00:37 Domingo, 25 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-10-2016

É como repartir diñeiro às crianzas famélicas da África coa condición de que o gasten exclusivamente en lambetadas

InterRail "gratuíto": Cando a demagoxía propagandística sae moi cara

Valorar (50)

ROBERT NEAL BAXTER



Desde que os súbditos da súa Graciosa Maxestade votaron o pasado mes de xuño a favor de saír da Unión €uropea, proceso que debería culminar no 2019, as reaccións que chegan desde Bruxelas non cesan. Europa, una, grande y libre, está en perigo! Cada vez hai máis xente que non acredita no modelo sobre o que se alicerza, e non só polas razóns xenófobas das que se fan interesadamente eco os medios de desinformación, mais tamén por rexeitaren o neoliberalismo e o imperialismo que representa, cómplice das guerras responsábeis da afluencia de persoas refuxiadas que serve de pretexto para a vaga de racismo que asolaga impunemente moitos dos seus estados membros.

Face à esta ameaza interna e nunha tentativa desesperada de deter a hemorraxía que suporía o risco dun posíbel efeito dominó, a Unión anda à procura de remendos preventivos para convencer os seus súbditos dos beneficios de pertenceren a esta institución que brilla polo seu recoñecido déficit democrático, destina €194.000 millóns a gastos militares e dedica outros 6 millóns cada mes ao salario bruto d@s 751 eurodeputad@s, por non falar do aumento imparábel do diñeiro que consumen as axencias e comisións máis ou menos opacas de todo tipo.

Así, coincidindo co anuncio de que Podemos vai abandonar o populismo, o eurodeputado alemán Manfred Weber, membro do direitoso Grupo do Partido Popular Europeo e defensor da política reaccionaria do goberno húngaro en materia de refuxiad@s, non dubida en subir ao mesmo carro populista ao desvelar a súa proposta demagóxica de regalar un bono de InterRail a tod@s @s moz@s da U€ cando fagan os 18 anos. A intención é clarisimamente propagandística, tal como recollen as súas proprias palabras: “Temos que facer que a xente nova volva sentir entusiasmo [para coa U€]. [Esta iniciativa] podería tornarse un verdadeiro proxecto faro para o desenvolvemento dunha identidade europea común dentro da diversidade”. Que sexa ou non eficaz non significa que deixe de ser simples propaganda.

Persoalmente, resúltame indignante e insultante contemplar a posibilidade de ‘regalar’ uns 500 euros a cada moza e a cada mozo da Galiza, d@s cais 44% non teñen traballo nen, portanto, recursos propios para se sustentaren, para que os gasten única e exclusivamente en viaxar por Europa, sabendo que, moi probabelmente, máis cedo ou máis tarde, moitos del@s acabarán comprando un billete de só ida de todos modos pola falta de traballo –xa nen digamos digno– no País. É como repartir diñeiro às crianzas famélicas da África coa condición de que o gasten exclusivamente en lambetadas.

Que fácil resulta ser xeneroso co diñeiro d@s outr@s! E é que, por moito que o poida parecer, non se trata de bonos propriamente ‘gratuítos’, xa que é do peto d@s contribuíntes que sairá o total estimado de 1.500 millóns de euros que se precisan para pór este xigantesco despropósito en marcha, isto é, o equivalente a case a sexta parte do orzamento total da Xunta da Galiza.

Será que non hai outras prioridades máis urxentes. Ou talvez si... A bote pronto ocórrenseme unha plétora de temas de maior transcendencia que cumpriría combater urxentemente: o analfabetismo funcional que atinxe un/ha de cada 15 rapazas/es e que leva a que haxa 75 millóns de europe@s moi pouco cualificad@s segundo un informe da propria UE; a pobreza infantil e a exclusión social en que están sumidos uns 27 millóns de persoas, ou case 30% das menores de 18; o alarmante aumento do maltrato mental, físico, sexual e económico das persoas maiores; a negación ou restrición dos direitos reprodutivos das mulleres en moitos países da Unión (Polonia, Malta, Irlanda...) onde está prohibido o aborto libre e gratuíto, polo que se expón milleiros de mulleres a abortos clandestinos inseguros e gravideces non desexadas en adolescentes; o terrorismo patronal que mata sob a forma da sinistralidade laboral, estreitamente ligado à precariedade e à temporalidade; a pandemia de homofobía, lesbofobía e transfobía; o crecemento exponencial da estrema direita organizada política e institucionalmente e o racismo. Con efeito, à vista do vídeo publicitario oficial que busca promover o expansionismo (oficialmente, ‘alongamento’) europeo, paira a dúbida de se a xenofobía non é, de facto, un elemento consubstancial a unha U€ branca e unida frente à ameaza dos perigos amarelo, negro e musulmán.

A modo de comparación coa desorbitada cantidade que suporía executar o proxecto do InterRail ‘gratuíto’ no caso de que for aprobado, centrémonos un momento no flaxelo extremadamente grave e estendido que é a violencia de xénero. Segundo cifras da propria U€ a violencia machista afecta 3,7 millóns de mulleres, unha de cada 20 sufriron violacións desde os 15 anos de idade e máis da metade evitan determinados lugares ou situacións por medo a agresións físicas ou sexuais. Porén, mesmo no marco do obxectivo de combater a pandemia de terrorismo machista propriamente dito, a Unión €uropea destina tan só 21 millóns de euros à Axencia dos Direitos Fundamentais –un miserábel 0,014% do custo da iniciativa do InterRail– para a elaboración de informes acerca da violencia contra as mulleres, entre moitas outras cousas.

Ao mesmo tempo que non dubida en practicar a inxerencia económica nos estados membros exixindo o ‘cumprimento do déficit’, a U€ vira as costas à maioría destas cuestións sociais que, ao parecer, nen son da súa competencia, nen do seu interese. Todo indica que a U€ ten moi claras as súas prioridades, e facer proselitismo co obxecto de gañar adeptos incondicionais vén sendo esencial para garantir a súa sobrevivencia e lexitimar as súas accións. E se non se gasta –mellor dito, se non se ‘inviste’– nestas cuestións sociais de máxima urxencia, non é precisamente por falta de medios económicos, pois, a modo dun Goebbels neoliberal cun orzamento case ilimitado ao seu dispor, a U€ ten por norma desbaldir cantidades inxentes de diñeiro en propaganda. Así, segundo un informe publicado polo grupo euroescéptico Business for Britain, en 2014 a U€ gastou 664 millóns de euros en ‘publicidade e comunicación’ –léase propaganda e autopromoción–, incluído un cómic para os centros educativos e un vídeo para explicar os ‘beneficios’ do TTIP.

En definitiva, por moi ‘guai’ que poida parecer à primeira vista promover a mobilidade ociosa –a forzosa xa virá despois–, trátase, en realidade, dun embuste vergoñento por parte dos señores de gravata azul e traxe escuro que se mofan dos millóns de persoas que padecen situacións vivenciais verdadeiramente dramáticas dentro das fronteiras cada vez máis impermeábeis da U€, pois o único que se pretende é unha lavaxe de cérebro masiva da poboación que implica dilapidar aínda máis diñeiro público.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


[06-11-2016 11:19] Xoán B. Mariño comentou:

Ben falado!Clarificador artigo sobre os intereses da "U€" que denomina Neal Baxter. O simil -das chuches!   - recórdame agora que leo algo da I.M. ás moedas que lanzaban certos nobres desde os balcóns aos seus subditos: sempre o cume da Pirámide Feudal aguantado pola opresión que soportan os Pobos escravizados.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal