estilística da lingua galega (2013) etc. Noutro plano de investigación, tamén hai que facer referencia aos seus libros e artigos sobre a linguaxe literaria contemporánea ou sobre vida e a obra de figuras da cultura e literatura galegas dos séculos XIX-XX, tales como Antonio Noriega Varela, Crecente Vega, Manuel García Barros, Manuel María, Manuel Murguía, Rafael Dieste, Rosalía de Castro, Xosé Filgueira Valverde etc., algúns dos cales obtiveron recoñecemento público a través de importantes premios de investigación (Da montaña o corazón. Produción literaria e lingua en Noriega Varela, Premio Ánxel Fole 1993, saído do prelo mesmo ano; Cucou o cuco cuqueiro. Lingua e estilo na obra de Manuel María, Premio Ánxel Fole 2006, publicado en 2007; etc.).

Precisamente, neste último ámbito de pesquisa é que se enmarca o traballo máis recente de Freixeiro Mato, ou sexa, unha edición da correspondencia que mantivo Sebastián Martínez-Risco (1899-1977) –avogado, maxistrado e presidente da Real Academia Galega entre 1960 e 1977− maioritariamente con destacadas figuras do nacionalismo e do galeguismo de fóra da Galiza. Un asunto de tal dimensión e transcendencia parecía requirir o compromiso das institucións que nos gobernan e é así que, recollendo esa encomenda, o libro foi publicado pola Exma. Deputación da Coruña no outono do ano 2016, após ser avaliado e seleccionado pola preceptiva comisión de publicacións do organismo provincial. Convén sinalarmos, antes de máis, que non é a primeira vez que o autor se ocupa dun vulto como Martínez-Risco: lembramos aquí os títulos Sebastián Martínez-Risco na cultura galega (1994), Sebastián Martínez-Risco, ensaísta e poeta (obra inédita e esquecida) (1996) etc. Agora, porén, trátase de documentos privados que nos permiten, tendo como eixo o xénero epistolar, aproximármonos directamente, en primeira persoa e sen filtros, dunha parte da nosa historia cultural, literaria e política nun período de tempo crucial na Galiza do século XX, cal foi a ditadura de Franco. Ao mergullarmos no libro, abrimos a porta secreta dunha parte da correspondencia de Martínez-Risco e somos capaces de partillarmos compromisos e saudades, proxectos e labores, inquietacións e desacougos, soños e desexos, para alén de co propio maxistrado, con figuras como Basilio Losada, Eduardo Blanco-Amor, Emilio González López, Emilio Pita Romero, Isaac Díaz Pardo, Juan Naya, Luís Seoane, Manuel Casado Nieto, Hugo Rocha, Xosé Neira Vilas, Xosé Núñez Búa, Xosé Ramón Fernández-Oxea e unha extensa nómina de escritores, intelectuais ou personaxes dese tempo. Tamén asistimos ao concurso de determinados colectivos e institucións, cal a Câmara Municipal de Braga, a Comisión Organizadoara dos Xogos Froraes do Idioma Galego de Bos Aires, o Centro Coruñés de Montevideo, o Centro Galego Galego de Bos Aires, a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, o Consello de Galiza, a dirección da Real Academia Galega, o Padroado da Cultura Galega “do México” etc.

Para dar conta de todo isto, Freixeiro Mato optou por estruturar a obra en varias partes. A primeira, intitulada “Introdución” (p. 13-26), dá forma a unha aproximación biográfica a Sebastián Martínez-Risco, seguida dunha sección dedicada á presidencia deste da Real Academia Galega e doutras epígrafes en que se recolle tanto a relación coa Galiza exterior do avogado como o sentimento de galeguidade nesoutra outra parte do Atlántico. A seguir figuran os “Criterios de escolla e de transcrición” (p. 27-30), necesario e clarificador preámbulo que dá conta do modo en que foron editadas as epístolas a través dunha organización cronolóxica por décadas (p. 31-277), nas cales, embora non exclusivamente, vai desfilando unha moito representativa nómima da colonia galega de Alén-Mar na liña do dito máis arriba. Nas páxinas seguintes figuran uns “Anexos” (p. 279-286) con cinco cartas incluídas por “gardaren unha relación moi directa con este autor [Martínez-Risco] e co contido xeral do volume, alén de polo singular interese que posúen para o esclarecemento de feitos e xuízos previamente expostos” (p. 29). Finalmente, despois da edición propiamente dita, acaba o traballo coas “Referencias bibliográficas” (p. 287-289), cun útil “Índice onomástico” (p. 291-296) e cun non menos útil “Índice cronolóxico da correspondencia” (p. 296-303). Hai que subliñar que este criterioso traballo de selección e publicación faise acompañar dun completísimo sistema de chamadas a ropadé, destinadas a explicaren algúns dos aspectos que van aparecendo nas cartas: aclaracións do editor sobre cuestións culturais ou literarias afloradas nos documentos, información sobre eventos rexistrados neles, referencias a persoas citadas etc.; en suma, trátase dun moito traballado aparello crítico que favorece coñecermos mellor os asuntos desenvolvidos nas cartas de e para Sebastián Martínez-Risco.

Os temas desas misivas reflicten, por súa vez, os camiños por que transitaba a lingua e cultura galega −algúns deles certamente tortuosos−, ben como o grao de afectividade que varios deses intelectuais mantiñan co maxistrado galeguista. Así pois, aparecen no conxunto de textos non só referencias a actos culturais, palestras e conferencias, publicacións etc., mais tamén a experiencias persoais, relacións profesionais ou persoais, aconteceres da vida cotiá etc. protagonizados polo elenco de personaxes a que vai dirixida a correspondencia. Podemos pór unhas ilustrativas mostras ao respecto, como é o caso, por exemplo, de Isaac Díaz Pardo, que, no día 16 de novembro de 1958 (carta nº. 61, p. 83-84), escribe a Martínez Risco comunicándolle que se enteirara “da intervenzón quirúrxica a que estivo sometido” o letrado, o que levou o artista a lle transmitir os seus “votos” para que se ache “compretamente restabrecido”. Nun outro texto, redixido na capital bonaerense no día “6 de fevereiro de 1961” (carta nº. 66, p. 93), Xosé Neira Vilas maniféstalle a súa “máis cordial, sinceira e afervoada noraboa pola honrosa e xusta diñificación, recaída en Vde., pra rexir os destinos da nosa Academia”, ou sexa, cando foi electo presidente da institución. Por seu turno, desde A Coruña, no día 14 de outubro de 1963, o propio Martínez-Risco (carta nº. 143, p. 166) remite unha carta ao escritor portugués Hugo Rocha agradecéndolle o “trato verdadeiramente íntemo coa terra e cos homes da Galiza, trato que lle permite ofrecela aos demáis con verdade e interpretala con fidelidade”. Máis un exemplo podería ser o seguinte: en 8 de setembro de 1965, Valentín Fernández, desde a cidade de “Bos Ars” (carta nº. 170, p. 190-191) fai partícipe o presidente da Real Academia Galega de “que a remesa das dazasete mil pesetas que irán vía Montevideo” para editar a “múseca de Adalid” era xa unha realidade, non sen certa problemática para a súa consecución: “eiquí toxos e froles mesturanse e non podemos a veces facer as cousas como ben quixeramos”. Compromiso co país e coa cultura galega, por un lado, e diferentes percursos vitais, por outro, entrelázanse tematicamente nas 265 epístolas de aquí e de alí, coidadosamente reproducidas polo filólogo da Universidade da Coruña.

Sebastián Martínez-Risco

Mais os documentos editados polo profesor Freixeiro Mato tamén nos ilustran sobre cuestións dunha índole distinta, de carácter máis sociolingüístico e gramatical, segundo se pode verificar con só revermos os excertos sinalados no anterior parágrafo. Así as cousas, os documentos redixidos en galego deste edición (e hainos tamén en portugués e en español) eríxense nunha moito valiosa fonte de información a respecto da conformación dun modelo de galego culto. Nese tempo, que abranxe practicamente todo o franquismo e que se proxecta aínda máis dous anos após a morte do ditador, estamos na época do galego coñecida como “supradialectal”, na clásica e citada interpretacion de Carvalho Calero (Cf. “La constitución del gallego como lengua escrita”, 1974), ou, máis modernamente, na etapa “protoestándar”, na terminoloxía de Fernández Salgado & Monteagudo Romero (Cf. Estudios de sociolingüística galega, 1995). Na altura, a única referencia modelar de galego formal é a literatura e (por que non recoñecérmolo?) as cartas que redixía a intelectualidade, con solucións ortográficas, gramaticais e características vocabulares proxectadas desde o galego literario, sempre a experimentaren e concedendo á escrita unha singular polimorfía e poligrafía só superada de vez a partir do proceso de normativización de finais do século XX. Como afirma o propio editor, non “había, pois, un modelo asentado de galego utilitario para o seu uso na correspondencia e estas cartas mostran as dificultades para a súa construción, mais tamén os avanzos que progresivamente se foron producindo. Había que construír un modelo de galego epistolar acaído para as persoas do mundo cultural –moitas das que escriben estas cartas–, mais igualmente para outras de fóra dese ámbito, e de aí a relevancia tamén lingüística que estas cartas posúen” (p. 29).

Retomando estas palabras de Freixeiro, temos de notar que a axuda perante esas “dificultades”a que fai referencia non podía provir das gramáticas. Saberen aquelas persoas se o plural de xornal tiña de ser xornais, xornás, xornaes ou até xornales era unha cuestión que non podían clarexar acudindo á literatura especializada, nin tampouco eran capaces de solucionaren as hesitacións diante de sistemas pronominais do tipo iste / ista / isto ou este / esta / esto, nin tamén non podian eliminar as dúbidas entre diferentes posibilidades morfolóxicas como facer / faguer, pór / poñer, traer / traguer etc. Os tratados gramaticais do Rexurdimento ficaban xa certamente lonxe, aínda que a obra de Saco Arce coñeceu unha segunda edición en Ourense no ano 1967. Por súa vez, os textos de natureza gramatical do primeiro cuartel do século XX (R. A., Lugrís Freire, Couceiro Freijomil etc.), algúns deles vinculados ás Irmandades da Fala, ficaban, por causa da paréntese e das consecuencias da Guerra Civil, igualmente afastados. E os traballos de Carré Alvarellos (Gramática gallega, 1967) e de Carballo Calero (Gramática elemental del gallego común, 1966) chegaron xa serodiamente. Quere todo isto dicir, por tanto, que a correspondencia privada vai posibilitar detectarmos a maior parte dos fenómenos lingüísticos igualmente presentes nas obras literarias da altura, reflectindo tanto construcións gramaticais e formas vocabulares dotadas dunha grande expresividade e enxebridade idiomáticas canto elementos que poderiamos denoniminar claramente hoxe en día interferencias lingüísticas, razoabelmente non contempladas na variedade padrón.

Entre estas, achamos casos de boeno como marcador discursivo (i.e., Boeno, agardo que poidas aceitar a invidación etc.), falsas flexións na equivalencia entre os números singular e plural (i.e., valores sociales, culturales etc.), léxico tomado directamente do español ou adaptado desde esta lingua (i.e., aislamento, reconocemento, rendir, xunio, etc.) ou mesmo formas inexistentes de determinados pronomes referenciais (i.e., E con elo non fixen máis que contribuir, Elo é debido, Elo non quita etc.). A vontade diferencialista explica, por súa vez, a utilización doutra forma de españolismos por parte dos responsábeis das cartas, cal é a constituída polos psudogaleguismos, quere dicir, elementos lexicais coincidentes por evolución co castelán aos cales se aplica un verniz galeguizador baseándose en determinadas equivalencias (por veces falsas) entre ambas as linguas (i.e., ambenteambiente, americanamericano, brilantezbrillantez, conferenzasconferencias, emocioadoemocionado, esceasescenas, segredariosecretario, sinceirasincera, prenopleno, tranquiatranquila etc.). Tamén ilustra como foi entendida esa mesma ansia a utilización de creacións vocabulares marcada e falsamente “enxebrizadas”, algunhas xa recorrentes en finais do século XIX (i.e., defendemento, imprentar etc.).

Nese longo itinerario na constitución da linguaxe literaria, as variedades populares de galego, nuns casos por reflectiren a fala coloquial e noutros por se significaren como formas diferenciais, están igualmente presentes nas epístolas de Martínez-Risco, como o demostra a presenza de fenómenos de alteración tímbrica de vogais átonas (i.e., antreentre, dibuxodebuxo, direitodereito, millormellor, íntemaíntima, somellantessemellantes etc.), a vocalización de certas consoantes oclusivas en posición marxinal (i.e., adautaradaptar, adouciónadopción, carautercarácter, coleitividadecolectividade, direutordirector etc.), os casos de acrecentamento ou supresión de vogais (i.e., amostran, ademiradoadmirado, ademiradoradmirador, difíciledifícil, útileútil, ideia etc; espranzaesperanza, espritoespírito, garimosoagarimoso etc.) ou mostras de rotacismos, metátases e de flutuación entre consoantes líquidas (i.e., craraclara, crásicasclásicas, compretadoscompletados, incruidoincluído, pirmeiroprimeiro, prubicapublica etc.).

Na altura, por outra parte, continuaba a se tinxir o idioma con algunha sorte de axuda estilística ortográfica, gramatical ou vocabular procurada no galego antigo, recurso que comezou a ser empregue en finais do século XIX coa (re)descuberta da tradición literaria medieval; de aí que tanto na literatura culta como tamén nestas cartas se poida corroborar tal recorrencia (i.e., capíduos, cibdade, conquerir, cordiaes, culturaes, donna, froraes, maor, merescido, outa, parescer, persoaes, profesionaes, ren, vegada etc.). Outrosí, o sufixo tradicional -zón ou -són, largamente utilizado a partir das Irmandades da Fala e do Grupo Nós, aparece frecuentemente nos documentos editados por Freixeiro Mato (i.e., comunicazón, confirmazón, realizazón, soluzón, impresón, satisfaizón etc.), ao paso que tamén se achan abundantes mostras de elementos gramaticais que hoxe, coa existencia dunha norma padrón, son identificados ás claras como locais ou dialectais (i.e., dimpois, eiquí, il, faguendo, ises montes e ise mar, indicaciós, informaciós, traguemos etc.). A recorrencia ao portugués como ferramenta de anovación lexical e mecanismo de diferenciación a respecto do español, práctica tamén detectábel desde o primeiro cuartel do século XX e aplaudida polo propio Sebastián Martínez-Risco, coñece na correspondencia editada algúns exemplos, nomeadamente de formas que con moita probabilidade fosen inexistentes na oralidade popular da época (i.e., amizade, até, Deus, encarregada e encarregado, estudos, gosto, meio, liberdade, porén, tudos etc.). E en último lugar, chama poderosamente a atención a notoria variabilidade dalgunhas solucións morfolóxicas, como é caso do sufixo -bel e do seu plural, atestatados de moito diversa maneira ás veces no mesmo autor e até no mesmo documento (i.e., posibel, posible, posibre, impagábeles, agradábels etc.).

Como resulta obvio, todas estas fenomonoloxías lingüísticas fican ben lonxe de seren sistemáticas ou regulares, pois están condicionadas, por un lado, polo estilo persoal de cada autor, que seleccionou estas ou aqueloutras posibilidades en virtude do seu propio sentir do que debía ser a variedade culta do galego; nestes medios, por exemplo, a carta de Hygino Martínez Estévez do Aninovo de 1961 (nº. 107, p. 133) opta por unha grafía etimoloxista ou reintegracionista, o que transparece necesariamente no vestido do contido espistolar (i.e., assistença, moços e moças, linhas, professor, senhor, sympathia, seja, qual, téchnica etc.). E, por outro lado, tamén esas fenomenoloxías están moito relacionadas co vagaroso proceso de constitución da lingua escrita, o que fixo que determinadas prácticas fosen sendo esquecidas progresivamente conforme ían transcorrendo os anos; así, nas décadas de 40 e 50 son moito máis comúns os usos de acentos circunflexos (i.e., ô inglés, nôs etc.), os hifens (en casos de encontros causados por fonética sintáctica, i.e., co-a, i-acabou, i-eu, pol-a e pol-o, que-o etc.) e os apóstrofos (tamén no dominio da confluencia entre a esfera fónica e a sintáctica, i.e., d’isa, d’oxe, pol’a e pol’o, etc.) do que o serían en finais dos anos 60 e a partir de 1970, avanzando así na mordenización ortográfica.

En resumo, este novo traballo contribúe eficazmente para nos revelar unha parte da nosa historia cultural e literaria máis recente tanto desde o propio país como desde as colonias do exilio e da emigración ultramarina, identificadas saudosa e elocuentemente nunha carta de Isaac Díaz Pardo datada no día 24 de novembro de 1955 como as “terras nas que ferve o amor por Galiza”, expresión en que se inspiraría o profesor Freixeiro Mato para intitular o libro. Mais a obra, ao mesmo tempo, vira un testemuño certamente de grande utilidade para repararmos con datos precisos no longo proceso de constitución da variedade culta do galego, agora tamén desde o ámbito de documentos privados, nos cales transparecen todas as hesitacións e conseguintes solucións lingüísticas que foron sendo ensaiadas naqueles tempos. Parabéns, por tanto, para Xosé Ramón Frexeiro Mato por esta ilustrativa edición e parabéns, igualmente, para o público interesado en tales temáticas, que conta desde xa cun sólido traballo centrado na figura de Sebastián Martínez-Risco e nas súas relacións coa Galiza americana e coa Galiza emigrante e exiliada en xeral.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña