08:57 Martes, 05 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-08-2016

Satisfacción por unha etapa da vida entregada ao noso pobo con honradez, ideoloxía popular

Amigo Guerreiro

Valorar (14)

LOIS DIÉGUEZ



Vexo aínda hoxe ao compañeiro e amigo Paco Luís (Francisco Luís Rodríguez Guerreiro), sentado no "banquillo" con outros colegas do bipartito (PSOE e BNG) que rexeron Viveiro durante varios anos. E non podo afastar a emoción ante unha foto que axiña trae a imaxe de moitos anos de vida entregada á batalla pola liberdade deste país noso, polo dereito a ser un-unha mesma e vivir mellor con todos e todas as compatriotas. Desde os anos 70 que nos coñecemos en Lugo no programa de radio que eu coordinaba, Galicia Sempre, con el e coa súa compañeira, Xulia Canoura, compartimos amizade, loita, viaxes, debates, organización. Nas noites frías de Lugo, por eses anos, espallamos panfletos clandestinos ou pintamos de frases quentes e chamadas nacionalistas os muros e as esquinas das leiras e predios abandonados.
                                 
Grata foi, pois, a loita e a compaña, e diso naceu esta amizade que a ambos os dous lles profeso. Por iso esa foto no "banquillo" me emocionou e me encheu, tamén, de carraxe. Os xustos botados ao inferno. Os loitadores do noso pobo acusados polas corrupcións que outros, insaciábeis, argallaron.  Nove anos de espera por un xuízo que, felizmente, acaba de rematar absolvendo aos acusados de prevaricación por dar dez licencias de obras en varios anos. Así remataba a vinganza dun señor do PP, César Aja, que nunca asumiu que os partidos devanditos lle gañasen a alcaldía mantida por el durante 20 anos. Demostración, tamén, dese obxectivo planificado do PP desde hai moitos anos para enmerdar aos "outros" con acusacións sen peso, case sempre burocráticas, e tapar así as salvaxes corrupcións coas que castigaron as nacións deste Estado. Xa sabemos: o coñecido, conseguido e falso de  "todos somos iguais e ninguén pode presumir de honrado".                        

Logo, pois, a eses concelleiros e concelleiras do BNG e do PSOE que resistiron estoicamente durante 9 anos as acusacións, os murmurios lanzados na vila, o abouro e as interrogacións causadas coa denuncia malévola e vingativa de César Aja en veciños e veciñas de Viveiro que, obviamente, nada sabían do realmente acontecido e dos seus motivos soterrados. E en particular a Francisco Luís Guerreiro, home traballador e humilde que se algo sacou durante os longos anos de exercicio como concelleiro nacionalista foi unha pesada mochila de desgustos, alegrías, satisfaccións, traballos e gastos que non saíron precisamente das arcas municipais. E cun peto da mochila tamén pesado co mellor que viviu: o cariño que en xeral sempre se lle tivo.                   

Características fundamentais para vencer as acusacións infundadas e o abouro político por parte dos que sempre recean dos avances sociais que leven á consciencia política, son o humor e a paciencia. Viveiro caracterízase precisamente por telas. Viveiro, é dicir, a xente desta fermosa e monumental cidade. Se ao Cristo da Capela da Misericordia, o Ecce Home, negro polo fume das velas e do tempo, despois de lavado para que recuperase a cor branquiza orixinal, o rebautizaron co nome de Mikael Jackson, á escultura colocada á entrada da vila, encargada polo devandito Aja durante o seu goberno en loa  á familia (representa un matrimonio con dous fillos), ese enxeño popular sarcástico e humorista, –e dado que a muller dese ex-alcalde se apelida Chao–, axiña a bautizou cun nome: " os Aja-Chao" é dicir, os Ajachaos. "Aí quedan os Ajachaos", exclaman cando pasan cabo da escultura familiar. Así son os-as viveirenses, alegres e con esa chispa, calidade herdada por Francisco Luís e Xulia. Antón, o pai desta,contábame de feitos semellantes que me facían rir, e das numerosos bandas, orfeóns ou coros que os mariñeiros e mariñeiras creaban na comarca.

E agora, nestes días, comprobei tamén o contento e satisfacción da xente pola resolución da Audiencia Provincial. Pasear con Paco Luís e Xulia por Viveiro é ir parando a cada paso para comprobar as apertas, palabras de ánimos e cariño con que a xente toda, mesmo do PP, os agasalla. E sempre, sempre, sairá algunha referencia ben crítica e dura á etapa desastrosa e caciquil  que como alcalde tivo o denunciante.          

A satisfacción por unha etapa da vida entregada ao noso pobo con honradez, ideoloxía popular, e traballo terá o seu premio simplemente coa mirada limpa e agradecida de quen sufre, do humilde, de quen comprobou sacrificios e entrega. Neste caso o noso compañeiro quedou ben pagado. Botei de menos, con todo, o ánimo e calor de quen, por ideoloxía, os tiñan que mostrar. Queden, pois, os meus, tan presentes e firmes como os ofrecidos polo pobo viveirés.    

  -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[16-09-2016 00:14] helena comentou:

O artigo que lois escribe definindo a honradez e a calidade humana destes dous compañeiros podo decir que me produce emoción e tamén alegria que lle quero transmitir

[10-08-2016 16:45] MITAS comentou:

Comparto todo o dito no artigo de Lois. Moitos xa sabíamos da súa integridade como político e como persoa. A sentenza valida o que todos os compañeiros e amigos defendimos con él, e bota por terra o enmerdamento do César. Parabéns Paco. Grazas Lois

[10-08-2016 09:03] Xam López comentou:

Alegro-me muito por Paco, Xulia e seus companheiros e companheiras. Senore que coincidim com eles ao igual que com Lois, nom vim mais do que patriotas falegos dignos e consequentes. Aliás pessoas honestas e cordiais por mais que nom compartiramos militância.

[08-08-2016 10:26] aurelua comentou:

grandes verdades e moi ben descritas por Lois.
Santi e Aurelia

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña