11:47 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-09-2016

Os ataques aéreos sauditas resultaron en máis dun milleiro de vítimas, 200 deles nenos, e 15.000 feridos; pero isto só e o principio

Iemen: a guerra absurda

Valorar (11)

XURXO MARTIZ CRESPO



A pesca do salmón en Iemen é unha película sobre o absurdo… poboar de salmóns un enxoito río iemení por capricho dun xeque. Parte dese absurdo vémolo hoxe, malia que doutro xeito e noutro ámbito, coa pretensión de derrubar o goberno iemení matando civís mentres a comunidade internacional olla cara a Siria e culpa, inxustamente, a Bashar al-Asad.

Mentres Estados Unidos e grupos islamistas radicais esnaquizan Siria, Arabia Saudita emprendeu unha guerra contra Iemen coa escusa de restaurar o goberno iemení deposto polo grupo insurxente dos hutís Ansar Allah (Seguidores de Deus), dentro dunha corrente do islam chiíta chamada o zaidismo.

Os hutís, que gobernaron o norte de Iemen durante preto de mil anos até 1962, tomaron o poder na capital iemení, Saná, en setembro de 2015 e esixiron unha maior participación chiita na gobernanza do país, malia ser Iemen un Estado de maioría sunita. En 2004 comezaron unha revolta (tamén chamada conflito de Sa'dah) da man do clérigo Hussein Badreddin al-Houthi[i],  asasinado polas autoridades iemenís e do que provén o nome de hutís.

A súa familia continuou a loita e encabezou cinco novas rebelións até o cesamento dos enfrontamentos en 2010. Un ano despois, os hutís uníronse ás protestas contra o presidente Ali Abdullah Saleh, que renunciou ao goberno, despois de 33 anos, e marchou aos Estados Unidos recibir tratamento médico,  despois dunha serie de revoltas pola súa teima de perpetuarse no poder mediante eleccións amañadas.

O traspaso do poder asinouse en Arabia Saudita e o seu sucesor na presidencia, Abd Rabbuh Mansur al-Hadi, permitiu o seu regreso ao país, despois de gañar unhas eleccións nas que el era o único candidato e presidente interino.

A mediados de 2014 comezan as protestas dos hutís contra o goberno central, que tomaron varios edificios gobernamentais na capital e avanzaron dende o norte por todo o país.

En xaneiro de 2015 tomaron o palacio presidencial e o presidente Hadi marchou cara ao sur, Adén, e os hutís reciben apoio dos seguidores do anterior presidente  Saleh.

Tomada Adén polos hutís, comezan os bombardeos por parte de Arabia Saudita polo que consideran que é a toma do poder de grupos claramente proiranís.

Esmagar os hutís e salvar os sauditas

Os ataques aéreos sauditas resultaron en máis dun milleiro de vítimas, 200 deles nenos, e 15.000 feridos; pero isto só e o principio. A promesa de Arabia Saudita de achegar 150.000 soldados á coalición de intervención en Iemen augura unha invasión terrestre na cal a sombra dos Estados Unidos é máis que visíbel xa dende a loxística dos bombardeos.

Esta colaboración de Arabia Saudita no traballo suxo en Iemen coincide coa promesa que o presidente Barack Obama fixo de vetar un proxecto de lei aprobado por unanimidade  polo Congreso para que as vítimas do 11 de setembro de 2011 puidesen interpor demandas contra Arabia Saudita pola súa suposta colaboración nos atentados.

Malia a ameaza de Arabia Saudita de vender activos estadounidenses no seu país por valor de 750.000 millóns de dólares, se o proxecto sae adiante, a realidade é outra e a colaboración saudita contra os iemenís dá fe da boa sintonía entre sauditas e estadounidenses.   


[i] Forzas iemenís matan clérigo rebelde. BBC


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña