13:44 Martes, 19 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2016

A escola, como arma de colonización, resístese, máis que a información turística aínda, a recoñecer as evidencias que o noso esplendoroso patrimonio nos incita a asumir

Rotas turísticas da nosa historia

Valorar (29)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Mosteiro de Caaveiro nas Fragas do Eume


Reparto folletos, xunto con outros compañeiros e compañeiras de MEDULIO, na Praza de Armas de Ferrol, a carón do  Concello, sobre as Irmandades da Fala na cidade e sobre dous obreiros da Construtora, delas membros, Charlón e Ermida, metidos a autores e actores de teatro, para representar obras sobre o mal de moitos: esquecer, desprezar e renunciar ao seu idioma orixinario, o galego. Variada recepción e interese entre as persoas que, transitando, abordo. Algunhas ollan con curiosidade os folletos e favorecen mesmo unha maior información sobre o seu contido. De súpeto, véxome rodeado por dúas parellas, aparentan ser matrimonios, duns setenta anos, que portan nas súas mans os devanditos folletos que Remedios, Elia ou Avelino lles entregaran antes. Acaban por me preguntar que se pode ver por aquí. Metido en fariña xa, sendo consciente que son de fóra de Galiza  e que están de ferias, inquiro de onde proceden. “De Madrid”, responden. Están hospedados na Coruña. Decido mudar de idioma entón, disposto a continuar a enxurrada informativa iniciada.

Non dan crédito de todo o que podían ver, pois na oficina de turismo apenas foran informados sobre o castelo de San Filipe e a posibilidade de dirixirse a Cedeira para comer. Selecciono dentro da súa intención inicial: o devandito castelo, a panorámica desde Monteventoso, A Capelada e San André de Teixido…Para o día seguinte: as fragas do Eume e Caaveiro, o mosteiro de Monfero… Quéixanse do mal indicado que está todo…Asenten, con convición, á miña tese de Galiza estar evaporada e eliminada, no plano turístico, pola idea do Camiño de Santiago….Acabo por meterme nos lodos da política. Aínda o soportan ben…Un dos señores, entre sardónico e festivo, vai ao miolo:  “Acabarán por pedir la independencia….”. Confeso que, entón, me perdín nun sarillo de explicacións, cunha carga emocional, que me levaron a concluír que eu non me sentía español, e tiña motivos máis que suficientes para iso…Por certo, unha das señoras concordou, no fragor da miña argumentación, con que Ferrol tiña moi mala pinta, que expresaba maltrato e abandono….Fóronse sorprendidos de canto había que ver, dispostos a encamiñárense aos lugares seleccionados e, seguramente, ambivalentes e algo perplexos respecto de quen os tiña orientado: agradecidos pola información recibida e polo trato dispensado, pola amabilidade; sorprendidos e algo reticentes por tela recibido dun fogoso separatista, entrado en anos.

Porén, vaiamos ao que nos  importa, a cuestión turística, e a devandita anécdota permite introducir e desenvolver. De Gallaecia a la Eurorregión, Rutas turísticas de nuestra historia, editado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, 2016, é o título dun opúsculo, con prólogos de Ricardo Rio, alcalde de  Braga,  e Alfredo García Rodríguez, alcalde de O Barco de Valdeorras, difundido con algunha prensa galega o domingo, día 9 de xullo. Unha lixeira análise deste libriño que intenta promover o turismo na Galiza e no norte de Portugal, coa historia como elemento motivador, mostra as luces e sombras, as potencialidades e deficiencias en que se sustenta o empeño.


Comézase por indicar nun mapa os monumentos, situándoos no territorio con símbolos ou icones, conforme ás seis seguintes clasificacións identificadoras: “Arte en pedra; De castrexos e romanos/ Xermanos, árabes e vikingos. A alta Idade media/ De reis, bispos e monxes. A Idade media /O tempo dos modernos/Da revolución aos nosos días”. Non imos discutir esta taxonomía. O que si rechama é que aparecen moitos máis monumentos na Galiza bracarense, o norte de Portugal, que na lucense, a Galiza actual. Non creo que se deba a unha descompensación discriminatoria. A explicación é máis sinxela. Evidentemente, a información portuguesa está máis axustada á realidade, é máis exhaustiva e ten menos censuras e lagoas, porque é propia dunha administración con menos prexuízos sobre o país e menos estereotipada e lastrada pola mentalidade colonizada. De  feito, na parte portuguesa, os monumentos aparecen vinculados tamén ao mundo rural. Na Galiza só ás cidades ou ás vilas que, seguramente, se consideran e denominan a si mesmas cidades. O resultado, a natural ausencia de Caaveiro, Montefaro, Lourenzá, Mondoñedo, San Martiño de Cangas ou Meira, sen irmos máis lonxe…As consecuencias, unha imaxe deformada de nós, máis cativa e restrinxida, pobre…

Curiosamente os dous alcaldes devanditos coinciden en subliñar un dado obxectivo, do que se deberían tirar algunhas consecuencias prácticas: a importancia do mercado turístico de proximidade, do que o alcalde de O Barco informa “que estadísticamente es el  que más  pernoctaciones consume a lo largo de las vacaciones y también durante los fines de semana que tiene el año”. Estase a referir ao turismo interior en relación co do  resto do estado e o estranxeiro propiamente dito. Na forma de proceder da política  turística na Galiza non dá a impresión de ser así. Non se explica, de outra forma, que se espalle un libro en español, con exclusión de calquera das formas lingüísticas estandarizadas da lingua orixinaria que se fala e é oficial ou cooficial na denominada eurorregión, a Gallaecia histórica, a galega e a portuguesa, para promover o turismo histórico (pode darse maior inri ou ironía sádica?) nela. Se se trata de promover o coñecemento da inmensa riqueza que a nosa historia nos ten legado, mal camiño é prescindir da lingua que nos une e identificou culturalmente. Polo tanto, os dados materiais, económicos, indican realidades que non se poden desatender e desconsiderar por motivacións e prexuízos ideolóxicos.

Rechamante é tamén a conciencia da realidade que expresa o alcalde de O Barco de Valdeorras cando afirma que un dos problemas da política turística na Galiza ten a ver coa promoción prioritaria e case exclusiva de Santiago e o Camiño. O resultado é que  todo está alí concentrado, agochando o resto do país, ausente da política de promoción turística. Esta ausencia de promoción turística do conxunto de Galiza ten moito a ver cunha concepción ideolóxica  proclive a anular a especificidade do país, a súa unidade cultural, a súa traxectoria histórica, converténdoo nunha apéndice de España e os mitos da cristiandade occidental. Aínda lembro, perplexo, como se me intentou convencer nunha ocasión por parte de confesos nacionalistas, da inconveniencia de usar o nome Galiza ou Galicia, como reclamo da propaganda turística, porque se confundía coa Galitzia polaca. Mellor, ser anónimos….e convertidos nun vulgar santuario católico de peregrinaxe occidental de chicle ou plástico …Fronte ao que indica o alcalde de O Barco non vexo rectificación algunha da política turística que nos converte en múltiples camiños de Santiago, sen a menor perspectiva de nós como pobo.

Tropeza, naturalmente, o opúsculo co problema da historia que se agocha a mantenta, que non se deixa aboiar, xustamente a que faría relucir a unidade primixenia, en todas as ordes, de Galiza e Portugal. Dísenos, nada menos, que o rei Afonso II, co descubrimento do sepulcro do apóstolo, incorpora Galiza ao reino astur, que nunca existiu, unha rabiosa invención mítica, para non asumir que aquí a malvada invasión árabe non anulou a continuidade da Gallaecia histórica. Menos mal que recoñecen que existiu o reino suevo,  seguramente pola súa capitalidade en Braga…. Naturalmente, contra toda evidencia histórica, diplomática e fáctica, non hai reino nin reis de Galiza, furtados todos e mudados en reis de León e Castela, en adoración submisa á abafante tradición histórica castelanista/españolista para desdouro, indignidade e ignorancia do pobo galego sobre si mesmo. E, mal dos tempos, non podía faltar a nota de modernidade dixital. Denominan  “xogo  de tronos”o que foi unha encrucillada decisiva para o noso futuro, o conflito entre os partidarios de Pedro I e os de Henrique de Trastámara, agochando o papel relevante de Galiza nel, o noso peso demográfico, económico e político, entre os reinos occidentais, o protagonismo e a influencia dos Castro…até o estremo de Galiza resistir durante máis de cen anos contra o trastamarismo castelanista, e mesmo tomando por rei a Fernando I de Portugal, como se encarga de recoñecer o libriño…O desenlace deste conflito que, no seu contido galego, perdurou un século, e non se pode despachar como un xogo de tronos, cavou a primeira fenda grave na unidade social, cultural e política entre Galiza e Portugal, e significou o inicio da nosa dependencia e colonización….Por certo, non deixa de ser unha ironía cruel e un síntoma da nosa relevante historia que a dinastía que desenvolveu o hexemonismo imperialista castelá se apropiase dun título nobiliar galego, pola súa evocación de riqueza, antigüidade e prestixio: o dos territorios situados tras do Tambre…

Sintomática é tamén a penosa interpretación do que pasou na Galiza en 1936…ou a valoración que merece a España que deixa Franco en 1975…Porén, un queda coa impresión de este opúsculo-guía estar por enriba da información histórica, e non digamos sobre arte, do país, que se fornece ao alumnado  no sistema educativo galego. Claro que isto indicaría que a escola, como arma de colonización, se resiste, máis que a información turística  aínda, a recoñecer as evidencias que o noso esplendoroso patrimonio nos incita a asumir…

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña