00:38 Domingo, 25 de Xuño de 2017
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-07-2016

Cumpre traballar con ilusión para que sexan cada vez máis as persoas que acreditaren no proxecto nacionalista como única saída real aos problemas do País

Benegá!

Valorar (72)

ROBERT NEAL BAXTER



Son nacionalista, ergo son do BNG. Sei que non está de moda: nunca o estivo. Mais, eu non escollo –nen mudo– a miña ideoloxía e a miña práxis política en función das modas fugaces dun día, senón segundo as miñas máis profundas conviccións, partindo dunha análise obxectiva da necesidade de defender os intereses do povo onde vivo; o galego. Chámase ética política, que tampouco está moi de moda.

Seica hai quen anda desmotivado polos resultados eleitorais e a perda de votos entre os comicios de decembro e a segunda volta presidencialista de xuño. É comprensíbel, e dentro do contexto era case inevitábel: non hai máis que ver tamén a situación en que se achan as forzas nacionalistas consolidadas da Catalunya e Euskal Herria. Mais xustamente é nos momentos máis duros cando máis falta fai unir esforzos e traballar aínda máis arreo para saír do impasse. Eis o verdadeiro sentido do lema do Día da Patria: ‘Galiza viva. Soberanía e Traballo’. Non podemos defraudar as case 45.000 persoas que aínda neste contexto tan complicado confiaron no BNG para o Congreso e as máis de 182.512 (que se di moi rápido) para o Senado onde xa non estaban tan trucados os dados favor dos catro contrincantes predeterminados. Polo contrario, cumpre traballar con ilusión para que sexan cada vez máis as persoas que acreditaren no proxecto nacionalista como única saída real aos problemas do País.

Son tempos de moita confusión, promovida en grande medida polos medios de desinformación afanados en perpetuaren o sistema, e a tentación de deixarse levar pola corrente sempre é moi sedutora. Mais non hai que fiarse de cantos de sereas: o camiño da liberdade é unha longa verea, pexada de obstáculos, mais se queremos conquistar a liberdade non hai outra alternativa do que percorrelo con paciencia, determinación e afouteza. A historia non se traza nunha liña recta e o nacionalismo galego xa encarou retos moito máis díficeis, como foron a longa noite de pedra, o desterro de Castelao e os fusilamentos de Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal, o asasinato de Moncho Reboiras e a entrega e o sacrificio abnegado de centos de mulleres e homes anónim@s. Non se pode faltar à súa memoria ao escoller a senda da rendición, trocando a Matria por un puñado de votos.

Eu síntome moi orgulloso de militar no Bloque Nacionalista Galego ao lado da miña filla, membro de Galiza Nova, semente de vencer. Unha organización que non transixiu contra ventos e marés e non claudicou dos seus principios fundacionais desde hai máis de tres décadas, fiel herdeira das Irmandades da Fala que enunciaron o principio de autoorganización coa consigna “Nós Sós”. Non se pode lanzar borda fóra 100 anos de historia, 100 anos de loita. Non se pode renunciar a soñar cunha patria libertada.

O nome dio todo:

Bloque
: Cohesión e unidade de acción coa vocación de arroupar todos os elementos que se definen como nacionalistas para alén das súas ideoloxías políticas. Plásmase no modelo asemblear que garante o direito democrático de toda a militancia a expresarse libremente nun debate franco e aberto, desde as localidades e as comarcas, até a Asemblea Nacional, como a celebrada en febreiro deste ano na Coruña. Respeito tamén polo pluralismo para que cada un/ha teña cabida na casa común do nacionalismo. Son militante da UPG, partido cofundador do BNG que leva máis de 50 anos de férrea defensa dos direitos nacionais da Galiza e dos intereses das súas clases traballadoras. Esta miña militancia partidista non me outorga máis direitos ou privilexios do que o resto da afiliación do BNG, onde se aplica escrupulosamente o principio de ‘un/ha militante, un voto’, mais si permite que milite ao lado de outras persoas que non se definen como comunistas, unid@s nun propósito común: unha Galiza ceiba.

Nacionalista: “O nacionalismo é a resposta contra unha situación de dependencia económica, opresión cultural e política de Galiza que imposibilita a transformación e benestar da sociedade”. A Galiza como nación, non unha simples rexión ou apéndice de Ejpaña con capacidade de decidir por si soa sen tutelas, partindo do principio da autoorganización e da soberanía. “Galiza, como nación, ten dereito á autodeterminación e ao exercicio da soberanía nacional”.

Galego
: Antítese de Ejpaña, o xugo estatal que nos asoballa e nos nega a todas as persoas que nos declaramos galegas exercermos como tal; non só as nascidas na Galiza, mais todas aquelas que estexan realmente comprometidas con ela. Que aqueles que nos acusan de dar carnés de galeguidade, que deixen de ser axentes da Patria española e que comecen a exercer de galeg@s.

Ora ben, consciente da necesidade de analizar e adaptarse às mudanzas na situación política e social mais sen renunciar aos seus principios, o debate non ficou pechado ao rematar a XV Asemblea Nacional do BNG, que acordou lanzar o Proceso Adiante de refundación, encetando un debate democrático e transparente de baixo para cima, aberto à colaboración de mulleres e homes sen militancia co fin de reactivar, reactualizar, reforzar e relanzar unha alternativa xenuinamente nacionalista na Galiza.

“Probe Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida”. Que non nos enganemos: ninguén vai facer o traballo para nós. Malia a fianza abusiva imposta polo Concello de Compostela a Galiza Nova, non deixa de resoar na Homenaxe a Rosalía en Bonaval a letra potente e sempre vixente de Nao: Coas estas mans, coas túas mans, venceremos nós!

Ánimo e avante!


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.


[22-07-2016 18:29] Robert Neal Baxter comentou:

Erratum
Obviamente o número de votos para o Senado é errado. Non son amigo dos números e copiei sen pensar moito dun sitio onde, por fin, achei un resultado numerativo (cousa fifícil en si) Debería ser aprox. 80.000

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Presentación do III Volume das Obras escollidas de Bautista Álvarez en Pontevedra


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal