04:57 Luns, 14 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-11-2016

Parece conveniente recuperarmos esas expresións e proverbios para avanzarmos nun bo modelo lingüístico, no cal ten de ter representatividade esa sorte de textos sentenciais

A fraseoloxía, o refraneiro tradicional e calidade da lingua

Valorar (18)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Entre as diversas tipoloxías de interferencias na terminoloxía clásica de Wenreich que se producen como produto do contacto de linguas, leva sendo costume diferenciar, para o caso do galego, aquelas vinculadas á descrición das partes da gramática máis ou menos convencionais. Así, fálase habitualmente de interferencias fonéticas e fonolóxicas, morfolóxicas, sintácticas, lexicais, semánticas etc. Ultimamente tamén se teñen en consideración aquelas influencias de carácter textual ou discursivo, en que é fácil identificarmos a orixe no español de certos marcadores do discurso, como acontece cos exemplos de *bueno ou *boeno, *é dicir, *vale etc., moitos deles até con exemplificacións literarias nos textos contemporáneos. Unha lingua de calidade, seguindo unha das ideas centrais contidas nos traballos editados na recente obra colectiva Modelos de lingua e compromiso (2014), debe tentar fuxir de todas esas influencias alleas e potenciar un tipo de expresión oral e escrita afastado de desnaturalizacións desnecesarias, asentado na tradición popular galego-portuguesa e propositadamente consciente da importancia da aproximación á varidade lusitana do idioma.

Outro tipo de interferencias, porén, leva protagonizando albos de reflexión nun segundo plano, o que non implica que igualmente se non teñan de coidar eses ámbitos da lingua. Estamos a nos referir aos textos paremiolóxicos (ditos, proverbios, refráns, sentenzas tradicionais etc.), que son esas modalidades textuais que transmiten algún tipo de saber enormemente vinculado á cultura popular, ás tradicións e á historia dun pobo. Por que hai que dicir en galego *De tal pau tal estela, ou outras adaptacións similares, ou mesmo a expresión directamente tomada do español *De tal palo tal astilla, cando existe xa, polo menos desde o século XVI, un fermoso equivalente na fórmula De tal niño tal paxariño? Cal é a razon de que haxa que responder á pregunta –Pódese pasar? cunha resposta do tipo *–Até á cociña!, cando, non hai moito tempo, era ben máis común que hoxe en día o seguinte formulamento: –Pódese pasar? –Até á pedra do lar!? Ou cal é o motivo de termos de recorrer a un híbrido do tipo *O que con uns se perde con outros se gaña, habendo un texto tan significado como O perder moitas veces é gañar? E, dada a pluviosidade nesta parte do mundo, quizais tamén non faga moito sentido na Galiza un refrán como En abril, augas mil, aínda que si pode resultar máis adecuado para os áridos territorios do centro da península ibérica, como sinala Germán Conde Tarrio no seu Diccionario de refráns (2001).

Moitos dos refráns e ditos populares teñen atestación na nosa lingua máis de cinco séculos. A primeira compilación de enunciados desta índole en que se inclúen textos en galego data do ano 1555 e é debida ao comendador Hernán Núñez, intitulada Refranes, o proverbios en romance, que nuevamente colligiò y glossò el Comendador Hernan Nuñez, Professor eminentissimo de Rhetorica, y Griego, en Salamanca, cuxos textos galegos, aínda que publicados hai ben tempo en senllos traballos por Manuel Murguía e Fermín Bouza Brei, foron editados máis recentemente por Santiago Alfonso López Navia (1991). Mais o interese na Galiza por tales manifestacións lingüístico-literarias parte, como noutros asuntos referidos ao idioma e á defesa e reivindicación del, do P. Martiño Sarmiento (1695-1772), que no século XVIII compilou, xunto a diferentes cantares tradicionais, algúns exemplos de textos paremiolóxicos. Durante o Rexurdimento, autores como Juan Antonio Saco Arce (1835-1881), José Pérez Ballesteros (1833-1918) ou o xa referido Manuel Murguía (1833-1823) continuaron a liña do frade e, xa cunha maior sistematicidade, tamén se dedicaron á colección e estudo de refráns e proverbios de extracción tradicional. Nos primordios do século XX, coas Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos ou o Grupo Nós, continuouse a colixir este tipo de enunciados; lembremos neste sentido a obra de Antonio Noriega Varela Como falan os brañegos (1928), subtitulada Locuciós, frases, modos adverbiales, unha leria prós rapaciños, refrás, cantares i adiviñanzas. A partir de aquí, os hiatos derivados do golpe militar fascista de 1936 e subsecuente Guerra Civil, impediron continuar a colixir esta tipoloxía de textos, de forma que houbo que retomar tales tarefas xa na segunda metade da centuria. Na actualidade existen varios dicionarios especializados (cal é o caso dos Refráns e ditos populares galegos, de F. Zamora Mosquera, 1972; Dicionario fraseolóxico galego, de R. A. Martínez Seixo, 2000;  Diccionario de refráns, de G. Conde Tarrio, 2001; Dicionario fraseolóxico do mar, de P. Rivas, 2005; Dicionario de fraseoloxia galega, de C. López Taboada e M. A. Soto Arias, 2008; etc) e periodicamente saen do prelo os Cadernos de Fraseoloxía Galega, os cales, desde o ano 2000, se ocupan regularmente da edición e análise de refráns e sentenzas de tal natureza, non só para o galego, mais tamén para outras linguas próximas.

Como acontece con outras manifestacións de literatura tradicional, decoñécese con exactitude o número de textos que enforman nesta ocasión os coñecidos como paremiolóxicos no galego, aínda que se sabe que constitúe unha cifra certamente elevada. No caso dos refráns, por exemplo, calcúlase que andan á volta duns 80.000, moito embora sexa imposíbel dar unha cifra exacta. Algúns deses enunciados son marcadamente locais, segundo exemplifica a sentenza Aínda que ben che vaia, non comas raia, que, polo tipo de expresión, só pode provir de zonas mariñeiras, ao paso que outros, do punto de vista da variación lingüística, permiten vermos certa sorte de adscrición dialectal; así, por exemplo, o fermoso e máis xenérico Máis vale coello no prato que cento no mato coñece unha variante na Galiza atlántica enunciada como Máis vale coello na man que cento no chan, a cal, por súa vez, corresponde á fórmula dos territorios do interior Mais vale coello na mao que cento no chao.

Por outro lado, os trazos lingüísticos deste tipo de textos (unha notábel fixación morfosintáctica, unha forte tendencia ao conservadorismo vocabular etc.) tamén abren a porta para o estudo do punto de vista sintáctico e lexical. Así as cousas, a sintaxe nin sempre condí coa máis xeral; non é necesario, por exemplo, dicir a quen nin o que se dá ou se pide na expresión Mellor dar que pedir, en que os infinitivos se achan próximos da substantivación (o que noutros contextos en que aparecen ambos os verbos si que é absolutamente obrigatorio: confróntese, por exemplo, unha frase do tipo *Dei(lle) ao teu amigo, en que falta o elemento actancial que se entrega). O léxico, por súa vez, dá mostras dunha estreitísima relación con labores oficios tradicionais vinculados con frecuencia ao mundo rural, o que os converte nunha moito útil ferramenta para nos aproximarnos, ás veces, doutros estadios da lingua: repárese, poñamos por caso, nos casos de mato ou lar, aparecidos máis arriba, hoxe ben menos utilizados na oralidade común do que equivalentes como monte ou cociña, ou pénsese no emprego da palabra coita ou cuita, actualmente un verdadeiro arcaísmo, documentada no refrán A cuita fai a vella bailar.

Noutra orde de cousas, o coñecemento e dominio desta tipoloxía de expresións sentenciais coadxuva tamén no uso dunha lingua de calidade, embora non sen algún matiz de claro contraste: xeralmente, estas expresións costuman ser utilizadas con acerto por persoas idosas que empregan un galego bastante bastante españolizado, ao paso que  xente máis nova, con formación académica e con bo uso do idioma, adoita utilizalas con menos adecuación. Convén subliñarmos, outrosí, que o saber popular nelas acumulado xeración tras xeración favorece de vez mergullarmos na sabedoría tradicional, ao tempo que fai que as persoas galegofalantes que as empregan atinadamente constitúan elos de unión coa visión da lingua como produto histórico-cultural. É certo, porén, que se non debe abusar delas como mostra de autoctonía lingüística, pois a súa constante recorrencia, ao paso que dá sintomas evidentes do rexistro de lingua popular e coloquial en que son frecuentes, pode empobrecer a expresión noutro tipo de contextos. Mais, retomando o dito máis acima, non hai necesidade ningunha de empregarmos interferencias ou hibridacións no caso de termos de utilizar este tipo de enunciados paremiolóxicos.

En conclusión, parece conveniente recuperarmos esas expresións e proverbios para avanzarmos nun bo modelo lingüístico, no cal ten de ter representatividade esa sorte de textos sentenciais. Así, a nosa praxe lingüística virará máis harmónica coa vontade de utilizarmos unha lingua sen interferencias, mesmo tamén no refraneiro e fraseoloxía tradicionais.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña