08:09 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-10-2016

A máquina, pois, observándonos, controlándonos, cando o lóxico sería que fósemos nós quen a controlásemos a ela, aproveitando así os servizos que nos pode dar

Caótico

Valorar (7)

LOIS DIÉGUEZ



Teimando con forza, unha locutora dunha televisión comentaba, despois de poñer un vídeo no que se facía unha enquisa sobre temas económicos, que non daba crido que a maioría dos e das que contestaban, non soubesen o que era o PIB nen o IPC. Coma sempre, serviu iso para encher horas de escándalo nos noticieiros e programas. Mais é certo, o dato non deixa de ser preocupante, aínda que a min non me causa sorpresa.

É apropiada a noticia para ir un pouco máis aló e observar como é o noso comportamento colectivo nos diversos temas que a vida social pon diante de nós cada día. Na comunicación entre as persoas nese xesto puntual de camiñar pola rúa. Cos ollos metidos nese fantástico aparato que é o móbil, sen mirar para ninguén ao se cruzar e afastándose nun último segundo para atallar o choque. Hai uns días observei como un mozo que levaba un coche cun bebé polo carril-bici ía facendo tres cousas ao mesmo tempo: levar a nena, chatear polo móbil e, claro, aproveitar para o footing. Parecida escena foi a dunha rapaza con carriño e bebé cruzando por un paso de cebra co semáforo en vermello.

A parella que arredor dunha mesa mira cada un deles para o aparato e xoga con el, pechados no seu mundo exclusivo  é fotografía xa xeneralizada. A máquina, pois, observándonos, controlándonos, cando o lóxico sería que fósemos nós quen a controlásemos a ela, aproveitando así os servizos que nos pode dar. A máquina utilizada para beneficio duns poucos e tamén para apamparnos, para, precisamente, allearnos. Quen, ao pasar pola peaxe dunha autopista, vai disposto a gardar cola para que o pago sexa manual e non mecánico, loitando así pola defensa dos postos de traballo? Por que cedemos con tanta facilidade diante do que nos impoñen?

O móbil, pois, que se apoderou até da nosa intimidade, e que case ninguén domina totalmente porque non fomos preparados para este tipo de aparellos. Un equivoco na súa manipulación, ou un mal uso, pode significar uns céntimos de sobrecusto, ou uns euros, e dicimos: ben, pero é pouco. O que non pensamos é que iso significan millóns de euros para unha empresa, pois somos millóns de persoas quen nos equivocamos. Subvencionamos, polo tanto, aos máis ricos, aos máis poderosos.

Mais a máquina, destrutora sen límite do noso dereito ao traballo e á comunicación, ao sorriso e á palabra,  leva a outro tipo de educación, de cultura. Ao meternos en nós, no individuo, obriga a que o trato cos demais sexa diferente ao que sempre tivemos. Basten dous exemplos: se entramos na sala de espera dun centro de saúde, ou noutro lugar público, e saudamos co bos días, ninguén contestará. Se, ocupada a beirarrúa por onde imos, cun grupo de xente que está a falar a berros e pedimos permiso para pasar, ou non nos escoitan ou, se o fan, seguramente teremos que aturar miradas de asasino. Por non falar xa dos paquetes de merda de can que temos que sortear arreo.

E máis aló do que dicimos, a conclusión faise, realmente de calafrío. O control, aproveitando o avance técnico preparado para quitarnos os poucos cartos que podemos ter, vai chegando ao absoluto. Porque imos perdendo as capacidades humanas que nos diferencian dos animais. Perdemos a comunicación, a liberdade de poder pensar e definir obxectivos claros, a necesarísima solidariedade para avanzar colectivamente, a confianza en nós mesmos, pois ante estes avances rápidos e dificilmente asimilábeis acabaremos pillando ese complexo de considerármonos torpes e anticuados, non modernos e astutos como as leis do capitalismo nos piden arreo. Quen se preocupa da formación nosa para dominar e defendernos dos abusos dese avance técnico?

Escandalizábase, pois, a locutora da televisión da que falaba ao principio. Mais ela mesma debería tirar conclusións das razóns que hai para que sexamos, mesmo, ignorantes. E podía pensar que este caos ha ter unha preocupación para solucionalo. E esa preocupación corresponde, obviamente, aos parlamentos e gobernos, aprobando medidas concretas que o batallen. Un enorme programa de medidas que volvan ao ser humano a capacidade de ser libre  e non servo, a capacidade de enfrontar os inimigos que se queren aproveitar del até espremer non só o peto, senón tamén os miolos. E máis aló diso: posto que os medios de comunicación son hoxe, realmente, o instrumento básico da nosa educación, sería de lei que mudasen tantas horas de chismorreos e banalidades, de sometemento á cultura norteamericana,  por programas máis axeitados ás necesidades propias. Tamén isto tería que ser regulado. Polo beneficio colectivo ao que din server.  

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña