16:06 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-12-2016

Galiza e os seus problemas específicos existen, como debera existir, e de feito existe, á marxe da súa moita ou pouca incidencia social, unha visión galega

Feixóo, a hierática impostura do servilismo consciente

Valorar (32)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Ás veces teño a sensación de estarmos, como pobo, á deriva. Mostrando resignación ou mesmo aparentando criticismo, parece que acreditamos en quen nos goberna, pois é moi escasa a preocupación por saber onde nos conduce a súa orientación e cais son os seus obxectivos verbo do propio país, Galiza. Parece haber un acomodo inconsciente á idea de que abonda con que nos arrastren como fardo os que definen a súa política como guiada pola procura do ben de España e dos españois. Porén, temos unha situación difícil. Galiza e os seus problemas específicos existen, como debera existir, e de feito existe, á marxe da súa moita ou pouca incidencia social, unha visión galega, isto é, guiada polos intereses do pobo galego,  da política estatal e da política internacional. Mais non parece haber moito interese ou preocupación no goberno galego nin nos partidos de ámbito español por apelar á sociedade desde esta perspectiva. Nunca  definen, analizan ou encaran os problemas da nosa sociedade desde unha análise e visión acordes coa especificidade de Galiza, contando coa propia capacidade para responsabilizarnos da súa solución. Eis por onde navega a política que fan aquí os partidos estatais sen excepción, de forma senlleira o que ostenta o poder da Xunta. Eis as dificultades do propio nacionalismo galego para asumir coa dilixencia debida, e a convicción e a enerxía necesarias, desde unha posición minoritaria electoralmente, cuestións claves do seu programa, alternativas que lle son consubstanciais e definitorias. Dá a sensación de sentirnos algo impotentes, en ocasións, entre a anestesia social que inocula a impostura gobernativa e o ruído mediático opositor da nova política madrileña e as súas sucursais. Ambas tan centralistas como moi españolas, pois asolagan Galiza até anulala de facto no panorama da política estatal e mesmo como obxecto de cavilación e preocupación interna.

O 27 de novembro deste ano en curso, o Presidente da Xunta de Galicia, Sr. Feixóo, hierático e cínico onde os haxa, pronunciou no Círculo de Economía de Barcelona unha conferencia co título "Estabilidad y sostenibilidad de un Estado descentralizado". Máis unha vez tivemos a oportunidade de detectar as súas aspiracións a ocupar un cargo político de relevo na Corte dos milagres de España, verdadeiro obxectivo que o orienta, a costa da anulación de Galiza como suxeito político con vontade propia. Nalgúns aspectos, ningunha novidade baixo o sol. Levamos case dous séculos inzando de políticos galegos a Corte de España, para gloria da madre patria e esquecemento e ruína de Galiza. Agora ben, con Feixóo o descaro, o cinismo, a impostura, agochadas nun hieratismo de sobrado, chegaron ao paroxismo.  Resultan irritantes, porque, máis do que ningún presidente que o precedera, que xa é dicir, préstase a instrumentalizar Galiza, subordinándoa  ás estratexias do Estado, precisamente en relación coa problemática das nacións que o integran. Así na devandita conferencia, mentres obviou cal era a demanda galega, dedicouse a dar consellos e propostas para o problema catalán, conforme á nova política de diálogo aparente que se promove desde Madrid. Abraiados, comprobamos que o presidente de Galiza, o sr Feixóo, recoñece que "no es fácil explicar que a Cataluña no se le dé un concierto económico cuando lo tienen los vascos y navarros" e que "estas cosas se pueden cambiar, plantear y discutir"...Isto di quen, exercendo a máxima responsabilidade no Goberno galego, respecto de Galiza limítase a non definir o que precisamos, á espera do que nos dean, negando, unha e mil veces, a nosa capacidade para vivir dos nosos ingresos e cubrir con eles os nosos gastos. Nada de concerto para Galiza: somos pobres, incapaces e vivimos dos demais...O discurso que asolaga a nosa sociedade....Hierático cinismo, para encubrir a impostura: "Somos bos, pero non parvos", dixo aquí, varios días máis tarde da conferencia catalá, aludindo a que non consentiría discriminacións con Galiza, co recurso á  habitual demagoxia  para consumo de incautos, sen saírse da españolidade ideolóxica. Correctamente lida, liberada da hierática impostura, a frase denuncia o servilismo consciente que practica, a submisión aos deseños do Estado que representan a anulación de Galiza. E desde dentro dela mesma!!!

Foi moi sintomática a pouca ou nula reacción crítica que provocaron  na Galiza  as súas palabras de Barcelona, malia se referir a un problema crucial para o pobo galego tamén, o do financiamento, excluíndoa da alternativa do concerto, que contemplou, como posibilidade, para Cataluña. Certamente, a protección mediática de que goza o Sr. Feixóo faino impune ao descrédito e mesmo logra dotalo dunha aureola de xestor responsábel que, para nada, resiste o contraste cos feitos. Mesmo en Catalunya botou man, sen avergoñarse, da máis recorrente manipulación a que nos ten habituados aquí, grazas á protección mediática de que goza, á desatención ou incuria pola cuestión da esquerda española, e a un certo complexo do nacionalismo. Referiuse ao Fondo de Liquidez Autonómica.  Naturalmente, nunha versión destinada, curiosamente, a subliñar as vantaxes de financiamento de que fixo uso a Generalitat, recorrendo ao devandito Fondo, dentro da legalidade vixente. Dixo que se tiña beneficiado da condonación de  1500 millóns de intereses ao ano, un sobrefinanciamento, "sin tocar el modelo de financiación ni pactarlo con el resto de las comunidades ni informarnos". O que non dixo é que desta condonación de intereses beneficiáronse todas as Comunidades Autónomas que quixeron, pois o Fondo de Liquidez Autonómica do Ministerio de Facenda non estaba pensado en exclusiva para Cataluña. De feito a ese Fondo recorreron a  maioría, pois a distorsión entre ingresos e gastos para atender as competencias, se agravou coa crise e por mor dun modelo que non cubre os custes reais dos servizos, malia os recortes. Por que non o fixo a Xunta, a non ser agora, tarde  e a rastro? Simplemente para prestarse a facer de comparsa da hostilidade contra a Generalitat acusándoa de estar endebedada, cun déficit enorme e mal xestionada. Mentres, para consumo interno, presumía de contas con boa saúde, pero facía medrar a débeda e pagaba altos intereses á banca privada. Esta é a forma de gobernar Galiza que ten Feixóo: facermos de parvos, como campións ao servizo de calquera propaganda antinacionalista, en especial anticatalá, aínda que sexa a custa de deixar de nos beneficiar de recursos públicos do propio Estado, isto é, nosos,  nas mesmas condicións que os demais. Isto si que é eficacia na xestión! E, aínda enriba, presumir aquí, como mérito, de que a Xunta non tiña que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómica!!!. Fíxoo con descaro nos debates parlamentares e nas declaracións públicas, sabendo que goza dunha impunidade sen cancelas!!!

Non é de estrañar que a súa incursión catalá, propia dun comparsa sempre disposto a anunciar a  boa nova de España, en versión para os díscolos cataláns, acabase con versículos antinacionalistas. E entón apareceu Galiza, tan dócil ela, na súa boca. Sen enrubescer, estabeleceu un contraste entre Catalunya, gobernada polo nacionalismo, e Galiza, baixo as gadoupas do españolismo, para concluír, nada menos, que "la identidad se preserva mucho mejor desde la sostenibilidad política que con la agitación permanente, el conflicto y la desmesura".... Fagamos un silencio, deixemos que sexa a propia realidade lingüística, a conciencia colectiva e social de autoestima, o estado da cultura e a tradición nacionais en calquera orde, a relevancia e a presenza  no Estado e no mundo, en relación a cada unha das nacións en contraste, as que diriman a verdade ou mentira da ousada impostura de Feixóo. Xa hai que ter valor para atreverse a falar de preservar a identidade do pobo galego quen a despreza, ataca e ignora en calquera das súas manifestacións, usando dos recursos e instrumentos do marco autonómico, servindo sen escrúpulos á política de uniformidade e asimilación que o Estado español promove e practica, en particular e especialmente os gobernos amigos de Feixóo. Sabe que está comprometido nunha estratexia destinada a deixar Galiza aínda máis á marxe, na cuneta, fóra da negociación de temas e alternativas que, de termos a consideración  dunha nación con vontade de sermos, como Catalunya, non farían máis que beneficiarnos e axudar a sacarnos da apatía e desconsideración con nós mesmos, e confiar e comprobar que temos capacidade para valernos por nós mesmos. O debate do financiamento autonómico xa ten comezado. O nacionalismo galego faría ben en empregar toda a enerxía posíbel na defensa pública do concerto, de recadar nós todos os tributos na Galiza, desvendando a ficción de sermos incapaces cos dados reais. Non podemos consentir que Feixóo afonde, aínda máis, na anulación do país, coa fin exclusiva da "sostenibilidad" política do Estado español actual.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña