08:37 Domingo, 02 de Outubro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-07-2016

O terrorismo é a coartada perfecta para impoñer cambios políticos que doutro xeito non aceptariamos

Rede de mentiras

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Rede de Mentiras
é unha trepidante película de Ridley Scott do ano 2008. Nela, o actor protagonista Leonardo Di Caprio interpreta a un axente da CIA que desenvolve o seu traballo de campo en Oriente Medio. Nun momento dado da película este axente recorre a un experto informático da Axencia para crear na rede o perfil dun grupo terrorista xihadista endosándolle o atentado que a propia CIA acababa de perpetrar.

Unha web, un correo electrónico, perfis en foros e redes sociais e un comunicado reivindicando o atentado foi todo o que necesitou a CIA para crear da nada un grupo terrorista virtual, que lle permitiu actuar no mundo real con total impunidade, e cuxo terror se amplificaba a través dos medios de comunicación tradicionais baixo a bandeira falsa do grupo terrorista virtual.

A escena desta película veume a cabeza hai uns días logo do “atentado” de Niza. Non estou insinuando que o Estado Islámico non exista, que sexa unha invención virtual da CIA, ou que o Daesh estea controlado pola Axencia americana a pesar de que este grupo terrorista nutriuse dos mercenarios contratados por Occidente e Arabia Saudí para combater en Siria o goberno de Bashar al-Ásad. O que quero dicir é que hoxe en día xa non é necesaria a organización dun grupo de persoas máis ou menos cohesionado ideoloxicamente e cunha loxística que lle permita causar o terror polo mundo adiante. Polo que se ve basta un camioneiro de orixe árabe, mentalmente perturbado, que recibiu tratamento psicolóxico, para que todos os medios de comunicación masivos digan que o de Niza foi un atentado do Estado Islámico, porque así o reivindicou este grupo terrorista a través dun comunicado, a pesar de que a día de hoxe non hai evidencia algunha de contacto deste francés de orixe tunesina co grupo terrorista. Todo o que indican os medios é que visualizou algún vídeo do Daesh -e quen non, se até os poñen pola tele!!- e que se radicalizou en 15 días.

E outro tanto poderíamos dicir do atentado de Orlando, Estados Unidos, onde home armado até os dentes irrompeu nunha discoteca de ambiente homosexual matando a máis de 50 persoas. O que noutro momento histórico este sería unha atentado contra a liberdade sexual, un atentado homófobo, dunha persoa que no aceptaba a súa identidade sexual, como se puido comprobar máis tarde, as autoridades policiais e políticas, así como medios de comunicación, buscaron e rebuscaron no seu historial na rede para atopar un mínimo vínculo que o relacionase co Estado Islámico, feito que un comunicado desta organización axudou a corroborar.

En ambos os dous casos a lóxica indica que estes atentados foron perpetrados por persoas psicoloxicamente perturbadas e non por influencia do Estado Islámico. Ningunha destas dúas persoas se caracterizaba por ser musulmás practicantes, nin por seguir o Corán ao pé da letra, de feito tiñan hábitos moi occidentalizados, e culturalmente o nexo de unión co mundo árabe era cero, a pesar da súa orixe étnica.

Sen embargo, contra toda lóxica, a nosa clase dirixente ten claro a quen atribuírlle os atentados; basta un simple comunicado do Estado Islámico para que automaticamente se prorrogue o estado de emerxencia uns meses máis en Francia, e unha sociedade en estado de shock acepta calquera solución que a poña a salvo da barbarie terrorista, mesmo entregándose cegamente nos brazos de gobernos autoritarios, como estamos a ver en Turquia nos últimos días e como veremos seguramente nas democracias occidentais nos próximos anos.

Protexernos do terrorismo é a coartada perfecta para impoñer cambios políticos que doutro xeito non aceptariamos. Agora é o Estado Islámico, non hai moito Al Qaeda, hai algúns anos máis o perigo comunista e o arsenal atómico, o caso é ter a sociedade asustada para controlala de xeito máis doado. Claro que cando o mundo se dividía en dous bloques a cousa era moi doada, dependendo de que lado estiveras do muro uns eran os bos e outros os malos. Agora, todo é máis difuso, o bombardeo continuo de información e mentiras anula todo tipo de raciocinio e de análise nos seres humanos como estamos a ver.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña