08:06 Mércores, 06 de Xullo de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-07-2016

Encol das orixes de Compostela e a chegada dos restos do Apóstolo tense especulado na posibilidade de teren sido realmente os restos de Prisciliano

Lidando co mito: O nome de COMPOSTELA

Valorar (10)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Seica os pobos precisan de mitos e de líderes carismáticos; chegados aí pérdese o raciocinio.

Ao abordar a orixe do mítico nome de COMPOSTELA imos seguir o consello que nos deixou Castelao daquel investigador que desfai a lenda da princesiña morta de amor ao pontificar que o falecemento se debera a unha enchenta de cereixas; “Hai xente que non sabe estar calada!”.

Para interpretar o nome de COMPOSTELA, o que faríamos primeiro é ollar se existe este nome en lugares menos “politizados” que Santiago, e repararíamos que hai varios pequenos lugares por Ourense que locen ese nome, amén da COMPOSTILL A do Bierzo, da que non dubidamos que foi unha COMPOSTELA castelanizada.

Os que investigaron o nome, pensaron nunha derivación dun COMPOSITUM latino co sentido de enterramento ou sepulcro, pero remataron aceptando que a nosa COMPOSTELA debe o seu nome a ser unha vila ben COMPOSTA ou feituca.

Claro que isto non explicaría o nome das outras COMPOSTELAS  que locen polo País, que son paraxes rurais onde non se chegou a construír cidade ningunha.

Nós, seguiríamos o camiño suxerido por algúns pergameos de San Estevo de Ribas de Sil que nos falan de deixar “… a composta na viña e as uvas no lagar…” parece que referíndose  a toda a ramallada vexetal que sobra da vendima, o que hoxe chamaríamos de COMPOST.

Isto levaríanos a pensar que o antiga terra do Libredón era un monte común onde se podía rozar ou facer a “bouza”.

O LIBREDÓN debía ser un monte comunal, pois o feito sobrenatural ten unha natureza social e non pode producirse nunha propriedade privada. As Compañas e Hostes sempre sobreveñen en encrucilladas, montes comúns ou marcos parroquiais.

Encol das orixes de Compostela e a chegada dos restos do Apóstolo tense especulado na posibilidade de teren sido realmente os restos de Prisciliano, recollidos en Tréveris polos seus discípulos  e inhumados no monte do Libredón.

Mellor, calemos o conto.O caso é que arredor do mito compostelán chegan desde centos de anos, xentes de todo o mundo para acadar o noso FINISTERRE.

Matinemos no bon resultado que lle deu aos escoceses inventar o mito do monstro do Lago Ness, que atrae unha chea de xente a un lugar ao que non ía ninguén.

Ou a ruta de D. Quixote por terras da Mancha, que leva alí a unha chea de turistas, cando ben sabemos que o bon fidalgo manchego non saíu nunca da mente do seu autor D. Miguel.

Se nos achegamos a Baker Street, na capital londinense, poderemos visitar a casa de Sherlock Holmes coma se houbera existido tal personaxe fora dos miolos de Conan Doyle.

Tamén podemos visitar as casas de personaxes fabulosos como a de Merlín e a de Morgana, se nos achegamos a Cornualles.

Todos estes son mitos modernos, en comparanza coa antigüidade  de centos de anos do mito compostelán.

No noso caso, pensamos que o mais conveniente  é acreditar que é unha cidade que nasceu dun milagre e aceitar o relato oficial de que  a palabra COMPOSTELA  procede dun latino CAMPUS STELLAE para designar un lugar onde apareceron unha estrelas ou luces que anunciaban a localización da tumba do apóstolo Santiago que foi traído polos seus discípulos desde Xerusalén nunha barca de PEDRA!.

Deste xeito seguirán vindo centos de pelegríns que dinamizarán a economía da cidade coa conseguinte alegría dos taberneiros da rúa do Franco que son todos do VAL DO DUBRA.

Deixemos as outras disquisicións para tertulias de amigos diante dunha cunca de brancellau ou treixadura, e aceitemos o poder do mito.

No eido persoal, para min Compostela é unha cidade milagreira; sempre que me achego a ela acontéceme a maravillosa sorpresa de me atopar con algunha antiga amizade coa que xa no tiña contacto e da que xa perdera toda esperanza de atopar.

Chegados aquí matinamos se non será certo que a realidade facémola nós cada día, proxectando o noso pensamento e o noso sentimento encol das cousas.

Ven moi a conta agora, nas vésperas do DIA DA PATRIA, cando acontece cada ano a magnífica premonición da GALIZA CEIBE que anceiamos.

Un soño que  transforma na realidade  da NACIÓN os traballos e emocións  das masas de persoas patriotas chegadas de todos os cantos do País nas rúas e prazas de Compostela.

 -------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña