Semella que Venezuela entra nun novo período no que se combinan a creación de mesas de diálogo entre o goberno e a oposición cunha actuación desta última nas rúas que semella ter como obxectivo estratéxico quentar o ambiente e sobre todo quentar as rúas, buscando facer real esa imaxe virtual de desgoberno, situación límite, etc... que desde hai anos transmiten os medios de comunicación nacionais e internacionais.
O pasado xoves houbo un paro patronal convocado pola oposición que tivo un importante seguimento aínda que moito menor do anunciado previamente polos convocantes, proba disto é que non se atreveron a dar cifras de participantes na mobilización. E para dentro de dous días está anunciada unha multitudinaria marcha opositora sobre o palacio de Miraflores (sede da presidencia da república) solicitando a destitución de Nicolás Maduro. E no momento de publicación deste artigo non sabemos se o inicio do diálogo levou á oposición a mudar a súa estratexia e desconvocar esta mobilización.
Nesta nova etapa temos comprobado o finas que son as liñas que separan á oposición radical e violenta, que representarían María Corina Machado e Leopoldo López e a supostamente moderada e pacífica representada por Henrique Capriles; este último tiña anunciado que a oposición non ía participar na reunión co goberno que se celebrou este domingo na illa Margarita baixo a mediación da UNASUR e do Vaticano; e oo pouco de facer ese anuncio el mesmo desdíxose, pode que debido a un rápido proceso de reflexión ou á chamada de algún dos asesores dos servizos de intelixencia norteamericanos.
O inicio do proceso de diálogo , chegue ou non a bo termo, xa de por si é un trunfo para o goberno bolivariano, dado que nos últimos meses foron múltiples as ocasións nas que Nicolás Maduro ou outros dirixentes chavistas teñen manifestado disposición a sentarse arredor dunha mesa con dirixentes da oposición, co obxectivo de reducir a tensión política e o enfrontamento social hoxe existentes no país.
É aínda cedo para tirar calquera tipo de conclusión pero o nerviosismo da oposición é claro, e até o momento non ten sido capaz de tirar proveito suficiente da maioría parlamentar coa que desde decembro de 2015 conta na Asemblea Nacional. Unha oposición que, no que parece unha saída á desesperada, o pasado día 23 de outubro adoptou un Acordo chamado “para la restitución da orde constitucional en Venezuela” que manifesta a intención de abrirlle un xuízo político a Nicolas Maduro, no que moitos ven un intento de levar a cabo un golpe institucional semellante ao que destituíu a Dilma Rousseff no Brasil.
Por contra no bando chavista, semella ter mellorando a situación despois de meses de despiste mentres non daban asumido a nova situación institucional cunha Asemblea Nacional controlada pola oposición.
Os problemas de desabastecemento, real ou provocado, de algúns produtos semellan terse reducido, o apoio nas mobilizacións convocadas ten aumentado e a situación económica xeral tende a mellorar sendo as perspectivas para o 2017 máis optimistas. De confirmarse, a previsión de subida do prezo do petróleo suporía un aumento de ingresos nun país que mantén unha case total dependencia económica do petróleo.
Nas vindeiras semanas asistiremos á evolución dos acontecementos e poderemos comprobar tamén como nolos presentan uns medios de comunicación do sistema moi interesados en facernos ver unha Venezuela que ten pouco a ver coa Venezuela real.
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.