03:01 Venres, 20 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-10-2016

A comezos da década de 1990 un peregrino no camiño a Fisterra e Muxía era unha cousa rara, algo que chamaba a atención

Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía: o perigo do éxito

Valorar (3)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



Hai vinte anos que comecei andar este camiño. Non me movían motivos espirituais, si coñecer a Terra e camiñar na súa defensa. Empecei andar o camiño despois de ver como algúns alcaldes o reivindicaban e, ao día seguinte, ver na prensa denuncias pola súa destrución. Hoxe o perigo é a masificación.

Moitas cousas teñen pasado, moitas cousas teñen cambiado nestes últimos anos. A comezos da década de 1990 un peregrino no camiño a Fisterra e Muxía era unha cousa rara, algo que chamaba a atención. Sería o ano 2000 cando atravesando o lugar de Vilaserío (Negreira) unha velliña preguntounos a onde íamos. Cando lle dixemos que a Fisterra e viu que seguíamos adiante, berrou “ah tuliños, tuliños, en Fisterra non hai nada que ver, non hai máis que agua”. Non só estaba expresando un sentimento ancestral da sociedade rural, o medo ou respecto ao mar, algo que tamén recolleu o Padre Fontes no Barroso portugués, senón constatando unha realidade para ela novidosa e mesmo rara.

Hoxe o raro sería non ver un peregrino deambulando por Negreira, Vilaserío ou Olveiroa, e xa non digamos por Fisterra. E non había peregrinos porque o camiño, como ruta de peregrinación, quedara no esquecemento, non era unha necesidade a consumir.

En algo máis de quince anos pasamos de non ter ningún albergue a ter seis públicos e un cento de privados, podendo contalos por ducias: case unha ducia en Negreira, máis da ducia en Fisterra, media ducia en Muxía, e varios en Cee As Maroñas, Olveiroa, Hospital, Lires, Ozón, sen mencionar os que aparecen e desaparecen. Pasamos da nada á saturación e á captura desesperada do peregrino. Pasamos de expresións de “vós só traedes mochileiros, só traedes merda”, a colocar na porta do mesmo bar un cartel que anuncia “menú del peregrino”. Na baixada cara á Ponte Maceira atopamos en cada poste ou árbore máis dun cartel anunciando albergues, bares, masaxes, etc. Todo é un continuo anuncio, até se anuncia o tamaño do bocadillo: “bocadillo 40 cm a 3,50€ “.

Xa deixamos de ser unha Galicia labrega, xa non hai labregos, hai algún granxeiro con impoñentes tractores. Coa desaparición do mundo agrario e do mariñeiro desaparece unha forma de vida secular que tiña no sector primario non só a súa principal fonte de ingresos e subsistencia, senón todo un xeito de entender o mundo, toda unha cosmovisión que configuraba un xeito de relacionarse que daba sentido á vida. Pero isto esfarelouse.

Había que buscar novos usos e novas expectativas para a xente que vivía dese sector. Impuxeron un novo deseño para unha paisaxe histórica no que a pesca e a agricultura xa non estan pensadas para soster a esa sociedade. Neste contexto, de adaptación a un marco económico global, fomentouse o abandono da agricultura e da pesca, incitando a camiñar cara ao sector terciario: todos camareiros. E como noutros contextos xeográficos, un lugar convértese en sitio atractivo para ser visitado cando deixa de ser un lugar bo para vivir e os seus habitantes teñen que marchar.

Aquí aparece o camiño como unha mostra do patrimonio cultural das terras que configuran o territorio da Costa da Morte, un patrimonio para ser utilizado como un recurso turístico. Moitas veces parece que non hai máis neste territorio, todo é camiño de Santiago. Pero, aquí, o outro patrimonio debería ter un papel destacado, e a paisaxe, o soporte físico dos valores culturais, da memoria, tería que ter un papel primordial, e entender o camiño como un elemento máis dese territorio e non como algo excepcional e que sobrepasa ao demais. Porque o camiño atravesa un territorio e o territorio é unha construciónhistórica. Agora se presenta ao camiño como unha autoestrada que pasa por unha paisaxe baleira de referencias, unha paisaxe que lle é allea, algo así como un non lugar e tan propio da posmodernidade.

A historia do ser humano e a da paisaxe foron tecidas conxuntamente. Bórrase a memoria para potenciar unha sociedade amnésica e manipulable. O patrimonio etnográfico, o patrimonio do cotiá, non se trata. De aí veñen actuacións que serven para poñen bonito un sitio, pero non mostran o que somos nin como fomos. Todo é camiño, non hai máis, nunca fomos o que fomos.

Convén non esquecer que o camiño é o que está sinalado e agardando a ser delimitado. E a delimitación é definir os soportes físicos dos valores culturais, cousa que non se está facendo, nin hai moito interese en facelo desde as diversas administracións. Canto máis tarde mellor, temos mans libres para facer unha vía rápida.

A pregunta a facer é se o peregrino está funcionando como unha axuda a un desenvolvemento rexenerativo que cualifique o territorio conforme ao sentido cultural dos seus habitantes. Estamos recargando a vella paisaxe con novos significados en comuñón cunha tradición? Ou estamos importando modelos, tanto na súa dimensión instrumental como estética, que xa fracasaron para converter o camiño nun “territorio turístico” de consumo rápido, nun produto case que de usar e tirar, e non como un lugar producido pola historia, como unha suma de natureza e interacción histórica do ser humano para facelo paisaxe.

Máis preguntas: O medre en número, as cifras sempre maiores este ano que o anterior, é a única forma posible de contribución ao desenvolvemento local?

As veces un ten a sensación de que todo está ligado co culto xacobeo. Atopamos vieiras decorando moitas construcións, colgadas de portas, portais e  portais que colgan da nube, slogans nos que sempre aparece a palabra camiño. Pero, todo o noso proceso histórico e de construción cultural xirou sobre o tema da peregrinación a Compostela? Algo tería que ver, pero había máis vida e vida normal, do cotiá, do traballo para vivir. Pero hoxe temos que preguntarnos se hai posibilidades de vida fóra do camiño e a que nos dedicábamos cando o camiño non era o que é, ou preguntarnos a que nos dedicaremos cando os peregrinos deixen de vir porque non ven no camiño xa un ben a consumir. Entendo neste punto que o camiño tiña que servir para mostrar ese outro patrimonio que nos trouxo até aquí. Mostrarllo é facelo presente tamén para nós, valoralo e ser nós.

Esta potenciación do camiño pódese entender como un camiñar cara ao monocultivo, e sabemos dos riscos dos monocultivos, dos vaivéns dunha economía centrada non único produto. A peregrinación estase convertendo no elemento dominante en moitas vilas, algo que está redebuxando a súa vida e a súa estética urbana e a súa economía. Pero é capaz de soster unha sociedade como sostivo a pesca ou a agricultura?

Por suposto que hai cambios que son interesantes, lugares que tomaron novo impulso coa chegada dos peregrinos. Hai está Olveiroa coa súa renovada faciana; aí está Vilaserío tomando novos aires e aí está Fisterra chea de xente de todos os lados, e Muxía. Os hostaleiros destas dúas vilas xa non agardan a que cheguen os mariñeiros do mar para facer caixa, agardan polos peregrinos. Pero en Vilaserío aínda hai memoria de cando era un centro comercial importante, cando había varias tabernas, feira, consultaban dous médicos, había comercio de material de construción e había corenta veciños. Hoxe non chegan á ducia.

Pero hai actuacións que podían ser mellorables. Algunhas van contra un dos principios do camiño de peregrinación, como é preservar as vellas trazas e non posibilitar o paso de vehículos a motor, pero algunhas actuacións levaron os vehículos a onde nunca antes pasaran. E non era unha necesidade imperante de facilitar a comunicación a un núcleo illado. Son intervencións sen unha planificación clara, ou non.

O camiño pasa e nós miramos como pasa.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña