00:02 Martes, 12 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-09-2016

Galiza, neste momento, está moi necesitada de mirarse a si mesma, cara a dentro

Un país pobre e subvencionado?

Valorar (39)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



A resposta afirmativa é a visión da ideoloxía dominante, aquela que inoculan na nosa sociedade medios de comunicación, sistema educativo, moitas institucións e axentes sociais e económicos,  e  os partidos políticos de ámbito español. A campaña electoral para o Parlamento Galego, dentro das limitacións en que se move, non deixou de ser unha oportunidade para quen, como o BNG, ten outra interpretación, outra resposta diferente, antitética. Afortunadamente, esta diferenza notouse nos debates nos que a nosa portavoz e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, participou, nas intervencións que correron pola súa conta e nas entrevistas que lle fixeron. Fíxoo con habelencia, mestría, naturalidade e convición. Estaba sendo consecuente coa análise da realidade galega que fai o nacionalismo. E a mesma tendencia e intención tiveron todos e todas as candidatas do Bloque Nacionalista Galego.

Galiza, neste momento, está moi necesitada de mirarse a si mesma, cara a dentro. Todo incita a que non teñamos o propio país como punto de referencia, embobados ou hipnotizados por esperanzas postas no exterior ou desesperanzas que levan ao derrotismo e ao individualismo. O discurso da nosa incapacidade para valernos por nós mesmos tense convertido nun tópico hexemónico para xustificar tanto o statu quo, como a inviabilidade dun proxecto nacionalista. O pobo galego só con respiración asistida ou muletas emprestadas podería camiñar. Naturalmente, tírase de aí a lóxica conclusión de que resultaría un soño quimérico, unha fantasía sen sentido e mesmo un mal negocio pretender responsabilizarnos de nós mesmos. Claro que entón teremos que preguntarnos se pode haber algunha mudanza substancial, se podemos mellorar a situación do noso país, sen preocuparnos con preferencia por el, sen sermos conscientes da nosa capacidade e sen estarmos dispostos a responsabilizarnos dos nosos asuntos. A preocupación polo propio, Galiza como referencia, a crenza na propia capacidade e a asunción da propia responsabilidade son tres signos distintivos e caracterizadores do nacionalismo. Sen a asunción destas tres esteas Galiza non pode avanzar, porque sen elas nin hai conciencia colectiva, nin hai pobo con vontade política nin hai instrumentos para modificar a situación.

Falemos, pois, da realidade, non da ficción ou a mentira en que a ideoloxía dominante nos ten asolagados. O país pobre e subvencionado caracterízase, segundo os dados e informacións oficiais do Banco de España, recollidos mesmo pola prensa hexemónica, sen tirar ningunha conclusión ao respecto, por contar con 60.000 millóns de euros en depósitos nun sistema bancario totalmente alleo. Porén, os créditos concedidos na Galiza non superan os 44.000 millóns. A diferenza, 16. 000 millóns, emigran para fóra, como agasallo para dinamizar economicamente outras zonas do Estado, singularmente Madrid. Nada menos que o equivalente ao 27% do PIB galego é succionado a través dunha Banca foránea. Non é lóxico e natural a aspirar a contar cunha banca propia, inevitabelmente pública, para podermos aspirar a usar os nosos aforros no noso beneficio?

Chamoume a atención, no debate da TVG entre os candidatos á Presidencia da Xunta, que só a nosa portavoz, Ana Pontón, nun tema tan crucial e decisivo como o do financiamento autonómico, defendese unha alternativa clara, distinta á do actual sistema, nas súas antípodas. E moito máis rechamante foi que os demais desen mostras de incomodidade co tema tratando de pasalo con pés de manteiga, sen entrar no fondo da cuestión: a necesidade de Galiza contar cun sistema de financiamento baseado nos principios de suficiencia para enfrontar os gastos das súas competencias e propio dun autogoberno real. Isto é, cobrar o Goberno galego todos os impostos na Galiza, e pagarlle logo ao Estado o diñeiro en concepto das competencias que este desempeñe, tal e como ocorre co denominado concerto vasco. Este xiro copernicano acabaría co mito e coa ficción de sermos un país sen capacidade fiscal, subvencionado por España, tan querido e difundido, de forma groseira ou solermiña, por todos os partidos estatais, pola mediática e polo mundo académico galego, que naturalmente dá por boas as trapelas do Ministerio de Facenda de España.

O BNG conta con estudos e análises propias, moi rigorosas, grazas á capacidade e esforzo de Xosé Díaz (*) , que se poden consultar nos fondos desta revista dixital. Segundo os últimos dados, correspondentes a 2014, os impostos soportados por Galiza, conforme ao sistema fiscal español, alcanzaron a cifra de 11.125 millóns de euros. Neste mesmo ano, a transferencia do Estado á Xunta para cubrir os gastos de ensino, sanidade, protección social, etc...foron 7100 millóns. Hai unha  diferenza de 4000 millóns de euros. É a nosa unha "autonomía" subvencionada? Xa me explicará alguén como se pode mellorar de verdade  a sanidade, o ensino, a dependencia e facer inversións de capital, se seguimos acomodados a unha faixa restritiva  que nos priva,  non só de deseñar o sistema fiscal, senón tamén de executalo nós e decidir con enteira liberdade sobre ingresos e gastos. E por se fose pouco, fainos aparecer como incapaces, pois nunca se dan os dados do recadado na súa totalidade, ao 100%,  na Galiza, senón das porcentaxes parciais dos impostos que o sistema de financiamento autonómico español destina ás comunidades autónomas de réxime xeral. O grave é que esta mutilación fraudulenta é interiorizada e asumida como a proba da nosa incapacidade fiscal polos corifeos da españolidade na Galiza. Explícase por que todos os candidatos, agás Ana Pontón, preferiron, na campaña electoral, fuxir do tema, no canto de lanzarse, como fan moitas outras veces, a gabar, asumíndoa como propia, a tese da nosa incapacidade fiscal, só paliada grazas á solidariedade da madre  patria España. Non sei que clase de presidente da Xunta de Galiza se pode ser con esta ideoloxía e esta perspectiva...

Por se non abondase, o país pobre e subvencionado produciu en 2015 30.000 xigavatios/hora de enerxía eléctrica, o equivalente a 30.000 millóns de quilovatios/hora. Enviou para fóra 11.000 millóns de quilovatios/hora, con especial destino tamén a Madrid, que, por certo, apenas produce enerxía. A tarifa eléctrica é a mesma alí que aquí, conforme unha lexislación franquista fundamentada na unidade da patria española. Ningunha vantaxe comparativa para nós; iso si, moitos inconvenientes e danos medioambientais. Se se cuantificase a contribución enerxética galega ao desenvolvemento económico doutras partes do Estado desde os anos sesenta do século XX até hoxe, teríamos un exemplo expresivo de a quen servimos cos nosos recursos. Desde logo, ao noso desenvolvemento e progreso, non.

Poderíamos continuar, con moitos outros exemplos: o drenaxe de beneficios polas grandes empresas que aquí teñen actividade (máis de 4000) con sede fóra, cuantificado nunha cifra próxima aos 6000 millóns de euros; o drenaxe de ingresos, moi superior aos seus gastos aquí, de organismos públicos, como a Dirección Xeral de Tráfico ou Portos do Estado; a nosa función de fornecedores de materias primas sen que se desenvolva aquí todo o ciclo da súa transformación: o caso da produción de leite ou da madeira para pasta de papel...       Xosé Díaz tenme comentado, após  facer unha revisión das análises económicas de entón sobre Galiza, e lémbroo perfectamente, como nos anos sesenta, setenta, do século XX, no tardo franquismo, existía a conciencia, nas clases ilustradas, en particular nos economistas que se ocupaban da cuestión, e mesmo nun amplo sector popular, por enriba da súa ideoloxía, de a Galiza estar destinada a cumprir, dentro do Estado español, as seguintes funcións: a) drenaxe do aforro; b) man de obra para a emigración; c) materias primas e enerxía. É curioso como a ideoloxía dominante hoxe agocha ou pretende desviar a atención sobre este deseño, agora estatal e europeo, e o noso papel nel. É como se for impropio desta  modernidade hipnotizadora observar como funciona a nosa propia realidade, dentro do marco global na que estamos inseridos, valorar como nos vai e termos preocupación polo noso presente e o noso futuro. Nunha palabra, parece prohibido acreditar en que o pobo galego existe, ten dereitos, ten capacidade e só, responsabilizándose el das súas cousas, poderá ter futuro. Eis o grande valor e a imperiosa necesidade de contar cunha forza nacionalista na Galiza. Esta campaña electoral valeu para demostralo tamén no campo discursivo, no campo das  análises e propostas. E non é mérito menor a capacidade da nosa portavoz e candidata Ana Pontón para facelo con claridade, sinxeleza e empatía. O pobo galego existe, ten capacidade para valerse por si, e xustamente aspiramos a nos responsabilizar do noso futuro.

(*)Fun durante tres lexislaturas portavoz do BNG no Congreso dos  Deputados. Leigo en temas económicos, nunca ningún ministro ou cargo do goberno español me colleu en ningún renuncio ou puido rebater, con suficiencia ou fundamento,  as análises e argumentos do BNG, referidos aos orzamentos do Estado, a política económica  en xeral, e en particular, o sistema de financiamento autonómico, grazas ao asesoramento de Xosé Díaz.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.



[27-09-2016 19:24] Joám comentou:

Parabens pelo artigo. O PP, Psoe e os novos progres na Galiza defendem essa vissão errada de umna Galiza pobre. A drenagem financeira fornece de financiamento aos projetos empresariais espanhóis com popupança fruto do esforço dos trabalhadores galegos. Ao mesmo tempo que esses recursos faltam na Galiza. Um banco público poderia conseva-los para porjetos na terra e a juros mais favoráveis. Igual que o roubo da energía. O pagamento de impostos de empresas galegas em Madrid; um sistemas de financiamento que apenas revirte uma parte do aportado por Galiza; etc. E as "sinérgias" negativas inquantificáveis que o fortalecimento de Madrid em detrimento de Galiza causa na nossa economía e também na nossa cosmovissão de Galiza e Espanha. A nossa sicología de colonizados. A Galiza não é pobre. Está empobrecida. Pobre é Madrid, chaira erma. A riqueza que tem é graças ao expólio de Galiza entre outros territórios.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña