11:59 Luns, 23 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-11-2016

Unha lectura desde hoxe e coa bagaxe da nosa experiencia do singular “poema á muller galega” de Manuel María

O meu “Poema á muller galega”

Valorar (14)

MARTA DACOSTA ALONSO



Sei que foi cando comecei afondar no pensamento creativo de Pilar Pallarés que cheguei ao libro A experiencia de ler do irlandés C.S. Lewis, un autor que talvez non é ben coñecido, mais que se dicimos que foi contemporáneo e amigo de Tolkien e autor de obras que as e os máis novos coñecen ben como As crónicas de Narnia ou O príncipe Caspian, comezamos situar. Estes días volvín a esa experiencia de ler mentres redactaba o relatorio sobre Manuel María para o Simposio que a RAG lle está a dedicar. Parafraseando a Lewis dixen que a obra literaria se materializa cando ten lectoras e lectores. Os libros, por moi escritos que estean, mentres non saen dos andeis non son literatura. Foi tamén Lewis quen afirmou que: “a nosa experiencia das obras literarias sempre levará algunha impronta dos nosos trazos persoais e dos propios da nosa época.”

Necesito partir destas palabras para que se entenda o título deste artigo e para pedir indulxencia se alguén considera que vou máis alá do que di Manuel María no “Poema á muller galega” (Remol, 1970).

Quero falar hoxe deste poema porque  neste 25 de novembro en que volvemos unha vez máis pór o foco sobre a violencia que sofren as mulleres este texto é ben acaído. Este 25 de novembro volvemos denunciar as violencias que sofren as mulleres, todas as violencias. Falamos da violencia física que culmina no feminicidio, esa lacra social que urxe erradicar. Mais antes de chegar a esa violencia física, antes de chegar ao feminicidio, consumáronse outras violencias: a violencia psicolóxica da que tamén na literatura atopamos símbolos coma a Ofelia de Hamlet, ou a violencia económica, ou a violencia social, ou, si, por que non dicilo tamén, a violencia institucional, porque non doutro xeito pode ser cualificada a actual situación que leva á desprotección das mulleres. Falamos de só dous xulgados de violencia de xénero, con tan poucos recursos e acumulando tanto atraso na resolución de conflitos que están a prexudicar gravemente ás mulleres, que acaban por ser vítimas dúas veces. Falamos dunha situación que fai que a propia titular do xulgado de Vigo teña que denunciar publicamente as condicións en que teñen que traballar ou a falta de comprensión da súa tarefa e dos padecementos das mulleres que acoden aos xulgados.

E non podo deixar de dicir que esta situación redunda na violencia económica que sofren as mulleres que dan o paso de denunciar, unha violencia que se prolonga mentres non se celebran os xuízos e mesmo unha vez celebrados, pois o maltratador desobedece aleivosamente as sentenzas.

Hoxe leo o “Poema á muller galega” coa bagaxe das lecturas da obra das mulleres, coa bagaxe do coñecemento de que somos nós, as escritoras, as que innovamos a materia literaria levando aos poemas os “materiais indignos” como lle chamou María Reimóndez, non porque ela así os considerase ela, senón porque así son considerados polo lector patriarcal (e non se tome esta frase como sinónimo de home, porque non o é), a saber: o ámbito doméstico, a experiencia da maternidade, a sexualidade feminina…; coa bagaxe que nos permite hoxe ser quen de participar en campañas que queren visibilizar a base da pirámide da violencia (refírome, por supost, a #primAcoso, esa magnífica campaña do Departamento de Igualdade do Concello de Pontevedra que acadou os 5000 comentarios, nada menos). Pois ben, lendo este poema de Manuel María con esta bagaxe, entendo que fala, xustamente, dalgún dos elementos que están na base da pirámide da violencia contra as mulleres.

“Poema á muller galega” está recollido na cuarta parte do libro Remol, a que se abre cunha cita de Noriega Varela: “Cadro conforme, amigo: hai moitas portas cerradas prá probeza…” que xa nos sitúa de maneira inequívoca ante os temas que o autor vai tratar, porque nesta parte do libro figuran entre outros poemas como “Fala calquera galego”, “Mensaxe aos emigrantes galegos”, “Falan uns campesiños aos que les expropian as terras”… Unha sucesión de xentes que son o noso país. Aí está tamen e previo ao poema do que hoxe falamos o coñecido “Acuso á clase media”. O “Poema á muller galega” iníciase cunha cita a Rosalía, “… viudas de vivos e mortos /que ninguén consolará.”, outro encadre necesario para lermos os versos.

Remol foi publicado en 1970. Os poemas que o compoñen foron escritos entre 1963 e 1968. Estamos pois ante un texto escrito hai medio século e que comeza dicindo:
É criminal, no tempo que corremos,
comparar a muller a mais a flor


se illamos estes versos estamos xa diante da base da pirámide. É verdade que os versos continúan dicindo:
cando as mulleres de Galicia
teñen que emigrar


un xeito de sinécdoque que nos vén dicir que as mulleres non son obxectos decorativos nin materia arrincada á vida para ser contemplada, son traballadoras, como despois aclara:

As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,

pasado, pobo, presente,

alma e futuro de Galicia-


Iso son: pasado, pobo, presente, alma e futuro de Galicia e, ao chegar a esa afirmación, Manuel María “estala” e diríxese aos poetas, a determinados poetas:
As mulleres galegas …
non foron cantadas

polo poetas cultos e premiados,

pechados nas súas torres de almasí:


Nótese a ironía con que se refire Manuel María á coñecida “torre de marfil” en que algúns poetas se teñen pechado esquecendo un dos cometidos centrais de quen escribe, ou suplindo a ausencia de méritos propios coa simpatía dos poderes do momento. Manuel explica por que os poetas da torre de almasí non poden cantar as mulleres galegas:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,

sonetos perfetísimos

a donas que falan en galego,

que son forza do pobo,

porque non teñen xeitos requintados,

deprendidos en colexos elegantes,

nin vestidos fermosos,

nin frases retorneadas


Mais o poema do noso poeta nacional non só queda aí. Falamos dun extenso poema, 127 versos, en que Manuel María vai derrubando un por un os tópicos da literatura romántica:
As mulleres galegas non teñen
luceiros en vez de ollos
… en vez de dentes, pérolas,
nin risas musicais cristaíñas: …
A muller galega -tomade boa nota, a ver
si o deprendedes dunha vez-
non ten a pel de lilio ou azucena, …
Tampouco ten o corpo de bimbio, …
Non ten beizos de fresa ou de coral; …
As súas orellas certamente non son
caracolas de nacre ou pétalos de rosas:

Nada diso ten a muller galega que para Manuel María
… non é dona
-tirádeo da cachola- nin a ama,
nin a raíña do fogar,
senón a compañeira fiel,
valente i amorosa
igual ó home na loita cotra a vida.

Ao tempo que desterra tópicos desvela a verdadeira muller galega, esa traballadora que
As mulleres galegas teñen
dediante da súa ollada
eidos sen labrar, …
… unha pel queimada polo sol,
… un corpo duro, resistente,
cangado polo traballo,
dobregado pola probeza,
vencido polo labourar arreo,
sen trégolas nin descanso.
… os seus beizos están pechos,
apertados pola dor i a carraxe.

O poema aínda conta cunha segunda parte, a da visibilización das mulleres nosas: Etheria, María Balteria, Rosalía, Pardo Bazán, María Pita, Concepción Arenal. El di:
Tódalas nosas mulleres son Galicia:
voz que nos chama e nos arrola,
luz que nos aluma,
amor que nos acende

E eu remato, rendéndome unha vez máis ante o poeta, que hai medio século deixou escritos estes versos e resumo a miña admiración por este poema nestes palabras que quixera pór en letras de ouro un día coma hoxe:

  … son elas as que empuñan a rabela
como quen ergue unha bandeira
pra obrigar á terra,
ó escuro terrón endurecido,
a parir o pan de cada día.




-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[30-11-2016 18:16] soledad g. Maside comentou:

Grazas Marta polo artigo. ..."son elas as que empuñan a rabela ....a parir o pan de cada día", tal as pinta Maruxa Mallo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal