02:08 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-10-2016

O Goberno do PP prefire investir os cartos de todos nós na industria empresarial de apagar os lumes a tomar as medidas preventivas

As axudas da Xunta para a limpeza dos bosques

Valorar (8)

EDUARDO ÁLVAREZ



O día 12 do pasado mes de setembro, xa en plena campaña electoral, a Consellaría de Medio Rural publicou no DOG o anuncio polo que se resolven as axudas convocadas para a limpeza de bosques de coníferas e de caducifolias. Estas axudas, destinadas tanto a particulares como a comunidades de montes, empresas e outras persoas xurídicas, teñen como finalidade realizar traballos de rozas, rareos e podas das árbores para contribuír á mellora da masa forestal e evitar os incendios.

Inicialmente, a convocatoria destas axudas fora publicada no DOG do día 30 de decembro de 2015 con tal número de incongruencias que resultaba imposíbel poder entender o seu contido e mesmo cumprimentar os formularios que se achegaban por non axustárense ás bases do seu articulado. Un mes despois, no DOG do día 29 de xaneiro de 2016 publícase unha denominada corrección de erros que vén sendo en realidade unha nova Orde, de contido diferente á que se publicara o día 30 de decembro anterior, cando xa estaba a piques de rematar o prazo que se fixara. Agora prorrógase este un mes máis, isto é, até o día 1 de marzo de 2016.

Se o comezo deste procedemento administrativo foi xa anómalo, no seu desenvolvemento e remate proseguiron as anomalías: Indícase que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no DOG. Isto é, o día 30 de xuño tiñan que estar concedidas e notificadas as resolucións. Sucedeu isto con dous meses e medio de demora, o día 12 de setembro de 2016, xustamente cando estaba rematando o verán e cando chegaron as primeiras chuvias e se extinguiran os incendios. Coa demora na resolución, ademais de incumprir a Administración os compromisos que ela mesma se fixara na convocatoria, transcorreu un tempo que debera ser empregado en realizar os traballos de limpeza dos montes antes de que nos meses do verán fosen pasto dos lumes. Alén disto, o período de execución destes traballos queda reducido agora aos meses de outubro, novembro e algúns días de decembro, pois as xustificacións dos gastos, para que computen nesta anualidade do 2016, teñen que facturarse antes de que remate este exercicio económico.

O crédito co que se conta para este cometido na correspondente partida orzamentaria ascende a 15 millóns de euros. Deles, 11 millóns estaban destinados aos bosques de coníferas e os catro restantes, aos de caducifolias. Desta suma, o 75 por cento procede da Unión Europea por medio do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galiza para o setenario 2014-2020, e a Xunta achega o 25 por cento restante. Isto é dos 15 millóns do crédito orzamentado, a Unión Europea pon 11.250.000 e a Xunta tan só 3.750.000.

Pois ben, analizadas as concesións destas axudas unha por unha tal e como figuran no anuncio publicado no DOG, resulta que o 20 por cento deste importe ficou sen adxudicar:

TOTAL DE CRÉDITO                        15.000.000,00      100 %
AXUDAS CONCEDIDAS                     11.993.694,63    79,96 %
REMANENTE SEN CONCEDER               3.006.305,37    20,04 %

A esta convocatoria presentáronse exactamente 1.029 solicitudes, das cales máis da metade foron denegadas segundo se recolle no seguinte cadro:

Total de SOLICITANTES                                     1.029        100%  
Concedidas para limpeza e poda de coníferas        335    
Concedidas para caducifolias                                107    
TOTAL CONCEDIDAS                                            442      42,95%  
Total DENEGADAS                                                587      57,05%

En moitos casos, os motivos da desestimación son de tipo formal como “solicitude mal cuberta, faltan datos de superficie, datos incorrectos na referencia do SIXPAC”… incumprindo o seu deber a Administración de concederlles aos concorrentes un prazo de dez días para subsanaren as solicitudes como se contempla no artigo 71 da Lei 30/1992, de procedemento administrativo.

Se analizamos a distribución das axudas concedidas por provincias para limpeza de poda de bosques de coníferas, comprobamos o seguinte resultado:

LIMPEZA E PODA DE CONÍFERAS. IMPORTE DAS AXUDAS POR PROVINCIAS EN EUROS E PORCENTAXES
 
A CORUÑA                                 763.060,78         8,11%  
LUGO                                     2.058.693,18        21,87% 
OURENSE                                4.351.765,09        46,22%  
PONTEVEDRA                           2.240.822,25        23,80%
TOTAL                                    9.414.341,30      100,00%

Isto é, case a metade do crédito desta partida orzamentaria, o 46,22 por cento exactamente, concédese para o coidado dos bosques da provincia de Ourense. Contrasta este feito cos datos da superficie forestal realmente existente en cada unha das catro provincias. No gráfico que se mostra de seguido recóllese en porcentaxes a superficie forestal por provincias en contraste coas axudas concedidas.

Fontes: http://clustermadeira.com/cma/galego-inventario-forestal-nacional/ Clúster da madeira para a superficie forestal e propia para as axudas concedidas.

Fontes: http://clustermadeira.com/cma/galego-inventario-forestal-nacional/ Clúster da madeira para a superficie forestal e propia para as axudas concedidas.

Loxicamente, se a provincia de Lugo conta coa maior extensión de superficie forestal, nesta mesma provincia concéntrase a maioría das solicitudes denegadas, como podemos comprobar na seguinte táboa, referida aos bosques de coníferas.

LIMPEZA E PODA DE CONÍFERAS. NÚMERO DE SOLICITUDES DENEGADAS POR PROVINCIA
 
A CORUÑA                    75        12,50%  
LUGO                         274        47,10%  
OURENSE                    103        17,40% 
PONTEVEDRA               135        23,00%  
TOTAL DENEGADAS       587           100%
 
Observemos como o número de solicitudes denegadas para limpeza de bosques de Lugo é un 264 % superior ao das denegadas en Ourense. Será que os solicitantes ourensáns son máis expertos en cumprimentaren os impresos de solicitude que os da provincia de Lugo?

Coas axudas que se conceden para a limpeza de bosques de caducifolias sucede o mesmo.

IMPORTE DAS AXUDAS PARA BOSQUES DE CADUCIFOLIAS
 
A CORUÑA                        21.739,63 €         0,84 %  
LUGO                             755.204,41 €        29,28 %  
OURENSE                     1.211.312,02 €        46,96 %  
PONTEVEDRA                   591.097,27 €        22,92 %
TOTAL                         2.579.353,33 €           100 %  

Mais, a porcentaxe do crédito non concedido para esta actividade elévase ao 36%, dezaseis puntos máis que nas solicitudes denegadas para a silvicultura de coníferas:

CRÉDITO PARA ÁRBORES CADUCIFOLIAS

CRÉDITO                 4.000.000,00         100%
CONCEDIDO             2.579.353,33           64%
SEN CONCEDER          1.420.646,67               36%

 
Conclusións

Resulta inxustificábel que o Goberno do PP non conceda a totalidade do crédito destinado á limpeza dos montes, orzamento que, por outro lado, procede nun 75% do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Do total de 15.000.000 de euros desta partida orzamentaria,  3.006.305,37 quedaron sen conceder.

A. CONÍFERAS

CRÉDITO                             11.000.000,00
CONCEDIDO                           9.414.341,30
REMANENTE                                     1.585.658,70   

B. CADUCIFOLIAS

CRÉDITO                               4.000.000,00
CONCEDIDO                           2.579.353,33
REMANENTE                                     1.420.646,67

REMANENTE TOTAL (A+B)            3.006.305,37

A esta cantidade hai que engadir agora tamén o importe das subvencións concedidas as miles de hectáreas de monte que arderon durante o mes de agosto, nomeadamente na provincia de Ourense, que non poden ser empregados en limpezas de bosques que xa non existen. Onde irá parar, por exemplo, o importe das axudas concedidas para a limpeza das 77 parcelas forestais do concello de Avión, das 42 do de Vilardevós, das 22 de Cualedro ou das 19 do de Sarreus que se viron afectadas polo lume?

Está demostrando isto que o Goberno do PP prefire investir os cartos de todos nós na industria empresarial de apagar os lumes a tomar as medidas preventivas, que son as que de verdade protexen o medio ambiente e incrementan a riqueza forestal.

Como nos mostran tamén os datos tirados desta análise, a adxudicación das axudas non se realizou con criterios obxectivos e tendo en conta  igualdade de todos os concorrentes ás mesmas. A que se debe que nalgunha provincia as solicitudes fosen maioritariamente denegadas e, pola contra, en Ourense se acumulen as concedidas e as maiores cantidades de dotación económica? Hai hectáreas de superficie de determinados concellos desta provincia que reciben centos de miles de euros mentres que outros das outras tres apenas presentan solicitudes estimadas.

Mesmo, para xustificar as causas das desestimacións, a Consellería non segue os mesmos criterios provocando a discriminación e obrando con arbitrariedade: nuns casos sinálase como causa da exclusión a falta de resposta dos solicitantes ao requirimento de subsanación mentres que noutros non se lles ofrece esa posibilidade legalmente regulada como un dereito dos administrados na Lei do procedemento administrativo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña