19:34 Domingo, 03 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-09-2016

O que máis preocupa, como conclusión deste proceso, é a debilidade na que quedou o nacionalismo, de novo reducido a menos do que ten o propio BNG

Camiños seguros

Valorar (30)

LOIS DIÉGUEZ



Non foron afortunadas as primeirísimas declaracións do candidato da Marea á Xunta de Galiza, Luís Villares. Sobre todo porque eran como a proba de fogo para saber por onde ían ir as súas alternativas políticas. Falaba dunha posíbel alianza dos partidos que fan oposición no Parlamento Galego, e cando se referiu ao BNG deixounos a tremer con aquela frase de "no caso de que acade (o BNG) representación". O subconsciente ou quizabes conscientemente continuaba  a liña desa obsesión dos partidos españois e dalgúns grupos nacionalistas por acadar máis representación que o BNG. E tamén me deixou abraiado cando soubemos que antes de ser elixido ou proposto para tal representación xa el pedira a excedencia na xudicatura. Di isto que todo estaba atado e ben atado. Pero non era a proclama fundamental dos mesturados —españolistas e nacionalistas—, novos políticos con novas formas, que as decisións, as accións, tiñan que ser definidas pola chamada "cidadanía"? 

Crearon, para agachar as contradicións (nacionalismo-españolismo, que isto segue sendo real por moito que se queira achacar a ideas vellas e trasnoitadas) acentuadas polo grupo conseguido no Parlamento Español, o denominado Partido Instrumental –uf, que moderno e revolucionario soa–, capitaneado polos tres alcaldes-mosqueteiros que son puramente a representación dos 3 partidos  que iniciaron este proceso, Marea da Coruña, Esquerda Unida e Anova. Moi radical a decisión: o que non queira meterse queda fóra, non sae na foto. E moi democrática, desde logo. Se chega a facer isto a UPG, tan amada ela polos da nova onda, anúnciano até nas follas parroquiais.

E moito máis se analizamos o proceso político iniciado hai máis de 4 anos. A mestura de partidos escindidos do nacionalismo co vello e novo españolismo. As novas escisións en AGE até crear aínda máis correntes e  partidos. A aparición de Podemos e outra vez as difíciles e contraditorias relacións cos demais. O esfarelamento práctico dos principios políticos nos que a democracia, o protagonismo político das bases ou cidadanía (outra vez) eran o cimento para toda acción. En 4 anos nacen unhas alternativas das que non dubido que se podería aproveitar unha parte interesante, pero axiña, durante este tempo, saltan polos aires aquelas intencións que segundo eles habían romper coas formas e fondo da vella política. Todo moi rápido, como se nacer, medrar e consolidarse se puidese realizar por decreto no que leva tan só a infancia no proceso vital.

O que máis preocupa, como conclusión deste proceso, é a debilidade na que quedou o nacionalismo, de novo reducido a menos do que ten o propio BNG. O fortalecemento dos partidos españois (sobre todo Esquerda Unida que nen sequera gozaba de representación institucional). O fortalecemento tamén do PP, que está aproveitando tanta contradición e  tanta liorta precisamente por llela poñer en bandexa. A desesperanza que de novo renace nesta nación que nada nada mellorou a respecto doutras etapas da nosa historia. Ao contrario, en moitos casos empeorou.

E estando así as cousas, non sería o máis lóxico que houbese aínda que fose un timorato sentido autocrítico para tirar conclusións e daí os cambios necesarios? Por que os principais artífices da chamada nova política que atacaron sempre a outras forzas política por non realizaren a autocrítica necesaria non se aplican tal receita? Sería moi importante para o nacionalismo, xa, analizar a experiencia e os resultados obtidos durante estes seis últimos anos, e así afondar en palabras chave como autoorganización, unión, soberanía, dereitos nacionais e sociais, é dicir, nas melloras urxentes que o pobo galego, hoxe dobremete castigado, esixe.

Como non creo en  cantos de sereas e en procesos de ansiedade intensa e son amante da crítica e da autocrítica, e aprendín moito dos longos anos que nos templaron na batalla e na análise dialéctica, e sei que os procesos políticos, para a súa verificación popular, necesitan tempo para desenvolverse, amarse, confiar en si mesmos, e de moitísima humildade e paciencia e lucidez, digo agora, ben máis convencido, que se hai unha posibilidade obxectiva e real de avanzar na Galiza, polo noso pobo, nesta guerra da confusión, esta realidade está no BNG. Non por simple teoría ou interese persoal, senón pola longa historia que viviu, ateigada de moitos acertos e erros, mais nos que sempre mantivo a lei de que a nación, para vivir e realizarse de seu, ten que ser soberana. Non o esqueceu nen abdicou nen tan sequera nestes momentos delicados nos que, efectivamente, a desunión causa tanto estrago.

  Por iso, fundamentalmente, e coa consciencia de que o BNG é unha parte tan só que ha ser completada e enriquecida, pídoche a ti, Ana, que aceptache  valentemente o papel de candidata á Xunta que estás a realizar con ese sorriso de luz e serenidade e coa palabra firme e cálida de muller experimentada, e tamén como muller humilde que nunca traballou para si mesma e para as vaidades inherentes por veces ao ser humano, pídoche, digo, Ana, que leves a nosa voz, a do pobo galego que nunca renunciou a ser el  mesmo e a mellorar a súa situación, ao Parlamento de Galiza e á Xunta, pois es presenza importantísima sen a cal estes obxectivos nunca se conseguirían. E coma sempre, coa copa en  rubí dese néctar puro traballado nas adegas encantadas da nación, brindamos. Chin-chin, por ti, por Galiza, por todos e todas NÓS,  Adiante xa co BeEneGa! (poñédelle a música tan coñecida e cantade e repetide comigo, Adiante xa... e así, e así).

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[16-09-2016 16:57] Andrea comentou:

Coma sempre acertado Lois

[11-09-2016 12:04] Xulia Canoura comentou:

Q bonito e acertado me parece o teu artigo Lois!. Apreciase nel cabeza e corazòn,. Concordo co de Adiante xa!

[07-09-2016 09:08] Mu comentou:

Quen ten pode dar, onde hai corazón sobran retóricas. Adiante xa...!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña