02:34 Sabado, 20 de Xaneiro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-11-2016

O cinema de Ignacio Vilar significa unha aposta práctica para verificar, no eido da arte cinematográfica, que temos capacidade e moitas potencialidades, se nos responsabilizamos de nós mesmos

Sicixia

Valorar (26)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



É grato ter boas novas. Noticias que falen da nosa capacidade como pobo. Dá  satisfacción saber de obras e actividades que expresan autoestima, confianza no país, esforzo e vontade de valernos por nós mesmos en todos os ámbitos. Nunha palabra, constatar que existimos como pobo que desexa seguir sendo, acadando un nivel de conciencia e responsabilidade que desenvolva todas as nosas capacidades, en todos os aspectos.

Após o suceso, apenas hai dous anos, de A esmorga, Ignacio Vilar ofrécenos agora Sicixia. Este novo filme responde tamén ao seu empeño  por facer aquí un cinema que, por contidos, lingua, sustento empresarial, equipa técnico-artística, mereza a denominación de galego. A súa aposta, nesta ocasión, ten tres dimensións diferentes: a) a incursión, para dinamizala socialmente tamén, nunha zona do país, a Costa da Morte, emblemática por varios motivos; b) a necesidade de experimentar novas técnicas de filmación, neste caso o soporte dixital, á procura de posibilidades expresivas e comunicativas; c)  o afán por divulgar o coñecemento de Galiza dentro e fóra co recurso á mestura de cine de ficción –unha historia de amor- con cine documental.

A incursión social e institucional na Costa da Morte para filmar Sicixia seguramente está xa entre as experiencias de Ignacio Vilar máis senlleiras desde que fai cine. Teño a impresión de que logrou  unha certa comuñón colectiva das forzas sociais e políticas da comarca arredor do  seu empeño por mostrar aspectos significativos dela, revelando non só a súa idiosincrasia e fermosura,  senón tamén que a sociedade respectiva pode ser fonte de arte, como calquera outra. Sen dúbida constitúe unha forma de elevar a consideración positiva dos seus moradores sobre si mesmos, as súas posibilidades e capacidades, vérense reflectidos desta forma na pantalla. Unha concelleira, após ver o filme nun pase na Coruña, subliñaba: “Xa sabía que onde eu vivía era un lugar bonito, aínda que, estando alí todos os días, case nin nos decatamos. Mais no cine é moito  máis!”. Algo parecido pasoume a min. Impresionado pola imaxe fílmica da Virxe da Barca, vista desde o mar, pareceume algo tan fantasmagórico e perfilado todo, tan irreal, que a miña primeira reacción foi pensar que estaba perante un artificio de ordenador…Non era así: estabamos perante unha afortunada combinatoria de luz, perspectiva inusitada e siluetas naturais e arquitectónicas tan ben definidas como conxuntadas…

Sicixia é o primeiro filme de Ignacio Vilar enteiramente dixital. Aproveita, pois, unha técnica de rodaxe que permite unha ampla liberdade de movemento para o director e os técnicos, contando con menos medios, sen recurso á luz artificial e mesmo, a maior parte das veces, á maquillaxe. Foi, pois, tamén o filme unha experiencia de aprendizaxe para contar historias. Sobre todo nas partes documentais acádanse momentos de grande viveza e orixinalidade de visión e aproximación: a pesca do cerco na noite, o percorrido por lugares emblemáticos como o monte Pindo, o achegamento e observación de grupos e personaxes populares, que parecen non sentirse perante unha cámara…

Teño que recoñecer que, no momento do visionado, gostei moito máis das partes documentais que da ficción amorosa que se nos mostra. Hoxe a miña opinión está máis equilibrada. A casualidade, non o oportunismo, fixo que a fita vaia ser estreada coincidindo cunha campaña institucional contra a violencia machista, con certo impacto social. Tamén Sicixia trata da violencia contra as mulleres. Mentres seguía o filme, temín que se puider interpretar o maltrato de que é vítima a protagonista polo seu home, por manter unha relación amorosa fóra do matrimonio, como unha proba do atraso e brutalidade , en particular, da sociedade na que se desenvolve a historia. Axiña me abandonou ese temor. Nada hai, referente ás clases populares que retrata, que dea pé a tal suposición; nada hai que estabeleza a mínima relación entre o que é socialmente característico, definidor e sintomático da Costa da Morte, como algo específico e diferente, e a lacra do maltrato ás mulleres. Algunhas das máis rechamantes escenas de Sicixia teñen como protagonistas mulleres de clases populares. A protagonista ten como oficio o mergullo en procura de algas. É unha muller arrichada e destemida, con opinión e vontade propia. Gozamos vendo e escoitando, nunha especie de feira de mulleres palillando, como unha palilleira explica por que non hai homes no oficio. Gardareime a explicación. Nunca vin unha forma máis simple, eficaz e expresiva de explicalo, sendo á vez unha crítica do machismo en clave natural, nada ideolóxica. Seguimos un grupo de mulleres mariscadoras de Cabanas de Bergantiños na súa faena, mentres unha delas vai debullando as razóns que a levaron a este traballo, o que significou para a economía familiar e para ela como persoa. Resulta un manifesto a prol da independencia económica da muller casada e da súa dignidade…Noutra orde de cousas, acompañamos á equipa técnica do filme na subida ao Monte Pindo. Alén de ser compensados cunha imaxe inusitada desde o  seu cumio, acode a idea de canto descoñecemos do país e de nós mesmos, e seguramente canto descoñecen os propios veciños moradores da súa comarca e do seu país.

Anímovos, pois, a ver Sicixia. Necesitamos tanto mirar para nós mesmos!. Escoitarnos.  Tamén como falamos. Por certo, a gheada que aparece na boca de mariñeiros, palilleiras ou mariscadoras é escasa, sutil e suave. Non é unha impostura da moda, aínda tendo presente que, para min, a súa orixe non sexa endóxena nin benéfica. Necesitamos saber que pensamos da vida, da nosa vida.  A mestura de resignación e espírito crítico que paira nas palabras dos homes e mulleres populares da Costa da Morte que vemos e escoitamos incítanos a acreditar en que somos un pobo que podemos, debemos e merecemos rectificar a nosa historia. O cinema de Ignacio Vilar significa unha aposta práctica para verificar, no eido da arte cinematográfica, que temos capacidade e moitas potencialidades, se nos responsabilizamos de nós mesmos.



-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal