01:47 Martes, 15 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2016

Os que máis se negaron a diferenciar as terras comunais, das terras comunitarias, foron os representantes españois

1ª Assembleia Europeia ao redor dos Comúns

Valorar (0)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


Os pasados días 15,16 e 17 de Novembro, tivo lugar no Parlamento Europeo, a 1ª Asemblea Europeia ao  redor dos comúns. A presenza galega nesta assembleia, estivo a cargo do BNG (representado pola próxima eurodeputada Ana Miranda), e pola delegación da Organización Galega de comunidades de montes (Orgaccmm). A presenza de esta organización, foi posíbel grazas a xestión da próxima eurodeputada do BNG, Ana Miranda. E iso que esta 1ªAssembleia Europeia o redor dos comúns, foi convocada por varios grupos parlamentares europeos, algúns deles con presenza galega (por exemplo o GUE/NGL, no que está presente unha representante de Anova). Mais, soamente foi o nacionalismo galego o que xestionou a presenza de unha organización sectorial galega nesta Asembleia Europeia.
 
Con este feito, amosase unha vez mais a importancia que ten para Galiza, para as organizacións sectoriais galegas e para as maiorías sociais da nosa nación, a presenza institucional do nacionalismo galego. De aí o positivo que foi manter unha decente presenza no Parlamento Galego. Pese a que moitos e moitas entoaron cantos de serea  ou ditaron profecías catastrofistas. Se cadra, a estes cantores, cantoras e profetas venlle acaído aquela frase que deixara escrito Castelao “Sodes uns imperialistas fracasados”.

Se ben e certo que nominalmente, esta 1ª Assembleia Europeia versaba o redor dos comúns, a realidade é que os relatorios presentados foron do mais heteroxéneos  Foi un verdadeiro caixón de sastre  De feito, falouse de proxectos que se encadran no que a dia de hoxe coñécese como economía social e solidaria (formulas de traballo cooperativa ), e de dereitos  de uso sobre territorios comunais (e dicir públicos), como poden ser: pastos, auga, caza, pesca..............Os únicos que falaron das titularidades comunitarias (montes veciñais e baldíos), terras pertecentes os veciños e as veciñas, xestionadas (gobernanza) democraticamente por eles mesmos e con características de bens comúns, foron os representantes dos montes veciñais galegos e dos baldíos portugueses. Non semella moi acaído mesturar todas estas cuestións porque aínda que teñan semellanzas, son distintas. Outra cuestión e poder traballar conxuntamente, mais respectando as diferenzas.

Os que máis se negaron a diferenciar as terras comunais, das terras comunitarias, foron os representantes españois, sobor de todo os pertencentes a organización denominada ICCA (Iniciativas Comunais). Alegando que deberían aparcarse as diferenzas respecto as titularidades comunitarias, xa que é un tema quen non une. E dicir, que se posicionan en contra do recoñecemento das titularidades comunitarias. Seguramente, porque estas terras comunitarias son unha sinal de identidade da nosa nación. Semella que estes mensaxeiros do altermundismo nin sequera cumpren os seus principios filosóficos. A súa filosofía di “pensa en global e actúa en local“ e a súa practica é “pensa e actúa en global”. Foi precisamente estas diferenzas  a razón pola que organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm)  rexeitou formar parte da organización española (Iniciativa Comunal). Nós queriamos sumar para que se recoñecese a titularidade  veciñal, eles querían integrar  para que se diluíra a titularidade veciñal, para que nunca fose recoñecida. Volvendo a citas de Castelao poderiamos dicir aquilo de que España non nos entende.

Os representantes españois na 1ª Assembleia Europeia o redor dos comúns, tampouco aceptan que nalgúns montes veciñais, a veciñanza comuneira acade rendas dos aproveitamentos do monte veciñal,un xeito de fixar populación no medio rural. Alegan, dende posicións de non ter os pes no chán, que seria criarlle vicios individualistas ás persoas. Mais esta  contradición non hai que situala aquí. A contradición atópase entre os que defenden que o medio rural debe ser como un museo para pasar unhas agradábeis vacacións  nunha casa de turismo rural e os que defenden que o medio rural ten que ser vivo. E dicir, con populacións dedicadas a diversas actividades, e con infraestruturas e servizos  que permitan unha calidade de vida digna.  

A única conclusión que se acadou na 1ª Assembleia Europeia  o redor dos comúns, e así e todo hai que collela con pinzas dada a súa xeneralidade, confusión e inconcreción, foi o da creación dun grupo de traballo sobre os bens comúns de cara a conseguir que o Parlamento Europeo mediante unha comunicación (non vinculante, pero formal), recoñeza a importancia de estes bens comúns.

E importante que Galiza estea presente neste grupo de traballo europeo. Mais deberíase dar un paso máis se queremos que a realidade galega non se dilúa nese grupo heteroxéneo. Podería ser interesante crear un grupo de traballo galego conformado por organizacións sectoriais (A Alianza Rural Galega, por exemplo) e persoal da universidade galega. O obxectivo deste grupo de traballo galego sería a de conseguir que o Parlamento Europeo, mediante a iniciativa que tivera lugar, recoñeza a existencia da titularidade comunitaria (veciñal) en pé de igualdade cas outras dúas titularidades existentes: a pública e a privada; e que este recoñecemento se reflexe en todas normativas, resolucións, comunicacións do Parlamento Europeo. E ao mesmo tempo e dado que na Unión Europea estase a iniciar os debates de cara a reforma da Política Agraria Común(PAC) mais aló do ano 2020, fora propoñendo alternativas para que en  todos os programas de desenvolvemento rural europeo, os principais beneficiarios sexan as persoas que vivan, traballen ou xestionen o medio rural .


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña