08:44 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-12-2016

Os indios e as indias existen. Están aí, á nosa beira, pero ocultos, silenciados. Restos de heroicos pobos nativos dese espazo enorme de Norteamérica conquistado pola brava por estranxeiros e estranxeiras feroces

Unha historia de Indios e vaqueiros

Valorar (12)

LOIS DIÉGUEZ



Poderíamos darlle este título ao tema que hoxe expoño. Non moi lonxe fican aquelas películas, efectivamente, de indios e vaqueiros, que viamos de nenos e de mozos co corazón encollido e sempre dispostos a defender ao vaqueiro máis guapo e á súa namorada. Eran o chico e a chica. Os salvaxes, espidos e armados de arcos e frechas, ou fusís, na última etapa, feos e sempre dispostos a enredar a causa da civilización traída polos colonos brancos, non nos caían simpáticos e berrabámoslles alporizados cando atacaban as caravanas ou lles cortaban o coiro cabeludo aos brancos. Que salvaxada!

O que non sabiamos daquela, inocentes nós, era que estabamos ante un divertimento cruel que os ianquis de sempre argallaron para poñer ao mundo a favor dos seus exércitos invasores. Con que inocencia tragabamos toda a propaganda norteamericana preparada para capar a liberdade das nosas mentes e da nosa capacidade de distinguir o xusto do inxusto, a axuda da opresión. Centos de anos necesitaron os exércitos dos EEUU para asasinar os indios e roubarlles as súas terras. Os norteamericanos (falo sempre dos seus gobernantes) non cansaron aínda das súas mortíferas batallas. A súa presenza imperial en multitude de países está sempre relacionada co control das materias primas de cada nación. Con bo e sofisticado armamento e cunha ideoloxía imperialista non é difícil dominar o mundo.

Seguramente unha parte elevada dos distintos pobos do mundo esqueceron xa aquelas batallas de indios e vaqueiros. E se lles preguntamos agora polos primeiros seguramente encollerán os ombros e acabarán por dicir que eses non existen xa. Por que? insistiría eu. E aí nacería outra historia, a historia de como as inxustizas cara aos humildes, minorías ás veces, fican no silencio máis triste e desesperante.

Os indios e as indias existen. Están aí, á nosa beira, pero ocultos, silenciados. Restos de heroicos pobos nativos dese espazo enorme de Norteamérica conquistado pola brava por estranxeiros e estranxeiras feroces obsesionados só polo ouro e as riquezas dos demais. Hoxe son os amos. No Avante! apareceu un artigo sobre a loita actual dos indios e indias, os Sioux, aquela tribo exótica das películas antes lembradas, artigo que recolleron posteriormente  no blog a República e este xornal dixital no que escribimos.

Só aquí. En nengún dos medios de comunicación habituais apareceu. Que haxa centos de feridos e mortos no país dos indios e indias que aínda resisten hoxe na loita pola súa soberanía é cousa de minorías, trasnoitada, polo tanto non interesan.

Os Sioux de Estanding Rock, en Dacota do Norte, asinaron diversos tratados co Home Branco dos EUA, desde hai centos de anos. Nunca tais acordos foron respectados. Agora, estes, andan a pasar polo seu territorio un gaseoducto perigoso que lles derrama a auga e causou xa varios accidentes graves. Dereito á auga ou outra riqueza que se destrúe e rouba.. . Os bens máis prezados dunha comunidade. Como os sionisas cos palestinos. Como en Irak, Siria, Bolivia, Venezuela... Sempre o mesmo conto: dominio, extorsión, soberanía mancada para matar culturas e idiomas,  e apoderarse das riquezas cobizadas... Oxilaca Aquicita, defensor dos pobos nativos indios (tomo o dato dos artigos mencionados) contou esta última batalla de hai uns días. A carga da policía ianqui contra os Sioux foi brutal, utilizando os seus caritativos métodos. Con canóns, botáronlles auga mesturada con produtos químicos cando resistían a unha temperatura ambiental de 4° baixo cero. Usaron gas pementa, balas de goma, granadas de impacto... A auga disparada conxelábase nos corpos dos indios e indias, ardíalles a cara... e resistían pacificamente. O resultado: máis de 300 feridos, con 26 de extrema gravidade. Entre a xente, vellos e vellas, nenos e nenas tamén. En diversas loitas que levan neste 2016 foran encerrados en gaiolas de cans e marcados con números na pel, privándoos de asistencia médica. "O mundo enteiro viu que isto é un escenario de guerra. Viunos a resistir pacificamente", repetiu o  Oxilaca. O mau é que o mundo non puido ver, nen sentir, nen analizar. En Occidente  todo se amaña para que non vexamos, nen sintamos, nen nos conciencemos. Pero  como vivimos en democracia......

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[08-12-2016 00:57] Lois Diéguez comentou:

Grazas pola nova, Abelardo. Desde logo que a paso. Aperta.

[07-12-2016 10:26] abelardo xose del caño varela comentou:

Leonardo Peltier, lakota, leva dende o ano 1975 na cadea (seis perpetuas nin mais nin menos) polo suposto asasinato de membros do FBI nun xuizo no que a verba "Xustiza" ainda non se recuperou da violación da que foi suxeito polo Goberno Federeal Ianqui!! Se o Xuiz , as probas e as tetemuñas tiveran nariz coma a de Pinocho o mesmo daría varias voltas ao universo coñecido por tamaña infamia!!!! Ningún Presidente sabendo isto quere reabrir o caso! Aí tendes outra de indios....

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña