17:47 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-08-2016

PARTÓVIA é unha parroquia do concello do Carballiño sonada polo antiga instalación balneária baseada nas suas mornas e enxofradas águas

PARTÓVIA: posíbel orixe do seu nome

Valorar (7)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Balneario de Caldas de Partovia


A granxa, a tulla, ou o couto de Partóvia; así aparece referido o noso lugar na colección diplomática do mosteiro de OSEIRA; dando conta de que dende recuados tempos foi un dominio agrícola do mosteiro cisterciense.

Recollemos desa colección o detalle de como, no ano de 1155, o conde D. Rodrigo e a súa muller a condesa Dona Fronilde donan aos abades D. Sancho e D. Vital diversos lugares en PARTÓVIA e Mouriz.

Nise mesmo cartulario aparece o nome da parroquia con diferentes grafías: PARTOBIA, PARTOVYA, PARTUVIA, PERTHOVEA e PERTOVIA.

Os intentos de explicazón do nome do lugar xiran ao redor da condición do PORTO ou PASO  que representa o veciño PORTO DE ÉGUAS.

Pénsase como procedendo dun hipotético PORTO de AVIA como paso ás terras baixas do Ribeiro ou mesmo imaxinativas orixes partindo dun PORTO DA VIDA, de difícil evolución gramatical.

O feito de non existir nen na Galiza nen no viciño Portugal un lugar con un nome semellante dificulta adscribir este nome a unha familia toponímica determinada.

Nós mesmos,e levados pola súa consideración agrícola de Granxa de Oseira, estivemos tentados de derivala dunha PRATÚMIA, ou sexa, terras de prados do mosteiro, pensando que o cultismo da língua clerical tería impedido a lóxica evolución a PRADUMIA ou PRADUVIA.

Noxendía, preferimos colocar o nome de PARTÓVIA na familia de topónimos derivados das pedras, Paradanta, Parafita, e por aí,... Lembramos dos nosos tempos de rapaces, cando ibamos aos loureiros ao viciño lugar das ADEGAS para exibir o domingo de Ramos.

Tentábamos traguer os ramos mais grandes, aos que se lle engadía un pouquiño de olivo,” para que colla a bendición ” decíamos entre a rapazada. Ao fin da misa e cos ramos bendicidos, ¿que facer con iles?

A solución que lle dabamos era organizar unha tremenda batalla, chamada “a mallota” ao pé da igrexia que xa deixaba os ramos suficientemente depinicados.

Aquelas covas entre os penedos gardan o antigo nome de AS ADEGAS, debido a que deberon ser usadas en antigos tempos para gardar as cubas do mosteiro.

Era emocionante entrar na cova grande das ADEGAS,que lle chamabamos “a catedral”, e explorala con linternas e fachicos até chegar ao río que se perdía entre os penedos.

Moito nos chamaban a atención aquelas pedras furadas polo vento e a erosión da auga que abundaba no lugar.

Non sabemos quen colocou ao pé do chafariz de Partóvia, no medio da praza e como escultura tirada da natureza unha deses penedos furados; o caso é que quen o fixo atinou coa orixe do nome da parroquia.

Velaí a nosa opinión de hoxe:

Derivamos o nome de PARTÓVIA, dunha orixinaria PETRA TÓFINA→TÓBIA dun TOFUS latino, co significado de “poroso” ou con buratos; onde o -f- pasou a -b- ou -v- conforme acontece en os nomes de DEVESA, que procede dunha latina DEFESA ou TREVIÑO evoluido dun antigo marco TRIFINIUM.

A evolución debeu ter sido así:

PETRA TÓFINA > PERA TÓVINA >PARA TÓVIA > PARTÓVIA

Ao fin, o nome de PARTÓVIA, sería un xeito moi antigo de chamarlle a unha PEDRA FURADA, tan destacada sería, que debía ter chamado a atención da xente para pasar a ser a denominación do lugar.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña