11:37 Martes, 24 de Outubro de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2016

Co recente atentado de Niça como pano de fundo, a prohibición do burquini, con amoestacións e multas, se foi espallando como o fogo, atinxindo case unha trintena de municipios

Burquini

Valorar (51)

ROBERT NEAL BAXTER



«O suxeitador é un invento absurdo, mais se se obrigar as mulleres a non o levaren, non sería máis do que as submeter a máis unha represión».

Germaine Greer, A Mulher Eunuco (1970)

Para entender as cousas, sobretodo os fenómenos sociais, cumpre colocalas no seu contexto. Estiven na Bretaña cando comezou o alboroto ao redor do burquini nunhas praias francesas que resultou ser un bulo mediático, probabelmente calculado, desmentido ao longo da mesma semana cando xa foi demasiado tarde, pois xa fora instalada na mente d@s frances@s a idea de que o burquini –e por extensión calquer prenda islámica– perturba a convivencia cidadá. Este ponto de partida baseado nunha mentira é esencial para entender o desenvolvemento posterior dun fenómeno cun marcado carácter islamófobo.

Así foi que, co recente atentado de Niça como pano de fundo, a prohibición do burquini, con amoestacións e multas, se foi espallando como o fogo, atinxindo case unha trintena de municipios, gobernados na súa maioría pola direita (LR) ou a extrema direita (FN), mais co apoio explícito do Primeiro Ministro, coincidindo así coa opinión de Marine Le Pen.

A difusión da falsa noticia coincidiu, para cúmulo, co masivo despregamento militar pagado polo Estado –seica a protección da Virxe non abondaría– con motivo da multitudinaria peregrinación a Lorda para velar pola seguridade dos fieis aí congregados xunto co Ministro do Interior para a oración pola Franza en memoria do cura decapitado, novo símbolo da Franza unida ao redor do catolicismo en repulsa ao islam, perdón... ao terrorismo. Entretanto, o Presidente reuníase co Papa Francisco para lle agradecer en persoa «a contribución da Igrexa Católica á unidade da Franza»... Viva o laicismo republicano!

Antes de máis, cumpre recalcar que esas prohibicións municipais non son conformes à lei, xa que o burquini –basicamente moi similar a un fato de mergullo– non vulnera a lexislación ao non tapar o rostro, nen entra dentro do ámbito da prohibición dos símbolos relixiosos na escola, polo que, finalmente, o Consello de Estado tivo que as declarar nulas.

Que fique moi claro. Non defendo nengunha obriga indumentaria ou de calquer outro tipo, nen por motivos relixiosos, nen por norma cultural (tanto máis canto se trata de regras que só atinxen as mulleres, como acostuma ser habitual), desde os tacóns e os corsets de ‘obrigada eleizón’ até os pés vendados, pasando polo tzniut, equivalente xudeu do hijab islámico, que obriga as mulleres casadas a taparen os cóbados e os xeonllos e a cubriren o cabelo cunha touca ou mesmo unha perruca, un precepto que algúns grupos ultra ortodoxos levan moito máis alá, etc.

Efectivamente, o burquini non é unha prenda calquer, pois identifica a afiliación relixiosa de quen a leva, tal como acontece tamén, por exemplo, co quipá xudeu ou o hábito dunha monxa católica. No entanto, polo de agora as forzas da orde francesas non tiveron a ben obrigar a xente a quitar estas prendas na vía pública, nen moito menos na praia. Trátase dunha demostración manifesta de islamofobía en tanto e canto vitimiza e criminaliza exclusivamente as mulleres musulmás, culminando no vergoñento e humillante espectáculo dun axente armado (varón) esperando na beira do mar para reprender e sancionar unha muller por se bañar con burquini, ou catro axentes –todos eles homes– obrigando unha muller a quitar parte da súa roupa en público, tal a policía relixiosa da Arabia Saudita... A isto, eu chamaríalle acoso e agresión.

Hai quen lembra que a queima do paranja no Usbequistán soviético aló polos anos 1920 representaba a libertazón da muller. Mais existe unha diferenza substancial entre desfacerse dunha peza de roupa e que cha quiten. ‘Queima o teu suxeitador!’ era unha das consignas emblemáticas do feminismo dos anos 60, mais a nengunha activista lle ocorrería ir arrincando os suxeitadores às súas conxéneres asoballadas pola rúa para as libertaren: ben sabían que a verdadeira libertazón sempre é froito dunha tomada de consciencia e dunha decisión persoal. E que por moito que se opine que o hijab atenta contra a integridade da muller, ninguén ten o direito a coaccionar ou obrigar unha muller pola forza nen para que poña, nen para que quite a súa roupa en público.

Como tamén xa aconteceu aquí na Galiza nun acto que Carme Adán, do BNG, cualificou de ‘discriminación’, na Franza as nenas están sistematicamente excluídas ou expulsadas do sistema educativo público por levaren o pano na cabeza –a non confundir co veo que taparía a cara– ou mesmo por levaren unha saia demasiado longa! Quen non o quer quitar quer por razóns persoais, quer por posíbeis presións familiares ten dúas opcións: ficar sen ser escolarizada ou acudir a un centro confesional... Coa prohibición do veo na vía pública e agora tamén do burquini nas praias, tal como denuncia Human Rights Watch, dentro de pouco as mulleres e musulmás non poderán nen saír à rúa na Franza. Vaia libertazón!

Polo outro lado, cabe advertir que as autoridades francesas están a xogar co lume e, xa se sabe, máis cedo ou máis tarde, quen xoga ao pirómano corre o risco de se queimar. Resulta francamente obvia a resposta ao laio que lanzan incesantemente os medios franceses de por que o Estado Islámico escolleu a Franza como albo preferente na Europa. Prender lume e despois deitarlle gasolina ao discriminar e criminalizar un segmento da poboación xa enormemente estigmatizado e marxinado como bode expiatorio –tal como fixo a Alemaña nazi coa comunidade xudía– para encubrir o seu proprio terrorismo de estado neocolonial e imperialista sob pretexto da santa cruzada contra o terrorismo é, sen dúbida, o mellor xeito de garantir a radicalización de quen se sente cada vez máis marxinado e alienado. Non será xustamente iso o que pretenden? Criar unha brecha social que confronte diferentes segmentos da poboación para desviar a atención dos graves problemas que afectan a clase traballadora no seu conxunto, independentemente da cor da súa pel, o lugar de nascemento da súa mai o do seu pai ou das súas crenzas relixiosas. Divide et impera! Resulta curioso constatar como se foron apagando unha tras a outra as multitudinarias protestas e mobilizacións sociais en contra da política do goberno à medida que se foi insistindo sobre a necesidade imperiosa de unir a tradicional Franza branca e católica en contra da ameaza da barbarie islámica.

Seica só se pode ser libre se se conforma a un determinado padrón de ser ‘francés/a’, e apartir de aí tod@s aqueloutr@s frances@s que non se amoldan deixan de ser iguais en direitos. Nen falar de fraternidade entre os diferentes povos e comunidades que compoñen a Franza nun mosaico étnico e relixioso herdado directamente do seu pasado –e presente– colonial.

U-la liberté? U-la égalité? U-la fraternité?

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



[03-10-2016 15:07] Juan Alix Trueba comentou:

No es el promer caso de bulo de esta naturaleza. hace unos años circuló una especie de "Protocolos de los sabios de Sión" en versión islamófoba http://www.debunkersdehoax.org/l-illustre-inconnu-m-mohamed-sabaoui-de-l-universite-de-lille-le-sociologue-qui-n-existait-pas

Por estos lares también tuvo su repercusión http://alianzacivilizaciones.blogspot.com.es/2009/03osotros-seremos-vuestro-caballo-de.html

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal